
O seu nome completo é Felipe Senén López Gómez, pero o seu nome de guerra cultural e social- será sempre Felipe Senén.
O sábado pasado, no Muíño do Rañego de Vilalba foi entronizado como Chairego de honra nunha cerimonia oficiada por Felipe Arias Vilas, Xosé Neira Vilas, Xoán Naveiro e dirixida por David Otero, diante dunha nutrida concurrencia entre a que destacaban máis de dúas ducias dos seus alumnos da UNED-Senior da terra chá.
Felipe ten unha moi longa traxectoria de traballo arqueolóxico, cultural e humano en toda a Terra Chá, e de relación con moi numerosos chairegos, que o fan pertencer á parte do Carballiño da súa nacencia a esta comarca senlleira que cada día ten máis conciencia de sí mesma.
Felipe Senén dirixiu durante anos o Museo arqueolóxico de San Antón, que en tempos foi unha illa. Tamén Felipe, ese é o noso ver e sentir, foi durante moito tempo na Coruña unha illa cara á que navegaban todos os que querían saber, os que pescudaban coñecemento e referencias, os que sabían que na Coruña, ademais do facho da Torre de Hércules, Patrimonio da Humanidade, había outro facho patrimonio dos galegos, ó que acudir na percura da luz.
Por eso é Chairego de Honra. E desde aquí vai o noso recoñecemento, e a nosa felicitación.