Monte de piedade
Editorial - viernes, 03 de diciembre de 2010
As entidades de aforro foron deixando caer dos seus nomes oficiais o de "Monte de Piedade", entendendo que estaba fóra do tempo, e que con chamarse "Caixa de Aforros" quedaba ben entendido o seu papel na sociedade, arrumbando a antiga denominación, pensando que os tempos nos que as familias acudían ás casas de empeños tiñan pasado á historia.
Pero de súpeto as nosas rúas empezan a invadirse con anuncios de que se merca ouro, e pancartas, rótulos e follas voandeiras proclaman en todo momento e lugar que debe ser lucrativo negocio mercar ouro nestes momentos de vacas flacas, xa que hai empresas que se dedican a este tema e se moven con grande axilidade.
De sempre, as xoias foron entendidas como elemento de ostentación, feminino e masculino aínda que mayoritariamente feminino, pero tamén como un auténtico salvavidas cando viñan mal dadas porque o ouro e outros metais preciosos sempre teñen venda e poden transformarse rapidamente en diñeiro. Así, desde que a crise fixo aparición, a compra de ouro pasou a un primeiro plano e a cotío bombardéasenos con ofertas de pago do mellor precio, nas mellores condicións.
E agora Caixanova, na súa sección "Monte", ata agora descoñecida, saca a subasta alfaias que se expoñen ata o dez de decembro no vestíbulo da súa sede central, nos horarios de atención ó público, podendo presentar sobres-oferta ata ese último día, e abríndose os sobres o próximo trece de decembro.
Se esta noticia a cruzamos con outra que indica que arredor de sesenta mil familias galegas precisan axuda para comer todos os días, e a información que Cáritas facilita de que o vinteun por centos dos galegos está en risco de exclusión social, temos unha radiográfia -parcial pero real- do que está a ocorrer no noso contorno.
Posiblemente o "Monte de Piedade" non volva a rexurdir con ese nome pero si temos que ter institucións que se ocupen destes temas, e presten atención ós damnificados da crise, que son cada vez máis, e sófreno cada vez máis profundamente.
Calquera que sexa o nome, cando falla a sociedade, cando as institucións flaquean, cando o sistema trema, fai falla un monte no que agardar piedade, e algo máis.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora