Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Catedráticos da ignorancia

miércoles, 01 de diciembre de 2010
O mestre entra na aula tan ben vestido coma o seu salario de profesor universitario lle permite. Non ten reparos en valerse de ‘power points’, de páxinas web reflectidas no proxector, de redes sociais ou de calquera outra argucia técnica para ilustrar unha banalidade tras outra. A sedución da forma para ocultar a carencia de fondo. Así, aínda que non cabe dúbida de que o seu é un discurso baleiro, mesmo logra enganar ós alumnos cunha linguaxe de artificio que semella ser empregada para transmitir verdades profundas. Atrévese a falar de xornalismo sen ter noción algunha de historia, de socioloxía, de filosofía, de antropoloxía ou de calquera rama do saber tan imprescindible para comprendermos o mundo no que patexamos a diario. Ás veces o profesor universitario cambia de traxe, de clase, de camisa, de alumnos, de curso e mesmo de nome e apelidos pero a ineptitude que rexe a súa disposición perante o encerado é idéntica. Idénticas tamén as caras dos alumnos que cada día abandonan os bancos indignados; fartos xa de absurdas disertacións e de estafas ó coñecemento. A ilusión coa que ingresaron na facultade dilúese conforme avanzan os días. Foron e son un lenzo en branco que esperaba atopar un guía que aconsellase como debía ser o trazo das pinceladas que, ós poucos, irían compoñendo o seu autorretrato. Agora xa se decataron de que non hai mellor acuarela na que empapar o pincel que as lecturas persoais, as visitas ó cine, ó teatro e ó museo e as conversas cos amigos. Pero xa saben tamén que non existe peor disolvente que o fracaso subministrado en doses de amor propio.

Sucédense as xeracións que aprenden máis e mellor lonxe das portas da facultade e se suceden tamén as daqueles que entre os efluvios narcisistas dun apurado gin tonic fan a ‘o’ cun canuto citando a Habermas e concédense a farsa de xogar a ser filósofos por un instante. Non hai dúbida de que moitos deles serán os que acabarán por firmar nutridos informes e por capitanear absurdas leccións que pouco terán de maxistrais.

Os ‘chuchatalentos’ que non se apuren, pois se aínda queda alguén creativo e con inquedanzas que se atreva a formar parte do circo universitario xa estará Bolonia, co seu afán de fabricar ‘profesionais’ en serie coma quen coloca tapacubos na empresa Citroën, para exterminar as súas ganas de aprender. Bolonia, que confunde o sistema universitario coas FP, será xa a cima da estupidez e a irreflexión social; máis carga práctica e menos teoría. ¿A teoría para que, para que durman as ovellas? Non, aquí a lección a construímos entre todos, con talante e con diálogo, si, cun diálogo de ollomoles. Mellor falamos sen saber o que estamos dicindo que, ó fin e ó cabo, é exactamente o que fan os nosos profesores. Unha carreira por estudante; esa é a norma, ¿para que máis? Logo todos dereitiños ó mercado laboral sen case saber como se fan os nós dos zapatos. E a quen se queira ir polas ramas explorando novos camiños pódaselle coma unha árbore e arreando.

Degustamos xa a guinda do pensamento único deseñado para un espazo europeo e perfectamente adaptado ós sistemas de produción capitalista. E é que un Estado -o verdadeiro deus, ese ente abstracto que se escribe con maiúscula e dirixe as nosas vidas- con tanto erudito sae francamente caro, así que toca apertar o cinto intelectual; nada de traballar e estudar unha carreira a un tempo, ¡ou dúas!, ¡que tolemia! É tempo de austeridade cultural e dunha infinita ignorancia de todos os que permiten que lles cuspan na faciana.

Os teatros quedan sen xente, o eco corroe o interior das aulas e os libros esquecidos nos estantes da biblioteca locen un melancólico traxe de po. Esperemos que cando nos queiramos lanzar ó rescate -esa manobra que o propio sistema está poñendo tan de moda ultimamente para remendar as desfeitas que el mesmo provoca- de toda esa sabedoría perdida non sexa demasiado tarde.
Pallares Vilar, Nerea
Pallares Vilar, Nerea


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES