
Esta semana saltou ás primeiras páxinas de todos os diarios a arrepiante noticia de que unha nena de 10 anos tivo un fillo. Que non é propio dunha nena desa idade ter descendencia é algo que todos temos claro, pero que é o característico dun neno ou nena desa idade? Pois que se fan máis investigadores e inquedos que antes, que son coleccionistas e curiosos, que se comprenden mellor a si mesmos e as súas calidades, que son máis autocríticos e adquiren unha visión máis realista de si mesmos. E nos temas do sexo? Que empezan a buscar unha maior vinculación co outro sexo, polo que nos seus achegamentos apareceran dificultades de relación, e as súas normas morais sexuais non son claras, teñen dificultades para distinguir o que é correcto do que non o é.
No caso das nenas, a aparición da regra non é unha norma xeneralizada, aínda que algunhas se lles adianta, ben por razóns xenéticas ou dunha boa alimentación que favorece o seu desenvolvemento. Agora vén a pregunta-problema: pode unha nena de 10 anos educar un fillo? A resposta é non. A súa bioloxía pódelle axudar a concibir un fillo pero a súa mente non está aínda preparada para coidar de ninguén.
Os preadolescentes son iso, persoas que están nun proceso de deixar de ser nenos pero a natureza aínda non lles deu todo o necesario para conseguir o status de adolescente. E este status supón mentalmente afrontar o mundo dunha maneira adulta, pero sen as experiencias que o adulto xa ten, é dicir, está nun período de caos. Ser e non ser a un mesmo tempo; obrar como se fose pero sen ser, pois aínda non pasou polos éxitos ou fracasos, ou sexa, polas experiencias que lle permitan saber cales son as decisións correctas e oportunas en cada momento.
Así que, deixar que unha nena de 10 anos teña un fillo é unha irresponsabilidade por parte dos seus pais por non estaren atentos á súa educación e crianza; unha violación da nena en toda regra porque intelectualmente non está preparada para dar o seu consentimento, e unha lixeireza social por non intervir a tempo ante unha situación de risco que se lle expuxo día a día diante fisicamente durante boa parte do embarazo.
Dúas vidas truncadas. A do fillo por non ter unha verdadeira nai e a da nai por non saber cales deben ser as súas obrigas respecto do seu fillo.