Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

En hora boa aos Amigos da Feira de Castro de Rei

lunes, 22 de noviembre de 2010
O sábado día 13 deste mes de Novembro, mes de Santos e Defuntos, recibín varias fondas alegrías. Poida que haxa quen comezase a ler estas palabras e xa estea pensando: “¿E a min que me importan as túas alegrías?”. Non lles nego razón, pero tamén eu sei que nalgún medios de comunicación se escriben ou din ou televisan historias que, ¡maldito, se me importan pouco nin moito!. Poñamos por caso: ¿Que máis me ten a min con quen se deite Dinio ou calquera dos e das que pasan por eses chamados: “medios informativos do corazón” e que máis ben deberían chamarse: “medios informativos do corazón para baixo”?
Ben, pois, xa que este noso xornal, EL Progreso, me presta a oportunidade de compartir unha vez máis as miñas alegrías con xentes de boa fe, direi para quen o queira ler, que a primeira alegría é que a Corporación Municipal do Concello de Castro de Rei, tomase a decisión de dedicar unha rúa na vila e capitalidade deste Concello á Asociación “Amigos da Feira”. É grande a satisfacción porque esa rúa, como oportunamente explicou o noso Alcalde, Xoán Valiño, é un recoñecemento ao esforzo que esta Asociación ven demostrando desde os comezos, hai uns 15 anos, para manter viva e vizosa esta Vila que é un dos recuncho máis fermosos de toda Galicia. Nos inicios deses esforzos están Xulio Pita e Xavier de Celso, dous dos seus primeiros e principias impulsores, que o foron tamén da Festa do Emigrante no campo de Barxa. Seguinos, logo, Serafín Carballo e moitos outros que desde a directiva desta Asociación, ou desde a súa colaboración entusiasta, recuperaron e levaron adiante unha feira na que os principias intercambios non son as moitas mercadorías senón o encontro, a amizade e os recordos de tempos pasados, pero non esquecidos. Xunto coa recuperación desa feira que en tempos non lonxanos foi das principias da Terra Cha, impulsou e dinamiza esta Asociación unha serie de iniciativas como as Rutas do Azúmara e da Escrita, coas que tamén Xulio Pita tivo e ten moito que ver, a mellor e máis completa Malla da comarca e da provincia que, se aínda non está declarada de interese turístico nos papeis, xa o é na realidade polo gran número de participantes e asistentes, así como moitas outras actividades culturais e recreativas que sería longo enumerar polo miúdo.

Outra das alegrías é que a Corporación Municipal, en pleno, tomase esta decisión por unanimidade, porque aos que somos independentes, aínda que non neutrais, satisfácenos moito ver que en ocasións importantes as distintas ideoloxías non separan nin minguan forzas, senón que enriquecen e suman apoios en ben da sociedade que lles deu o voto e depositou neles confianza para gobernaren con tino e atino.

Tamén me aleda a coincidencia de que a rúa “Amigos da Feira” coincida co lugar no que se celebraba a chamada “Feira das mulleres”. Se cadra algún, sen aínda memoria histórica suficiente, pensa que lle ven ese nome de que se vendeses alí mulleres, pero non, o nome venlle de que por alí era por onde as mulleres vendías as súas pequenas pertenzas coma: ovos, untos, pitas e coellos, queixos e algunhas outras cousiñas menores, para írense gobernando elas e gobernaren a casa, unhas veces por non dispoñeren doutros medios as familias e outras, por teren que soportar a homes agarrados que non ceibaban un peso e expropiaban ás súas mulleres e fillos do gañado conxuntamente co traballo de todos.

Finalmente, outra das grandes alegría é que este noso querido Concello saia nos medios de comunicación por noticias tan gratificantes e positivas e deixe de saír por desmedidas, desproporcionadas e difamantes intervencións xudiciais e policiais.

En hora boa, pois, ao entusiasta e actual presidente da Asociación “Amigos da Feira”, Xosé Luís Castro Tellado, a toda a Directiva e a cantos e cantas se esforzaron e se esforzan por conservar e mellorar a terra que non viu nacer, que nos configura e que algún día nos ha de volver a acoller con agarimo no seu útero maternal.

Xosé Manuel Carballo (Cura de Castro de Rei e fillo predilecto do Concello).
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES