Grelos
Editorial - jueves, 25 de noviembre de 2010
Ós productos que a diario consumimos, por ser doados de conseguir entre nós, non lles damos a valoración que merecen, e temos deles a consideración de elementos de baixa calidade e menor valor.
Ocorre cos grelos, que estimamos como unha verdura máis das nosas hortas, e verdadeiramente valoramos cando os galegos que están fóra, ou os mesmos de fóra nos ensinan o valor que para eles teñen.
Nacen agora os primeiros grelos frescos envasados, que xa están no mercado promovidos pola firma A Rosaleira, filial de Terras Gauda, preparados para ser cociñados de inmediato.
Coincidindo con esta aparición recibimos a nova de que o centro ourensán Tecnópole ten acollidos na súa incubadoras de iniciativas biotecnolóxicas dous centros de investigación de grelo galego. Un é o Centro de Desenvolvemento e profesionalización da produción do grelo en Galicia, e outro o Centro de Estudos de Efectos saudables do grelo.
Estes centros van a investigar para incrementar o tempo de producción, mecanizar a recolección, ampliar a vida util do grelo, envasado e transporte, novas aplicacións culinarias e efectos saudables como posible anticanceríxeno.
Parece perfecto o camiño emprendido na promoción e estudio do grelo galego, e unha interesante oportunidade de negocio no noso rural, que está comezando a despuntar. Camiños coma este son os que deben seguirse para impedir a desertización do noso agro, e rendibilizar o traballo das xentes que traballan no rural.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora