Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Que apodrezan no cárcere

lunes, 08 de noviembre de 2010
Teño a sorte de coñecer un pouquiño o cárcere po dentro. Só un pouquiño. E cando digo coñecer, estou a falar só das persoas. Principalmente da persoa concreta que está sufrindo condena por algo. Esa persoa da que dicimos rotundamente:“Que apodreza no cárcere”. A vida no cárcere é difícil. Moi difícil e por moitas cousas. Pola vida en si, polas relacións humanas, polo sentido de culpabilidade, etc.

Énchesenos a boca falando de reeducación, rehabilitación, reinserción, reconciliación, resocialización, rehumanización, e un sen fin de re-.

Os Centros Penitenciarios, tal como están, non son medio adecuado para conseguir eses obxectivos. Abonda só co sobreateigamento no hábitat para facer inviábel a meirande parte dos programas. Logo están todos os outros problemas de fondo. O sistema en si mesmo. Non son eu o indicado para analizalo. É moi complexo.
E, porén, hai moitas realizacións aí dentro que valen a pena. É de xustiza recoñecer o labor dos que poñen alma, vida e corazón por faceren o que poden e o mellor que poden. Acendamos luces en troques de maldicir as tebras. Mas son parches.

Non serei eu quen non teña sensibilidade para todas as vítimas. As das sen razóns e delitos que están a pasar na nosa sociedade. Con elas convivo a cotío, coas súas desfeitas físicas e psíquicas. Sei das amarguras e das tristezas e sobre todos dos tremendos medos que se meten na alma para sempre. E das perdas irreparábeis. Para todos eles a miña solidariedade e, no que saiba e poida, o meu acompañamento sincero.

Mas volvamos ao tema: “Que noches tan tristes las de la prisión, suenan los candados, late el corazón”, dicía aquela canción dos meus tempo mozos.

Cando entras no cárcere e non preguntas a ninguén por qué está alí, comezas facendo un acto de sanación esencial de ti mesmo: Non etiquetar a ninguén. Só así encontras, de entrada, á persoa con toda a súa dignidade. Con alguén que sabe que contigo está empezando de novo. Que logo che vai abrir plenamente a súa vida da que non está contento, nin fachendoso. Que está doído e recomido por dentro pola culpabilidade, que tanto nos desestabiliza no esencial do propio ser e pola autoimaxe negativa. Se cadra, mesmo atopa aí unha pequeniña oportunidade, por máis que sexa insignificante, para recomezar un novo proceso de refacer el mesmo a súa propia vida.

O voluntario, fóra do trato persoal e personalizante, da relación de axuda e do acompañamento, non lle pode ofrecer moito máis. Lembrades o papel da Sister Helen Prejean no film “Pena de Muerte”? Pois iso mesmo. Mas iso, alí, é moito.

Unha das dificultades máis serias, que senten na propia carne, cómo recomenzar ao saír, ben sexa con permisos temporais, co terceiro grao ou coa condena cumprida.

A reprobación, a sospeita, o rexeitamento están aí, no novo cárcere: Na sociedade. Entras outra volta no círculo da miseria e segues na dinámica da auto destrución ou rompes co teu pasado, comezando unha vida totalmente outra.

Que fácil é falar. U-las esas oportunidades?
A nosa sociedade, nós, ti, eu, estamos moi preparados para acusar, culpar, incriminar, denunciar, reprobar, maldicir, proscribir, desprezar.
E para estimar, querer, valorar, apreciar, acoller, albergar, aloxar, hospedar, recibir, aceptar, amparar, guarecer, reeducar, rehabilitar, reinsertar, resocializar, rehumanizar, perdoar, .....?

Empeza a haber experiencias de pisos tutelados e de reinsercións laborais. Dicíame Darío: Saes de permiso. Danche 50 €. Só o taxi ata o primeiro pobo, custa 40. E neses catro días, que fas? Perdido polas rúas, sospeitoso para todos. Tes que comer. Vas a un Super e roubas unha barra de pan e un cartón de leite. Xa endexamais ergues cabeza! Ladrón de por vida! Peor ca os da trama Gürtel. Eses teñen defensores.

Que razón tiña Sartre cando na obra de teatro, A porta pechada, termina dicindo: "L'enfer, c'est les autres": O inferno son os outros.
Quero esperar que coas mans de todos faremos un camiño na noite e dime o corazón que algún día venceremos.

Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES