Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ata por aí pola vida, Señor Baldomero

viernes, 03 de diciembre de 2010
Ata por a pola vida, Seor Baldomero No Cemiterio de Duarría (22-11-2010)

“Onte á noite, día 21do mes de Santos e Defuntos, o amigo Xesús Mato díxome que el e Mero, e non sei se algúns máis, argallaran que eu dixese unhas palabriñas aquí neste momento. Dígoas con moito gusto aínda que agora todos estamos con desgusto. É curioso que, sen poñernos de acordo, estas miñas palabras coincidan tanto co que lle escoitamos a Mato na homilía da igrexa Nova de Lugo, á neta de Baldomero, Lines, a Xavi Blanco que leu un sentido poema de Manolo Regal e cunhas verbas de Mini aquí mesmo á entrada do cemiterio. Pero, ben mirado, non ten tanto de curioso, porque cando se vive de acordo, non é necesario andarse poñendo de acordo.

Estas palabras non están pensadas para falar de Baldomero. Non, penseinas para falar con Baldomero, porque sei que desde a miña fe, desde a fe da Igrexa que nos gloriamos de profesar, el estanos escoitando, xa que non se foi para aló moi arriba, para un ceo de moi lonxe. Ese de aló arriba tamén é ceo, pero é distinto. O ceo ó que me refiro está por aquí por abaixo arredor de nós, aínda que haxa algúns malnacidos que traten de converter o noso entorno en inferno; pero ese non foi o caso de Baldomero.

Comezo, logo: Meu querido e admirado señor Baldomero, voulle falar na lengua en que nos temos comunicado sempre. Non sei se é idioma ou dialecto, o chairego, ¿qué máis ten agora? É a fala que nos valeu para entendérmonos, e vostede falábaa moi ben, abofé, con ese retrouso, con esa sutileza, con esa tenrura dos homes e mulleres de ben desta Terra Cha sosegada e apacible. Non utilizarei o galego normativizado, senón o normalizado desde hai moitos anos. Fálolle nestas palabras que foron as que nos serviron e nos han de seguir servindo pra comunicarnos tamén no ceo, porque, aínda que algúns non acaben de crelo, Dios é tan listo que non soio entende o galego, senón que tamén o fala sen pararse moito en normas estritas ou constrinxentes.

Señor Baldomero, trátoo de señor non para remarcar diferencias de anos, que xa non son tantas, e ademais a amistade fiel e duradeira borra tódalas diferencias. Trátoo de vostede porque os meus vellos, que tentaron darme a mellor educación que sabían, enseñáronme que ós señores hai que aseñoralos e vostede é señor, (Mini tamén o dicía). É señor, non por títulos herdados, senón pola nobreza do seu corazón, como señora era tamén a súa muller, Amparo.

Señor Baldomero eu téñolle dito varias veces que cando fose grande quería ser coma vostede. Dígollo agora e creo que non será a última vez. Quería ser coma vostede desde antes de conocelo, desde antes de conocer á súa familia. Desde esa edade entre a adolescencia e a xuventude na que un anda buscando modelos ós que parecerse, modelos de identificación. E cando outro gran amigo seu e meu, outro señor, o señor Ramón de Valente e a súa muller, a señora Ramona de Xenxibre, me falaban do gran home que era o seu amigo e parente Baldomero, xa daquela eu quería ser coma vostede.

Quería ser coma vostede sobre todo por dentro. Quería ter a finura que vostede tiña. Quería saber andar cos tempos como vostede soupo andar sen quedarse mirando para atrás convertido en estatua de sal coma a muller de Lot, pero ao mesmo tempo que non perdía o paso, permanecendo ben enraizado nuns valores que son de sempre. E mesmo quería, señor Baldomero, ter algúns enemigos como vostede tivo, porque quen defende ós asoballados, como vostede fixo, non pode ter por amigos ós asoballadores. Tamén quería parecerme a vostede porque, coma tantos homes desta terra e doutras, a súa palabra valía máis ca firma de cincuenta notarios.

No físico non podo parecerme como quixera, porque eu non teño a súa planta, pero quixera ter a súa elegancia. Quería, coma vostede, ir facéndome vello coa súa prestancia. Claro que vostede tiña arredor quen o mimase e quen non consentía que salise á rúa cunha mancha no traxe nin cunha pinga no sombreiro. Neso non podemos ser iguais, porque a min fillos non me deixaron ter, pero ímolo levando bastante ben, sen grandes traumas e tratando de dar ós de fóra algo do que doutro xeito teriamos que reservar prós da casa.

Esta noite achegouse á miña cama un ánxel. Os ánxeles son os mensaxeiros do alén, do máis aló, para eso teñen as alas e case sempre falan en soños coma a Xosé que tamén era home xusto e bon, e veume contar que onte, aí contra as oito e cuarto ou as oito e media da mañá, o señor Ramón de Valente, que estaba ó lado da señora Ramona, ó lado da súa prima carnal, a señora Amparo, a muller de vostede, e ó lado de Adela, a súa filla, ó lado de Santi, o seu fillo… e, se estaba ó lado de todos eses, non podía andar lonxe don Xosé Trapero Pardo, quedouse mirando cara a porta do ceo e dixo: “¡Loado seña Dios! Alí ven por fin Baldomero”. Foron andando un cara ó outro, amodiño. Vostede, señor Baldomero, por mor dos anos e o señor Ramón polas secuelas daquela rotura de cadeira. Abrazáronse e seguiu dicindo o señor Ramon, según me contou o ánxel: “Vente que che tiñamos sitio gardado desde xa hai tempo. Ti tiveches prórroga, pillabán. Ben sei que celebrarías de boa gana o cumprimento dos cen anos dentro de pouco, pero anda que aquí tamén habemos ter unha boa festa.

Seguiume dicindo o ánxel que non estaba moi seguro, pero que lle parecía que vostede respondera: “Pois os que quedan tamén han de facer festa, que eu non me fun prá nada, senón que me fun prá Luz e así, anque non me vexan, seguiranme sentindo a carón deles.”.

Por se a caso se me esquencese, señor Baldomero, por aí por xunto de Dios a ver se lle bota unha mau ó seu amigo Darío Rivas, o de Buenos Aires, porque a súa perda vaille afectar moito.

No colectivo ó que vostede perteneceu, a Guardia Civil, había un dito moi expresivo que non sei se agora permanece. Era: “Buen servicio”. Pois eu créome lexitimado, en substitución do cura da parroquia que hoxe ten outros enterros, con esta estola posta, para dicirlle no meu nome, no da súa familia, no desta terra e no do ceo: ¡Bon servicio!

A casa e finca da Abelleira quedan orfas, pero non quedan valeiras. Alí permanecerán vivos os recordos agarimosos, as lembranzas inmorrentes e a súa longa descendencia á que con esforzos de tempos difíciles sacou adiante.

Nada máis, señor Baldomero. Á noite habémonos volver a encontrar na oración. Vostede agora xa non cansa nin tén frío, porque está no regazo agarimoso dun bon Pai e dunha boa Mai. Ata por aí calquera día en que nos volvamos a atopar cara a cara pola Vida. Graciñas a Dios e a vostede tamén.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES