Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Prostitución e política en España (II)

lunes, 29 de noviembre de 2010
Compás social: PROSTITUCIÓN E POLÍTICA EN ESPAÑA (e II)

Cómpre comezar, estimado lector, cunha aclaración e unha desculpa: o “día internacional da loita contra a trata de persoas” celebrouse, conforme a decisión da Conferencia Mundial da Coalición contra o Tráfico de Persoas, o día 23 de setembro. A data do 18 de outono, proposta no Plan Integral do Goberno español e recollida no meu artigo publicado en Galicia Dixital o día 15-10-2010, non foi elixida. Ese trabucamento de datas é irrelevante ós efectos destas reflexións, mais a verdade e os lectores deben ser servidos e respectados.

No artigo anterior percorrinos un breve camiño de ideas, feitos e cifras sobre a prostitución. Nesta segunda achega intentarei algunha precisión máis. Despois do Informe da Comisión Mixta do Congreso, do ano 2007, seguiu producíndose un goteo de noticias, debates e intentos de acoutar os espazos urbanos da prostitución que neste intre está quedando ó arbitrio dos responsables políticos das grandes cidades, esporeados polas reclamacións da cidadanía veciñal. Cando xa estaba en borrador este texto, lin a noticia de que na Jonquera abriuse o maior bordel de Europa, “ O Paradise”, porque o Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña (TSJC), axustándose a lexislación catalana, obrigou o Concello a concede-la licencia a sociedade promotora. O local, din os xornais, contará con 80 habitacións, un aforo de máis de 600 persoas e dúas salas de espectáculos. Noutro extremo, máis recentemente, a prensa galega informounos das actividades dunha prostituta universitaria especializada en servizos sexuais a discapacitados. Toda unha canteira laboral, opina ela, sen explotar.

Para ordenar un mínimo este mestura de orientacións e normativas, temos que esbozar un perfil mínimo das alternativas teórico-prácticas nas que se move neste intre o debate sobre a prostitución:

· Prohibir a prostitución: foi e segue sendo, no seu estado puro, a postura tradicional, mais na práctica nunca logrou impoñerse. Ese intento empuxaba a prostitución á clandestinidade; pero, ó prohibi-la publicidade, mantívoa nuns límites visibles moderados. Apoiase no suposto ético-moral de que esa actividade é un descarrilo, unha degradación inmoral e daniña para todos. Por iso deben ser castigados tanto os intermediarios como as prostitutas, mais obviando ós clientes. A estas alturas da historia considérase unha solución totalmente inxusta coas prostitutas/prostitutos, pois está claro que a prostitución xermola na necesidade económica e noutras miserias acumuladas. Algúns grupos sociais cualifican esta opción como “moralina” ético-moral desbotable, metendo nese saco e sen matizar, tanto as ocorrencias moralizantes e superficiais coma os principios éticos de peso, esenciais para cimentar os dereitos humanos.

· Regulamentar a prostitución: os partidarios desta “solución” son moitos e moi ruidosos. Algúns alegan razoamentos bastante rudimentarios: que a prostitución é o oficio mais vello do mundo, imposible de erradicar; que compre a “función social” de aliviar ós feos, ós tímidos, ós mediodiscapacitados e ós grupos en desprazamentos continuos, nacionais e internacionais; que é unha ocasión perdida para a Facenda Pública, que podería recadar 2.880 millóns de IVE, e que a Seguridade Social está desperdiciando uns 1.124 millóns de euros ó non dar de alta unhas 400.000 traballadoras do sexo. Outros razoan de modo mais refinado, argüíndo que a hixiene e atención sanitaria das meretrices quedarían resoltas satisfactoriamente; que os dereitos laborais das traballadoras/traballadores do sexo quedarían totalmente cubertos; e que, en último termo, respectaríase a liberdade, a autonomía e independencia das prostitutas/prostitutos como valor supremo, porque, segundo algúns defensores da regulación, a liberdade de prostituírse tamén é un dereito humano.

De calquera xeito, os ideólogos e grupos dos diferentes cores políticos non dixiren nin asimilan abertamente esta alternativa. Saben que converten a sexualidade, elemento esencial da identidade e intimidade da persoa, nun instrumento de traballo e mercadoría de consumo.
Son conscientes de que lexitiman e dan facilidades ós empresarios do Sexo. E así mesmo son coñecedores de que as experiencias doutros países regulamentistas (Holanda Alemaña, Australia, etc.) non lograron resolver adecuadamente a cuestión hixiénico-sanitaria nin os dereitos laborais, senón que multiplicaron de forma exponencial a cantidade e diversificación do “sistema prostitucional”, creando ademais grandes guetos de prostitución. Na actual realidade concreta de España, as regulamentacións municipais da prostitución vanse urdindo e avanzando pouquiño a pouco, o que supón lexitimar de feito o sistema prostibulario.

· Abolir a prostitución: esta alternativa parte da convicción de que a prostitución, toda prostitución, é unha violación flagrante dos dereitos humanos, especialmente dos das mulleres. Dende a segunda metade do século XIX utilízase a palabra abolición, mais o seu contido concreto foi evolucionando ata os nosos días. Primeiro, manifestouse contra a regulamentación da prostitución polos estados; logo, xa a comezos do século XX, centrouse na loita contra a trata de brancas; e a partir de 1949, data do Tratado de Lake Sucess das Nación Unidas, fóronse perfilando diversos manifestos, resolucións e convenios contra o tráfico e explotación sexual de persoas, en documentos emitidos por varios organismos internacionais, estados e parlamentos. Nesa evolución de contidos chamados abolicionistas vanse acoutando unhas abolicións parciais. Na actualidade tódolos organismos internacionais condenan con contundencia e claridade o tráfico e explotación sexual de persoas; pero, explícita ou tacitamente, obvian a teórica excepción da prostitución voluntaria, libre, autónoma e independente. De existir esa categoría na realidade, ¿que dimensións ten?

Neoebolicionismo total e integral en Suecia, aparecido en 1999: toda prostitución é unha violación dos dereitos humanos, especialmente dos dereitos das mulleres. Hai que perseguir e penalizar ós prostituidores (os clientes, que son estudiados por categorías) e ser comprensivos coas prostituídas (as mulleres) ofrecéndolles outras saídas vitais e laborais. A pesar de partir dunha visión algo escorada, -someter e explotar sexualmente a outra persoa no é unha tentación exclusivamente masculina, senón tamén doutras variantes sexuais-, non obstante, esta alternativa resultou ser un plan ben artellado que custou moitos esforzos políticos e recursos económicos, pero que en dez anos reduciu un 70% a prostitución en Suecia. Certamente, tamén hai que sinalar, polo menos, dous efectos colaterais non desexados: unha parte da prostitución pasou a clandestinidade e outra parte trasladouse ós países lindeiros. Mais a veciña Noruega xa está adheríndose a esta política de abolicionismo total.

Panorama actual da prostitución en España
Esta podía ser a quintaesencia da situación actual: plans oficiais que establecen unhas limitacións parciais, e dicir, que sancionan certos excesos impresentables, pero permitindo a prostitución presuntamente voluntaria, libre e independente. E, por outra banda, as grandes cidades están elaborando unha serie de plans e ordenanzas municipais que regulamentan determinados espazos e aspectos da prostitución, atendendo as reclamacións veciñais. Esas normas municipais dan avisos e consellos, ofrecen axudas, multan nalgúns casos os clientes, establecen prohibicións e determinadas sancións. Total, aínda que unhas ordenanzas copian doutras, estamos ante un pluralismo de reino de taifas. Sería prolixo analizar todo ese minifundio de estratexias e normativas municipais. No terreo teórico, dáse un transfondo ambiguo que se balancea entre regular ou abolir a prostitución. Cal prevalecerá?

Os modelos de Ordenanzas Municipais de Bilbao, de Cataluña e da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) inclínanse polas regulamentacións parciais en determinados espazos e aspectos máis visibles. As Ordenanzas de Convivencia e Civismo, aprobadas ou en fase de borrador, de Granada, Sevilla, Málaga, Lugo, Alacante e outras cidades, están construíndo un composto de regulacións, prohibicións e penalizacións para os proxenetas, para os clientes e, con certas tolerancias, para as prostitutas/prostitutos. O Plan integral de Madrid de 2004, chamado “loita contra a escravitude sexual”, resulta ser tamén unha mestura de estratexias, regulamentacións, sancións e permisións. Na práctica todas estas actuacións municipais tratan de amainar determinadas tensións urbanas, tales como o progresivo deterioro dos espazos urbanos, as molestias veciñais e a protección dos menores. A dinámica das actuacións municipais busca erradica-la prostitución das rúas, facéndoa invisible en pisos, en locais cerrados ou en espazos marxinais, como poden ser os polígonos industriais. Poucas veces o logran, porque a prostitución require trasfego de clientes e iso trae sucesivas tensións veciñais.

O Goberno central elaborou para 2009 - 2012, baixo a dirección do Ministerio de Igualdade, un “Plan Integral de loita contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual”. Ese Plan é en parte un calco das conclusións e recomendacións do Informe da Comisión Mixta de 2007, pero mais concreto e detallado. Dignas de toda loanza son as previsións dese plan integral, mais cabe un reparo ó seu conxunto: en consonancia co abano de argumentos despregados en nome dos dereitos humanos, era de esperar unha proposta de Lei Integral de abolición da prostitución que dera fundamento, coherencia e cohesión ó diagnóstico, compromisos internacionais, conclusións e suxestións finais do Relatorio-Informe do ano 2007. Sorprende a brandura cós medios de comunicación que seguen publicando anuncios de contactos, sabendo tódolos actores implicados que a publicidade mediática é un dos piares fundamentais para coordinar e consolida-la rede nacional de prostitución a gran escala. Aínda que, mal consolo!, Internet xa está acaparando ese cínico negocio dos anuncios eróticos.

Todo ese minifundio de ordenanzas e plans nacionais ou locais para combate-la prostitución, a falta dunha lexislación estatal que marque un obxectivo final claro, pode quedarse nun ben intencionado xogo de palabras retóricas ante a cuadratura do círculo que xa atoparon as redes mafiosas para “adaptarse” a dispersa lexislación española actual. O “sistema prostitucional” xa entrou nunha fase de moderna economía de escala con macroprostíbulos ou conxuntos de servizos para ocio sexual. Un refinado asesoramento xurídico logrou, está logrando que a aparencia externa soterre totalmente a realidade da prostitución dándolle unha nova estética tanto legal coma material.

Segundo o xornalista Joan Cantarero, este é o gran invento: un nutrido grupo de señoritas, legalmente residentes no noso país con papeis válidos ou amañados, reservan senllas habitacións nun hotel. A dirección fai os trámites de obrigado cumprimento, mandando copia da documentación a policía; e, ademais, expide puntualmente facturas en regra da estancia e gastos destas respectables clientas. Ó lado hai un pub ou discoteca, discretamente comunicada co hotel, onde as señoritas alternan cos clientes que pagan as consumicións que logo as alternadoras reparten ao 50% coa propiedade do local. Caso de concertar un encontro sexual, señorita e cliente entran no hotel e pasan pola recepción onde este abona previamente os servizos concertados. Soben a habitación, domicilio inviolable da clienta hospedada no hotel. Todo un proceder de aparencia legal impecable, aínda que a veces quedan cabos soltos. Se aparece a policía pedindo explicacións, a coartada urdida é perfecta: en España, a prostitución, -voluntaria, libre, autónoma e independente, como na aparencia deste caso-, é completamente legal.

Que podemos esperar?
Despois de moitas observacións e reflexións durante anos, persoalmente acheguei algunhas conclusións empíricas: a prostitución –trocar sexo por diñeiro- non é libre, senón forzada polas circunstancias de necesidade económica e outras penosas situacións persoais. Algunhas prostitutas/prostitutos proclaman que o seu oficio é voluntario e libre, mais logo resulta que esa afirmación ven a ser un mecanismo de autodefensa, unha busca de diñeiro fácil ou, na prostitución de alto nivel económico e estético, un intercambio de trocos eufemísticos e sofisticados. ¿Que persoa, en circunstancias persoais e familiares normais, elixe prostituírse? Pode darse un primeiro xogo iniciático de voluntariedade xuvenil, mais esa libre aventura non se sostén a longo prazo. Por outra banda, en amplos estratos sociais persiste unha sorprendente crueldade tecida de burla e desprezo cara as prostitutas/prostitutos, á vez que se minimizan as aventuras dos clientes mozos, prostituidores dos que a penas sabemos nada. Non hai estudos fiables, só algunhas achegas descritivas.

O horizonte dunha política con firmes conviccións éticas sobre os dereitos humanos fundamentais, debe busca-la abolición da prostitución. Sabemos de antemán que, na práctica, esa abolición é máis complexa do que prevén os discursos actuais. O proxecto sueco é o único que tomou en serio os dereitos humanos fundamentais e achegou os recursos políticos, legais, económicos e humanos suficientes. As elites gobernantes en España están moi lonxe de planear un proxecto semellante. Nada de utopías, só realismo político de curto alcance, só plans e ordenanzas para saír do paso. Se comparámo-la prostitución co proceso de abolición legal da escravitude moderna e contemporánea, que durou uns catro séculos, descubrimos un sorprendente paralelismo de discursos políticos, de normas legais, de actitudes e comportamentos que afortunadamente quedaron arrombados na historia. Quen se lembra hoxe dos negreiros, se non é para esquecelos?

O abolicionismo non debe confundirse coa simple prohibición. Os modernos estados democráticos, mediáticos e informatizados, teñen infinidade de medios xustos e formas legais para combate-la prostitución. Primeiro, unha decidida política de impostos fiscais pode desmantela-lo sistema prostitucional actual en pouco tempo, empezando polos aldraxantes anuncios de contactos eróticos na prensa. Segundo, unha axuda eficaz as prostitutas / prostitutos ten que ter uns eixes centrais claros e firmes: unha atención sanitaria e protección social completas e desligadas da profesionalización do sexo; un potente sistema de formación profesional, gratuíto, permanente, tanto regrado coma complementario. Non basta unha política asistencial, mesmo chea de sensibilidades. Para os proxenetas hai lexislación suficiente, basta con cumprila; e para os clientes prostituidores hai tamén unha arma letal: as multas e a súa publicidade. Logo, unha lexislación estatal e democrática ten que combinar diálogos e incentivos persuasivos con presións, coaccións e sancións proporcionais. Unha democracia real é unha factoría de consensos, pero respectando escrupulosamente a primacía dos dereitos fundamentais, sen alterar a súa xerarquía. Os organismos internacionais, os estados e parlamentos corren o perigo de saturarnos con discursos, estudos, manifestos, resolucións, estratexias e plans abstractos. Mais non abonda con xestos simbólicos nin accións testemuñais. Non basta con receitar uns paquetes de aspirinas locais para combater un cáncer en metástase mundial. É certo que o altruísmo humanista das organizacións civís está facendo milagres; pero requírense, ademais, actuacións sólidas e sostidas a gran escala en cada país e en todos eles. Iso só o poden facer os estados coordinando e sostendo tódalas iniciativas orientadas a abolición.

Na realidade concreta de España, un pluralismo ideolóxico plasmado nun labirinto xurídico de plans, estratexias e ordenanzas brandas e ambiguas pode deixar, paseniñamente, expedito o camiño para consolidar a prostitución a gran escala en macroprostíbulos ou devolvernos ós séculos XIX e XX coa coartada dunha prostitución voluntaria, libre e independente, organizada e autoxestionada en bordeis de pequeno ou medio tamaño rendible, controlados e fiscalizados coa moderna asepsia de calquera mercadoría a venda. Ámbolos dous camiños conducen a unha desigualdade social estruturante que rematará aglutinando a prostitución en “guetos vermellos” e en grandes conxuntos de modernos servizos de ocio sexual. ¿Estamos a tempo de repensar estas inxenuidades hispánicas, ideolóxicas e de praxes políticas, tanto supostamente progresistas coma conservadoras? ¿Estamos, realmente, avanzando na liberación sexual da muller? O tempo será testemuña e dará razón de todo iso.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES