Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Coidado! Aí están de loito

lunes, 13 de diciembre de 2010
Tiven a sorte de nacer e educarme nunha aldea da Galiza. A cultura rural ten entre as súas notas específicas a de ser moi antiga e, por ser tal, ten ensaiadas todas as formas de responderlle á vida en cada circunstancia vital: nacementos, festas, casoiros, dor, morte, desgrazas, traballos agrarios, colaboración común, infortunios, etc... Mesmo as formas de falar da nosa doce lingua galega se axeitan para responderlle ben á vida.

As nosas relacións son sempre persoais, primarias, dirían os sociólogos. Todos nos coñecemos a todos, polo nome persoal e tamén polos patronímicos das casas.

E logo ti de quen ves sendo? Isto non o entenderá nunca un urbanita.

Esta tempada tócame acompañar moi de cerca a unhas familias nuns procesos de enfermidades longas, seguidas de morte. Agora están nesa costa arriba, tamén longa e difícil do loito, da dó: Cómo aprender a vivir cando alguén moi querido nos desapareceu para sempre. Sempre persoas concretas. Aí hai nenos, viúvas/os, anciáns, etc... Tamén hai situacións de infortunio.Como dixo Rosalía, “no meu corazón tamén chove.”

Os amigos nótanse nas ocasións. Porque están e porque non están. Porque están oportunamente ou porque a súa presenza é un auténtico bálsamo de bendición a carón de nós. Que soíños fican os mortos, dixo o poeta. Mas que soidade tan inmensa a dos que lles toca encarar a recuperación de seguir vivindo sen a persoa amada. “Hei de chorar sen bágoas duro pranto. Pois que o que chora vive, iremos indo; indo, chorando, andando. E pois que cada tempo ten seu tempo, iste é o tempo de chorar.”

A nós, na nosa casa, desde os meus sete anos ata os vinte, comezando pola nosa nai, fóronnos deixando seis persoas moi esenciais nas nosas vidas. E aquí ven aquilo da sorte de vivir na aldea. Todos estiveron connosco amortecendo as nosas tristuras.

Lembro isto: Era polo Entroido. Os rapaces das parroquias veciñas disfrazábanse e facían troula. Cando se achegaban a uns cen metros da nosa casa, nas distintas comparsas, dicía alguén: COIDADO! AÍ ESTÁN DE LOITO. Sabían que non podían ignorarnos. Pasar de largo? Non tal. Viñan visitarnos. Chegaban en silencio e quitaban as caretas. Sabían que nós estabamos ben tristes. E sabían tamén que a súa visita éranos esencial. Petaban: Podemos entrar? Pasaban connosco ata media hora. Cánto lles ten agradecido o noso pai que trouxeran alivio e cordialidade para os seus picariños e para os seus anciáns, algún xa encamado.

Visitaban toda a casa. Subían aos cuartos e chegaban ata o leito bicándoos e dándolles apertas e palabras de consolo. Mesmo lles recordaban tempos pasados: “Tío Xosé, como eran os entroidos cando vostede era do noso tempo? Vostede foi moi ‘adivertido’, non si?” E o noso avó enchíase de parolar con eles. E rían xuntos. El, logo, xa tiña conto para toda a semana: “Vaites que son ben xeitosos estes mozos e mozas”. Velaí como “se acompaña no sentimento”.

Estamos noutra era e a sociedade é moi diversa: “Camiñan ao meu rente moitos homes. Non os coñezo. Sonme estranos.” Mas o corazón dos homes e das mulleres seguen a necesitar que se lles achegue alguén con empatía sanante e sanadora, con sinceridade, con preparación terapéutica axeitada para acompañar eses procesos do dó, do loito. Cántos trastornos psíquicos e afectivos se derivan dunha perda mal xestionada! Cánto sufrimento en soidade e incomprensión. A civilización actual vai moi lonxe de todo canto supoña humanizar as perdas e pórlle corazón á vida. Hai moita xente soa.

Certo que temos cada vez mellores psicólogos e xentes que traballan nos eidos da saúde e que o fan moi ben. Mas iso non suplirá nunca a necesidade que temos de crear novos espazos e experiencias sanantes onde podermos encontrarnos a cotío con persoas que baixen connosco ao pozo e nos acompañen para alentar de novo na vida. “Se é túa a miña noite, se choran os meus ollos o teu pranto, coma un irmán che falo.”

“Aprender a coidarnos, para poder coidar, para poder axudar”: Este é o programa que estamos a desenvolver nos grupos da nosa Escola de Acompañamento e Relación de Axuda “Mons. Araúxo.” Estamos dando pasos ben importantes e facendo ben a moitos. “A miña man che dou, coma un irmán che falo”.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES