Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Muralla romana de Lugo: 10 anos

martes, 07 de diciembre de 2010
Hai dez anos que a Muralla romana de Lugo foi declarada Patrimonio da Humanidade. Dez anos é un tempo longo no que ocorriron milleiros de cousas que anotar en calquera caderno de notas, aínda que o protagonista sexa un maxestuoso muro de pedra. Pois hoxe quero falar da muralla de Lugo.

A finais dos anos cincuenta, Álvaro Cunqueiro fixo un recorrido físico e literario polo Camiño de Santiago, escribindo unha serie de reportaxes para Faro de Vigo, que hai poucos anos foron publicados en libro. Preguntándolle daquela a unha labrega do Cebreiro se por alí pasaban peregrinos, a boa muller respondeulle algo así como: “Ai, si señor, que o ano pasado aínda viñeron dous”. Na práctica no existía o Camiño de Santiago. Algo máis de medio século despois, o Camiño contempla o paso de milleiros de peregrinos que reverdecen as milenarias peregrinacións. Pero hoxe toca falar da muralla.

Houbo no Cebreiro un párroco incansable que se chamou Elías Valiña Sampedro, que cando o Camiño non era máis que un carreiro dedicou a súa vida a investigalo, fixo sobre el a súa tese doctoral e co seu Dous Cabalos andivo toda a ruta pintando frechas amarelas marcando un Camiño que hoxe é dogma de fe, recorrido polos innumerables crentes que seguen o Camiño marcado no ceo por un regueiro de estrelas.

Pero nós, ó noso, que hoxe é falar da muralla romana de Lugo.

E houbo un conselleiro na Xunta de Galicia, que se chama Victor Manuel Vázquez Portomeñe, que lle tocou gobernar unha consellería sen carteira, que é fino como só o poden ser os políticos que saen do pobo, loitando por superarse a cada momento, subindo os chanzos dunha escaleira interminable con pasos poderosos, co fino olfato dos políticos de raza. E comprobou que no Camiño Francés a Compostela Galicia tiña o mellor filón, o mellor xacemento, a mellor mina de progreso que podía conseguir, e a trancas e barrancas sacou adiante o Camiño, e a sinalización, e os albergues, e os trazados... e Galicia foi inventando, que descubrir ven ser eso,inventar non só este Camiño senón ata oito camiños a Compostela, dos que tres pasan pola provincia de Lugo. E colocou a Galicia no mapa. E obligou, anos despois, a dous papas –Juan Pablo II e Benedicto XVI- a vir a Compostela, cumprir co precepto da peregrinación, ata entón adurmiñado, e restrinxido a un plano meramente relixioso.

Pero resulta que, ó estar de aniversario, temos –como aquel escritor do seu libro- que falar da muralla. Xa nos gustaría falar así da Muralla.

Hoxe o Camiño de Santiago é para Galicia non sei cantos puntos do Produto Interior Bruto, e os hoteis que se abren ó longo do Camiño están cheos, e os supermercados viven do que mercan os peregrinos, e os restaurantes do Camiño ofrecen o prato do peregrino ou o menú do Camiñante, e os albergues públicos teñen cola desde o mediodia, e os albergues privados fan o seu agosto durante todo o ano, e Compostela resulta ser o punto de destino de milleiros de peregrinos que ateigan os establecementos públicos, e todos os anos van ser “Anos santos compostelanos”, porque a corrente humana –e económica- hacia Galicia, hacia Santiago, é xa imparable.

Pois xa vai sendo hora de que falemos da muralla romana de Lugo, que pasou por tempos ben parecidos ó deserto Cebreiro de dous peregrinos ó ano. Que pouco a pouco a cidade foi tomando conciencia da excelencia desta posesión, e foi sendo “marcada”, delimitada, ó liberala de edificacións adosadas e restaurar as feridas que os tempos e os lucenses lle inferíramos. Que tivo un Portomeñe no conxunto da poboación hai dez anos cando todos formamos fronte común apoiando nun repentón a declaración deste Ben como Patrimonio da Humanidade.

E aí acabóusenos o empuxe, como se gastasemos as forzas na mesma declaración.

Certo que nestes dez anos se cuidou a muralla, iluminouse, abríronse tramos peatonais, derrubáronse muros que a coutaban, fixéronse festas, concertos, pasteis, carreiras, desfiles e todo tipo de conmemoracións internas para autosatisfacción. Pero falta unha toma de conciencia, a creación dun organismo impulsor, falta unha “Operación muralla” para o seu lanzamento exterior.

Os que teñan nenos na casa saberán que uns debuxos infantís de “Dora exploradora” rematan sempre coa expresión de “Lo hicimos, lo hicimos”, como satisfacción por conseguir un logro. Os lucenses conformámonos coa expresión de Dora Exploradora para confortarnos por ter conseguido a declaración hai dez anos, pero sen que consigamos para a Muralla e para Lugo resultados tanxibles, sociais e económicos, dos que moitos lucenses poidan vivir.

Pódese pensar que os que admiramos a muralla levamos dez anos predicando no deserto e dicindo o que hai que facer sen facelo. Pero o certo é que a nós pode tocarnos algo parecido a predicar mentras que ás autoridades competentes lles toca dar trigo.

Xa ven. Ó final, falo da Muralla. O certo é que en todo momento falei da Muralla, aínda que fose para poñer de evidencia o pouco que a valoramos. E o pouco que a poñemos e valor, cando ben potenciada, ben “traballada” a Muralla podería ser para a cidade de Lugo un elemento económico e de notoriedade como os Camiños de Santiago para Galicia.

Seguimos a agardar que algún organismo ou conxunto de organismos se decidan a facer algo importante, rendible, permanente, para que Lugo disfrute en plenitude – económica tamén, por suposto- da Muralla romana de Lugo.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES