A Caixa de Pandora
Cardalda, Theo - jueves, 09 de diciembre de 2010
Desde o Preguntoiro: A Caixa de Pandora
Pasados uns días da folga dos controladores, comeza o maxín a cuestionarse moitas cousas. Sospeitoso foi que o venres pasado no Consello de Ministros aprobáronse un feixe de medidas draconianas: reforma das xubilacións, subida dos carburantes e tabacos, supresión dos 426 euros (vergonzante) aos parados, privatización das loterías, pero o máis significativo foi a privatización de AENA empresa estatal onde está integrado este colectivo.
Non vou xustificar esa folga salvaxe, por principios estou contra os corporativismos e pola insolidariedade destes traballadores cos demais currantes deste país. Non entanto, se gañan moito diñeiro (non tanto como di o Goberno) a culpa toda non a teñen estes traballadores, senón os gobernos que permitiron eses convenios colectivos e aceptalos.
O Srs. Pepe Blanco e Rubalcaba non teñen un pelo de parvos, aproveitaron a semana da longa ponte para votarlle un pulo aos controladores sacando esas medidas de privatización de AENA, caendo na trampa este colectivo como ovellas inocentes.
O máis grave de todo isto foi a militarización . Abriron a caixa de pandora, a partir de agora caeron as máscaras que van quedando nesta farsa que se chama España. O goberno mostrouse na súa máis íntima natureza antidemocrática. Esta decisión gobernamental de militarizar o espazo aéreo español, sementa un precedente sumamente preocupante para os intereses da clase traballadora no seu conxunto. Ante a que está caendo: wikileaks descubrindo as miserias do sistema, crise, privatizacións e recortes sociais, calquera folga que toque intereses dos mercados alias bancos, será un pulo contra o goberno.
Repetiron moito a palabra caos. Tanto que, non podería ser doutra maneira, onde algunha cidadanía alienada chegou a crelo. Era moi fundamental para que os traballadores puxéranse ao carón do goberno nas súas medidas neoliberais salvaxes aprobadas o venres día tres. Aviso a navegantes: a caixa de pandora segue aberta para todos. Ollo ao piollo, para toda a cidadanía en xeral.

Cardalda, Theo
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora