Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pregón do Nadal en Begonte

miércoles, 15 de diciembre de 2010
Ilustrísimas autoridades, veciños de Begonte, amigas e amigos todos.

En primeiro lugar, o meu saúdo agradecido a D. Xesús Domínguez Guizán, cura de Begonte, e a Xulio Xiz, amigo e parente, por terme convidado a este acto tan entrañable como é a inauguración anual desta obra de arte e fe que é o Belén de Begonte.
O meu agradecemento é dobre, xa que, por unha parte, síntome honrado de ser o continuador de tantas persoas, de gran categoría, que teñen pronunciado este pregón. Se os promotores deste acto consideráronme digno de facelo, este é un bo estímulo para mellorar a miña autoestima, xa que cando escribo un libro ou dou unha conferencia sempre penso que o meu traballo é pobre e non aporta nada novo. Por outra banda, síntome agradecido de poder achegar o meu pequeno grao de área a unha obra admirable, que anuncia, cunha pedagoxía viva, as raíces dá nosa fe cristiá, e ven ser como testemuña actual dunha tradición milenaria, precisamente nun intre cultural no que non está de moda o facer pública confesión de fe católica. Este Belén ven levantar acta de que a fe cristiá, presentada de forma intelixible e palpable, segue chegando ao corazón do noso pobo. Isto merece o noso agradecemento e a noraboa mais cordial aos seus creadores e promotores.
Pregoar o Nadal quizais fora mais ben oficio de nenos e anxos, ou mesmo habería que dici-lo pregón sen palabras, con balbuceos ou só con olladas limpas e con sorrisos serenos. A razón é que as palabras xa excesivamente usadas e fráxiles, transmiten pouco daquel misterio prodixioso de Deus nacendo nunha corte, festexado polos sinxelos e pobres e cantado polos anxos. E as cousas non cambiaron moito. ¿E quen poderá entender este milagre? Só os que teñen o corazón aberto á tenrura e á ilusión, os que non cegaron a mirada coa teima de seren superiores aos outros, e de ter máis ca ninguén, entenden este milagre que é cada nacemento, ó tempo que gozan con esta xeografía da alma que se traduce en paisaxes de musgo e de madeira, e cos ceos azuis con estrelas de purpurina e un cometa grande que orienta sobre todo ao propio corazón.
Dos seus creadores quixera dicir unha palabra, que chegase tanto á razón coma ao corazón de cada un dos presentes. Palabra que quixera converter en oración e loanza a Deus por ternos feito a todos o gran agasallo desas vidas tan fecundas, que, ao dicir da nosa fe, sérvennos de apoio dende a outra ribeira, pois pola comuñón dos santos fanse presentes nas nosas vidas coma irmáns que son.
Pregoar o Nadal en Begonte resulta doado e fermoso, porque abonda con abrir os ollos e ver, aguzar os oídos e escoitar, pois esta terra mantén vivo o milagre das paisaxes, camiños e ríos cheos de agarimo, sempre silenciosos, onde as follas dos castaños e dos carballos non se atorden diante do asubío agreste dos eucaliptos. Ven ser coma o Belén orixinal co que un sempre soña, aínda que teña pouco que ver co de Palestina, pero que é o mais auténtico para o noso corazón e para a nosa memoria; xunto cos sons do folclore máis rico e veraz, que son melodía fresca como unha brisa que serve para serenarnos, coma se neses sons acougase toda a harmonía do mundo a modo de feliz panxoliña.
Esta mostra de arte, fe, ilusión e tenrura, que hoxe contemplamos, está entrañablemente unida á vida desas dúas persoas, sementadoras de fe e esperanza, D. Xosé Domínguez Guizán e de D. Xosé Rodríguez Varela. Ámbolos dous foron seducidos pola beleza dá Encarnación do fillo de Deus e os sentimentos da xente de Galicia, que dende sempre no Nadal expresa os mellores desexos de amor e de entrega, e tamén unha certa reivindicación dos nosos traballos e oficios caracterizados con tanto tino nas figuras deste belén que, un ano mais, nos abre as súas portas.
Coñecín a D. Xosé cando eu era aínda un neno e el o cura de Santa María de Labrada. Tiña unha vitalidade e unha forza interior que cativaba a un sen darse conta, transmitindo sempre a ledicia dá súa vocación sacerdotal coma un servizo a Deus e á xente. Ao vir para Begonte, sentiuse e fíxose un begontino mais; por iso, no cabodano do seu pasamento, ao ler eu a súa lápida sepulcral, vino alí definido como era, tal como lle correspondía: un pai bo no medio dos seus fillos benqueridos, aos que “coa súa pobreza e o seu traballo enriqueceu a todos”. Esa pobreza que Santa Teresa canta como fonte de riqueza, pois a quen ten a Deus non lle falta ren. É a verdadeira riqueza, que ensancha o corazón dos homes e mulleres deste recuncho da Terra Chá, e que sentiron e amaron como seu a D. Xosé de Begonte, nome co que el era coñecido en toda Galicia. Foi el quen fixo posible o marco adecuado para o Nadal de hoxe e de sempre. A fin de contas, como San Francisco, só pretendía que os seus veciños e fieis festexasen o feito do nacemento do Señor.

A Don Xosé Rodríguez Varela, “Joselín”, só o coñecín de pasada e puiden apreciar a súa humildade franciscana ao amosar con sinxeleza a súa obra artística. Dise que a primeira representación do Belén foi a que fixo San Francisco de Asís en Greccio coa xente do pobo. Ían cos traxes daquel tempo e daquela terra. A idea veulle a San Francisco da súa viaxe a Belén durante a primeira Cruzada, no ano 1219; dise que coñecera a gruta onde naceu o neno Xesús e que meditou profundamente aquel acontecemento. Desde ese intre, o presebe propágase por todo o orbe cristián latino ata os nosos días; e a súa influencia transmítese tamén á arte, que nos legou obras ben fermosas de diferentes representacións plásticas do presebe. Por desgracia a nosa época está vivindo unha perda paulatina da tradición do Nadal e, así como na antigüidade os cultos pagáns foron absorbidos polo cristianismo, agora a celebración do Nadal perde o seu carácter relixioso e vólvese unha celebración sen máis horizonte ca o comercio e a boa comida. Vale a pena esforzarnos por recuperar o senso do Nadal para facer presente o noso pasado máis fermoso.
A obra de Varela, seguindo aquela primeira representación, fixo do Belén de Begonte un canto á beleza dás persoas, casas, muíños, ríos e fontes da Terra Chá. Deus no Nadal faise home e transcende o momento histórico do seu nacemento, por iso os nenos e nenas, de idade ou de corazón, que veñen a Begonte, senten que o neno Deus é parte dá súa propia vida, e está na entraña dá súa cultura e forma de ver a vida. Na inocencia dun belén electrónico hai todo un abano da filosofía do Nadal, da simboloxía das representacións populares; de buscar raíces e razóns para volver ao esencial, do que tantas veces nos esquecemos.Velaí a proba da sensibilidade fondamente galega de “Joselín”.
Eles deixaron plasmada para sempre a ribeira da Palabra que dá vida e acende os corazóns. A Palabra fíxose carne, e con ela a salvación fíxose poesía e declaración de amor e murmurio de tenrura. Por iso o meu pregón comeza tal como sucedeu a primeira vez que alguén, os anxiños do ceo, se atreveron a facelo entre ledicia e tremor:

“Anúnciovos unha gran alegría, non temades: Naceuvos un Salvador. Gloria a Deus nas alturas e na terra paz aos homes que El ama”. Así de sinxelo, misterioso e transcendental ao mesmo tempo, foi o primeiro pregón do Nadal, coma un anuncio dunha primavera sen fin para mundo. E o silencio daquela noite santa converteuse en música viva e en sorpresa, en ollada contaxiada de luz e en palabra vestida de tenrura.
Así foi desde o principio. Xesús púxose ante a sociedade cunha capacidade de atraer que fascinou aos homes e mulleres do seu tempo. O anhelo de beleza atopou nel o seu cumprimento. O Verbo (logos) fíxose carne e habitou entre nós (Xn 1,14). É dicir, a razón (logos) que deu a orde ás cousas, a Beleza que se asoma en todas as belezas, a Bondade que brila nos xestos máis humanos, fíxose carne, como cada un de nos, na humanidade de Xesús de Nazaret. Hoxe vive na Igrexa. É esta humanidade nova, real e atractiva, a que o mundo necesita.
Por iso pregoar o Nadal é costume establecido xa na antiga igrexa; temos testemuños como na Igrexa de Xerusalén, tal como nos conta a galega Exeria, que na primeira parte do século IV acode a celebración do Nadal naquela Igrexa, que era coma unha representación litúrxica que se ía facendo nas diversas igrexas da cidade. Tamén hai testemuñas desta celebración na Igrexa de Roma, da cal conservamos o canto do anuncio do Nadal que chamaban a Kalenda. A Kalenda é a lectura que se facía de véspera para contar o testemuño dos santos dos que se celebraba a festa o día seguinte. De aquí pasou aos mosteiros e igrexas de toda Europa aos comezos da idade Media. Alí, na hora de prima do 24 de Nadal, cántase a Kalenda no oficio litúrxico. Unha traducción libre, feita desde o latín, di mais ou menos deste xeito:
“Anunciámosvos, irmáns, unha boa noticia,
unha gran alegría para todo o pobo;
escoitádea con corazón gozoso.
Pasaran miles e miles de anos
desde que, ao principio, Deus creou o ceo e a terra
e fixo ao home á súa imaxe e semellanza;
e miles e miles de anos desde que cesou o diluvio
e o Altísimo fixo resplandecer o arco iris,
signo de alianza e de paz.
Preto de dous mil anos despois de que Abrahán,
o noso pai na fe, deixou a súa patria;
1.250 anos despois de que os israelitas,
guiados por Moisés, saísen de Exipto;
mil anos despois da unción de David como rei;
no ano 752 da fundación de Roma;
no ano 42 do imperio de Octavio Augusto,
mentres sobre toda a terra reinaba a paz,
fai 2010 anos,
en Belén de Xudá, vila humilde de Israel,
ocupado entón polos romanos,
nun presebe, porque non tiñan sitio na pousada,
de María virxe, esposa de Xosé,
da casa e familia de David,
naceu Xesús,
Deus eterno, Fillo do eterno Pai e home verdadeiro
chamado Mesías e Cristo,
que é o Salvador que a humanidade esperaba”.

O desenvolvemento da liturxia, que ensambla fe e vida, cando o latín deixa de ser comprendido polo pobo, a xente expresa a súa relixiosidade con formas de representación e canto dentro de igrexas e catedrais, dando orixe ás representacións sagradas e ao teatro.
Os actos litúrxicos teñen a súa orixe na Paixón e a Pascua, e, a imitación destas, introducíronse nas misas e celebracións litúrxicas do Nadal tropos dialogados que moitos estudiosos consideran coma o orixe de dramas litúrxicos do Nadal denominados Officium Pastorum, cuxo contido é o anuncio do nacemento de Cristo feito polos anxos aos pastores, e a posterior adoración destes diante do presebe, seguindo o evanxeo de Lucas 2, 7-20.
A celebración do Nadal está presente na igrexa de Oriente e de Occidente, pero o Oriente fíxoo con máis luxo, e o Occidente coa máxima humildade. Ven sendo un mesmo fondo, validado por antagónicas formas e conceptos que levaron a crear o tradicional Belén de Nadal ao representar o máis esencial da Liturxia destes actos.
Os Evanxeos Canónicos da Infancia, os Evanxeos Apócrifos e, especialmente, o evanxeo do pseudo Tomás tratan os misterios da infancia de Xesús e de alí están tomadas as escenas que vemos representadas nos nosos beléns de hoxe en día. Logo será Tertuliano, no século III, o que introduce algunhas precisións: así, por exemplo, cambiou o nome de Magos polo de Reis, e no século IV o Papa San León Magno foi o que decidiu fixar que fosen tres Reis e un deles negro, pois nos comezos do cristianismo só se representaba o misterio con dous Magos. Pero sería no século XII cando, ó buscar unha aplicación catequética, a Igrexa implantou a maioría das iconografías de Cristo e o seu simbolismo. No que atinxe ao Misterio do Nadal, presentan aos tres Reis Magos como símbolo dos Continentes de Asia, Europa e África. De aí que Baltasar sexa de raza negra e o portador da mirra, que simboliza a presencia real de Xesús e a súa Natureza Humana. O ouro simboliza o seu “status” Real; e o incenso, o seu Honor e Gloria. Isto debeuse a un cambio dirixido pola Igrexa co afán de universalizar o cristianismo e presentar a Xesús en todos os continentes e razas.

Representados desde finais do século XI ou comezos do XII no oficio de Maitines do día de Nadal, coñécense algunhas pezas procedentes das catedrais de Rouen, Padua e Clermont-Ferrand. O diálogo entre o anxo e os pastores cantouse tamén en forma dramatizada no oficio litúrxico de Laudes, que se celebraba entre a primeira e segunda misa do día de Nadal, en que dous grupos de cantores interpretaban antífonas de estructura dialogada, que se repetían ao longo da primeira parte do oficio. Estes cantos litúrxicos, que se levan ó teatro, están ben documentados en Francia e España, onde tiveron ampla pervivencia, dando lugar a espectáculos populares da Adoración dos Pastores dentro dos templos, como acontece nas catedrais de León e Toledo ou en Monserrat, onde no século XIV seguíase denominando á cerimonia Officium Pastorum.
É desde aquí desde onde temos que comprender o éxito do misterio do Belén, que iniciou san Francisco de Asís na vila de Greccio e que perdurou ata nós.
De finais do século XIV e, sobre todo, do século XV, temos tamén noticias de representacións en legua vernácula celebrada xa fóra das igrexas, en que se puñan en escena temas do Nadal (Nacemento, Pastores e Magos) ben como pezas illadas ou formando parte dos grandes Misterios da vida de Xesús. Na Península Ibérica parece que foron especialmente populares os dramas dos pastores e os dos Magos. Para moitos, as Pastoradas e dramas populares de Reis, representados no tempo recentemente pasado en León, Murcia, Mallorca e outros lugares, serían pervivencias ou rebrotes das representacións medievais.
Como aconteceu noutros sitios, estas representacións e diálogos litúrxicos cantados deron lugar en Galicia a espectáculos populares da Adoración dos Pastores no interior dos templos, as cantigas, aninovos e panxoliñas do Nadal e cantares de Reis. Esta é unha tradición testemuñada desde moi antigo en Galicia ata a actualidade; por iso, hoxe estamos pregoando o prolongamento das antigas representacións do teatro relixioso pastoril e popular, que se pode contemplar nos beléns das nosas igrexas.
Ricardo Carvalho Calero di que algunhas panxoliñas en galego, cantadas en igrexas e catedrais desde o século XVII, “poden ser considerados como pequenos dramas paralitúrxicos”.
Tamén Carlos Villanueva, na súa tese sobre as panxoliñas galegas, recoñece a existencia de elementos de natureza teatral como a solicitude de permiso para comezar (“se vostedes dannos permiso / comezaremos a escena”), a estructura dialogada e o recurso aos tópicos pastorís e á comicidade rústica, que atopamos no teatro de Gil Vicente ou de Juan de la Encina. A iso cabería engadir a existencia de testemuños iconográficos que parecen indicar que as panxoliñas se puñan en escena con música e danzas. Por isto, a representación do Belén de Begonte enlaza coa mellor tradición da cultura relixiosa popular de Galicia.
A representación do Nadal estivo estendida por Galicia, xa que a ela refírense as Constitucións Synodais do bispado de Tui promulgadas polo bispo Pedro de Herrera en 1627, onde se di: “a noite do Nacemento do noso Señor Christo Jesu-Christo (...) nin noutra festa de todo o ano non se poida facer representación ningunha que non sexa primeiro vista i aprovada por Nos ou polo noso Provissor”. Ao xénero do Nadal debeu de pertencer tamén a obra “escrita parte en castelán, parte en galego” que segundo o testemuño de Saco e Arce, autor da primeira Gramática Galega, e impresa en Lugo, di cara a 1880, que se fixo a representación do Nadal na vila de Noia (A Coruña), cousa que se tiña: “desde moi antigo ata fai poucos anos”.
Seguindo esta tradición, o Nadal é unha boa noticia para os forxadores de soños, para os que cremos que tras a noite incerta sempre hai un amencer que contemplar, mentres o sol inunda de esperanza a nosa razón de ser. A alegría de poder sementar cada mañá de soles novos, de acios de nubes, e nas ás do vento navegar a un novo horizonte onde cabe un mundo mellor.
Non hai Nadal se nos quedamos só coa celebración dunha liturxia ou dunha festa familiar ou doutro tipo, sen ter presentes aos homes e mulleres que sofren, loitan e morren. O estar cos empobrecidos e os excluídos é a clave para vivir con lucidez e encontra-lo senso da vida que nace no Nadal.
Quen é sensible ao pranto dos pobres, amosa que o humano aniña no seu fondo persoal, que a solidariedade primeira non morreu con el. Para ir encontrando o verdadeiro senso da vida, hai que lanzarse a facer dos intereses dos outros os nosos propios intereses. Dese xeito o Nadal será unha vivencia e non só un recordo. Ao longo da vida temos que irnos identificando coa mirada dos vencidos, na que alumea o corazón de Deus.
O son do Nadal é branco, coa neve facendo preguntas de brancura perfecta, e os ríos sorrindo de pureza e os añiños balando de inocencia. Como me gustaría que estes fosen os sons de todos os días!, sen guerras e sen palabras feridas de desesperanza e de egoísmo. A mellor tradición desta terra, desta Galicia begontina e chairega, está engarzada de nobres sons de panxoliña, de aguinaldos que se piden cantando e de Reis que se agradecen cunha antiga melodía. Panxoliñas de festa iluminada coa “luz de Deus, estrela azul que brila na altura”ou coa nostalxia daquela panxoliña que canta a Nosa Señora e sábenos a despedida dun tempo feliz cando pasan os Reis, “Xa se foron os pastores, manso Año, tamén os anxiños fóronse ao ceo, soa eu quedo...” e con ela, a Nai María, quixésemos quedarnos para seguir oíndo a fonte do seu sorriso e a palma arrolada dá súa palabra. É tamén Nadal para o odio, porta misteriosa pola que chega á alma a Palabra da Vida.
Por iso hoxe, como onte e sempre, o ceo ábrese; e anxos, cantando a Gloria de Deus, anuncian a homes amados do Pai, a pastores que dormen ao raso, ao pastor con rabaño do sogro que adora na sombra, ao pastor, rapaz pequeno que quedou esquecido gardando o gando, ao pastor que, espido, con cantos de río no arco, apunta certeiro e vence ao xigante... A pastores... que agora os anxos proclaman a chegada da paz que nos trae o recén-nado, que é Fillo e Señor, e que por santo e signo dános panal e presebe...
Por iso, hoxe, como onte e sempre as estrelas, bágoas de frío e dor de Deus e do home, fanse cometa que guían magos e reis, sementadores de estrelas e luz que, lendo os signos do ceo, ofrecen e adoran... ao Neno que é Deus.
Por iso hoxe, como onte e sempre, anciáns que recibiron palabra e promesa de vida, e van cada día cara ao templo, cantan agora que poden marcharse na paz, por contemplar acollido, no corazón presebe dos seus brazos, ao Rei e Señor, Salvador do seu pobo e amigo da paz.
Por iso hoxe, como onte e mañá, o boi, a mula, e as ovelliñas, e o recendo dos campos e da corte, e os bichiños pequenos e as ras, ollando e cantando ao lonxe, rebentan de gozo e adoran ao Rei e Señor.
Por iso hoxe e sempre, todos... contemplando a luz do misterio divino recostado en pobre presebe, vemos que é tal e como nos contaran... E adoramos ao noso Señor.
E todos... vós e eu... que recibimos a Palabra de Vida, en Belén, que importa ser agora presebe ou ovella, pastor ou rei mago de Oriente...? que importan os golpes de espiñas da vida, e a escuridade, humidades e sufrimentos que podrecen e esmorecen os soños..? A Palabra de Deus está entre nos! E nace en ti, baixo a túa lei e pecado...! A Palabra, o Verbo de Deus, envolto en panais...
Achegádevos a oír latexar, no corazón do Nadal, as ás dos anxos que ás veces escóndenas e convértenas en sorriso e en aperta, en sorpresa cariñosa e en alguén que che perdoa ou che ofrece azos coas súas palabras. Todo é posible no Nadal como nos vellos contos que os nosos avós nos contaban, ou naqueles versos que en balbuciente castelán ou galego escribían Berceo ou Afonso X contando milagres de tenrura e alborada.
Eu anúnciovos o milagre de poder ser distintos, de medrar arroupados en tenrura, de convivir bordando solidarias travesías e de avellentar como os outonos máis fecundos e dourados desta terra.
Agora que a memoria agradecida se detén neste Belén de Begonte, onde floreceu Aquel que sendo Deus fíxose pobre e achegado a nos, onde os sinxelos souberon que a súa historia estaba envolta en tenrura e que a noite tiña estrelas e o silencio melodía, eu quero ser un deses pastores que se quentan no lume mentres ferve o pote co caldo, que será comida compartida, e escoitar que un anxo anúnciame o milagre de que o río da violencia faise mar con praias de paz e ledicia, porque un sopro de eternidade viste de primavera e de cor a historia mergullada e fría.
Ou ser un paxe deses que levan da renda o camelo dos Reis, facendo o camiño que deixa unha ronsel de luz ilusionada e cambia o ouro, o incenso e a mirra por un sorriso inocente, por unha palabra de vida, por uns ollos que acenden de esperanza aos países dos nosos soños e dos nosos desexos.
Agora é o momento, de agarrar intensamente coma se fora un paxaro de luz que enche de sol o val dos nosos corazóns, a mensaxe venturosa do Nadal que eu sinxelamente coma se fora un eco daquel anxo de fai dous mil anos déixovos con tremente palabra, e que as figuras do Nacemento regálanvos co silencio polícromo da súa beleza e as notas das panxoliñas, desta coral tamén chairega, coas súas douradas melodías que abren cada unha á festa e á sorpresa, ou á sa nostalxia de desexar ser, os maiores, de novo nenos coa alma tecida de ilusión e gozo compartido.
Aquí, onde Begonte é escenario do milagre do Nadal, onde as figuras desta obra de arte e amor asómannos ao milagre incomparable de ver a Deus no berce, deséxovos que unha estrela naza en cada corazón e unha ollada limpa e fraterna ilumine con novos resplandores esta Terra Chá por onde camiñan María e Xosé co Neno. Moitas grazas!


Begonte, 04 de decembro de 2010.

Segundo L. Pérez López, Presidente da Academia Auriense Mindoniense de San Rosendo.
Pérez López, Segundo
Pérez López, Segundo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
ACTUALIDAD FONMIÑÁ
Blog Fonmiñá
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania