Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Novacaixagalicia

martes, 07 de diciembre de 2010
Eu denominaríaa “Caixa Galega”. Pero non, o nome elixido para a nova entidade financeira é outro ben desemellante. Porén, non queremos facer aquí unha disquisición sobre a imaxe corporativa. Celebremos que Galicia xa ten unha caixa de aforros única que remata coas rivalidades que dividían o noso país entre norte e sur. Estamos seguros que esta nova entidade financeira revitalizará a economía galega, e que contribuirá, ademais, a cohesionar Galicia e reforzar os seus sinais de identidade.

O primeiro paso nesa dirección foi a utilización da lingua galega no instrumento xurídico da fusión. A decisión semella non ser anecdótica. “É un xesto de respecto, arraigamento non só con Galicia, senón tamén coa súa lingua e cultura”, sentenciou un voceiro autorizado. Unha declaración deste teor é de agradecer.
Ogallá as empresas galegas secunden o seu discurso e saian do seu ichó ideolóxico no que están choídas para respectaren os principios e dereitos fundamentais que o Estatuto de Autonomía establece desde a súa promulgación en 1981. Xa choveu. Mentres unha parte da sociedade vivía consonte co espírito estatutario, a outra, o empresariado, como se tal cousa, de costas a el.

Aínda que en desemellante porcentaxe, tanto Caixa Galicia como Caixanova viñeron utilizando nos últimos anos a lingua galega, nomeadamente na publicidade, e subvencionando iniciativas privadas de fomento do noso idioma. Pero xa chegou o momento de asumir máis compromisos coa nosa lingua para estendela a outros usos sociais.

Precisamente con esa finalidade o Foro E. Peinador reuníuse en varias ocasións cos directivos das entidades financeiras agora fusionadas e recibíu delas o apoio necesario para desenvolver diversas actividades encamiñadas á galeguización do ámbito empresarial. Sempre llelo agradecimos. Pero tamén fomos sinceros cos seus directivos candos nos encontros que tivemos con eles lles demandamos máis implicacións neste proxecto regaleguizador, xa que a súa forte influencia e implantación na sociedade galega convertíaos en pezas fundamentais para procurarlle á lingua galega maiores cotas de uso. Deste xeito o seu exemplo contribuiría a desfacer receos e a modificiar actitudes e hábitos lingüísticos na cidadanía. E das empresas tamén, que aínda seguen sen respectaren os dereitos lingüísticos dos seus traballadores e consumidores, amais de estaren equivocados na estratexia corporativa ao arredárense dos valores culturais da sociedade á que pertencen, contradicindo así as boas prácticas que a responsabilidade social empresarial recomenda.

Aquí ten moito que dicir a nova entidade financeira que vai dirixir dúas escolas dedicadas á formación de cadros empresariais –a ITE, de Caixa Galicia, e a Escola de Negocios, de Caixanova-. Cómpre que estes dous centros académicos revisen os seus programas curriculares, incoporando a divulgación da cultura e lingua galegas.
Só así se entendería que ese espírito galeguista que motivou que a escritura notarial da fusión da nosa caixa fose auténtico. Como non temos dúbidas, ese espírito de galeguismo empresarial hai que traspasárllelo aos demais, aos que acoden aos seus centros de formación, para que pola vía do coñecemento científico acrediten nas bondades da lingua galega nas expresións publicitarias, nas relacións laborais, comerciais e cos consumidores.

“Novacaixagalicia” debe ser nova de verdade, dunha Galicia máis galega e para iso cómpre que renaza galega, inculturizándose na sociedade, asumindo sen reviravoltas e argalladas o elemento máis sobranceiro do noso patrimonio cultural: a lingua. E para que iso sexa posible cómpre tamén unha estratexia, a curto e medio prazo, unha didáctica e unha pedagoxía aplicables, que garantan o progresivo proceso de regaleguización dos seus traballadores, dos departamentos e organismos que integran a entidade financeira. A nós ocórresenos que a mellor maneira e a creación dun “Departamento de Dinamización da Identidade”, dotado de persoal e medios que materialicen o compromiso que veñen de manifestaren os novos directivos coa lingua galega.

Ese Departamento sería o encargado de encarreirar o proceso de normalización lingüística desenvolvendo un programa que vaia estendendo a lingua galega en diversas actuacións: nas nóminas dos traballadores, nas relacións coas institucións públicas, que maioritariamente utilizan o noso idioma; nas relacións rexistrais e notariais, que se contabilizan por moitos milleiros ao ano; nos procedementos tramitados pola asesoría xurídica, determinantes para galeguizar a Administración de Xustiza, onde a Irmandade Xurídica Galega está a librar unha gran batalla; nas relacións laborais, e tamén nos documentos xurídicos de constitución de hipotecas, posibilitando que os clientes poidan optaren por unha das dúas linguas cooficiais. Prodíguense máis na nosa lingua nas comparecencias públicas. Paga a pena ese esforzo.

Aproveiten señores directivos de “Novacaixagalicia” para renaceren galegos de verdade, sen temores. A sociedade galega mirará con simpatía ese rexurdimento e premiará o seu patriotismo.
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania