O galego no camposanto
Vaamonde, Pablo - viernes, 05 de noviembre de 2010
Nos nosos cemiterios a práctica totalidade das lápidas están escritas en castelán calqueira que fose a língua utilizada en vida polos persoas alí soterradas. De seguro que veu algúen do Máis Alá para informar do asunto. Vai ser que no ceo e no inferno- non entenden o galego. Doutro xeito non se entende. As esquelas que se publican nos nosos xornais tamén aparecen en castelán, sendo a presenza do galego absolutamente testemuñal.
Hai poucos días un amigo meu enterrou a seu pai. Trátase dunha familia galegofalante e mesmo comprometida coa defensa do idioma. Ainda que a celebración se realizou nunha vila da costa, donde a totalidade da poboación entende e fala a nosa lingua, non foi posible que a empresa funeraria facilitase o uso do galego nos ritos fúnebres. Non dispoñían de libro para sinaturas, nin de bandas para as coroas, nin de estampas-recordatorio impresas no noso idioma. Por suposto, a misa foi celebrada integramente en castelán.
Nestes días en que lembramos os nosos difuntos a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística ven de iniciar unha campaña para acadar a galeguización dos actos funerarios. Un total de 25 concellos galegos asinaron xa unha declaración na que se comprometen a impulsar o idioma nestas celebracións. Entre outras propostas, a Asociación convida a homenaxear aos nosos defuntos rehabilitando a súa memoria cultural e lingüística, substituíndo as lápidas en castelán por outras en galego, así como a instar ás autoridades eclesiásticas e ás empresas funerarias para acadar máis utilización da lingua galega nos actos litúrxicos e que a oferta dos seus servizos sexa tamén no noso idioma.
Esta campaña foi apresentada o mércores da pasada semana en Santiago. Nese mesmo acto tamén se apresentou un fermoso libro (En galego, agora e sempre) coas mandas testamentarias de máis de sesenta persoas que deixan unha encomenda aos seus fillos para que utilicen e protexan o noso idioma. Hai algúns textos ben fermosos. Recollo, a modo de exemplo, o que escribe o amigo Turnes aos seus descendentes: Non reneguedes nunca da vosa orixe, amosade sempre o orgullo de pertencerdes á nosa tribo, tentade contribuir a facerdes este mundo un pouco mellor, gardade memoria de quen vos antecedeu e vos deu a vida, e construide o voso mundo e o voso futuro usando sempre a nosa lingua: o galego.

Vaamonde, Pablo
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora