Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Outono, mancebo céfiro de ás ergueitas

jueves, 28 de octubre de 2010
Tardei en saber de Xosé Otero Canto, pero a fé que desde que o coñezo non ten deixado de sorprenderme pola súa carga poética que como se levase acumulada anos e anos se desfoga en poemas e poemarios que ven a luz en fermosos libros, despois de pasar polas mans de xurados que os consideraron dignos de figurar en lugar destacado do panorama poético do comezo do século XXI.
Foi no verán de 2009 cando no xurado do Certame Literario do Concello de Vilalba apareceu un poemario presentado baixo o lema “No eido do silencio murmurado”, titulado “Outono, mancebo céfiro de ás ergueitas”.
Ás veces, hai orixinais que traicionan o secreto dos certames e, cumprindo escrupulosamente o segredo das bases, despiden un aroma poético que evidencia a súa orixe. Tal comeza a ocorrer coa obra de Otero Canto: xa podemos identificala porque sabe a terra (Terra Chá), a río (o Miño e os seus afluentes), ou a vento, neste caso un céfiro, ese Céfiro deus do vento do oeste representado por un fermoso mozo con ás, ergueitas, amante e esposo de ninfas e deusas, mancebo en palabras de Otero, que derramaba frores ó seu paso, últimas frores do verán se acaso -quizais as Tollemerendas- xa que chega co que na nosa terra é o fermoso Outono.


Céfiro de ás ergueitas

Fíxome pensar Otero no seu aparentemente inocente céfiro que acariña con sorriso outonal os seus poemas e a nosa terra, e velaquí que non é tan etéreo o vencello que o poeta establece entre o vento e a nosa Chaira xa que descubro que o equivalente a este grego Céfiro na mitoloxía romana non é outro que Favonio (de Favonius, favorable), vello coñecido dos chairegos desde que a el nos achegou o crego poeta José María Chao Ledo no seu inesquecible canto á volta da primavera:

O brando Favonio xa sopra na veiga,
O merlo asubía fervendo de amor;
A doce ruliña xa brua na chousa;
Xa atruxa nos soutos o cuco traidor.
......
O noso labrego sorrindo ademira
Os agros inmensos que veñen e van;
Os agros inmensos que chucha Favonio,
Os agros inmensos e as combas que fan.


E ata pode ser -ese vento do oeste, suave, lento- o que facía suspirar a Rosalía coidando poder usalo como etéreo transporte para volver á Terra:

Airiños, airiños, aires,
Ariños levaime a ela.



Música no vento

Hai ventos para cada tempo e cada lugar. Hai ventos para “outonos de rexos e sons acompasados”, que acariñan “no eido do silencio murmurado”, que chaman “en arrolos apaxados con sedas de luz e crinas de cabalos”.
Estructura Xosé Otero Canto o poemario “Outono...” como un concerto poético outonal dividido en tres partes: unha inicial Fuga, seguida dunha Suite e rematada por unha Sonata.


Fuga

Falan as Fugas de contrapuntos -tema e contratema, suxeito e contrasuxeito-, aparecendo nesta un tema principal aloumiñado en doce lóstregos poéticos.
Na “exposición” -parte da Fuga onde o tema se modula en cada unha das voces- aparece o vento que “domina e acariña”, “chama”, “arromba”, “acanea”, “son grazas as súplicas e pregos de morte os rumores”, “escana as árbores”, “choquelea as lousas”, “alenta levidade”, “cobreguea besbellos”, “anaina millos”, “esborralla casas” e “enlouquece xentes”.
E desde aquí mestúranse a “sección media” e a “final” de toda Fuga, desenvolvendo as voces cada un dos temas, logrando fermosas descricións, vibrantes poemas ó vento que nos leva, e crónica social de actualidade que nos devolve supetamente á máis cruda realidade:

Acaneas ponlas e carrexas salaios
que renxen as árbores arrandeándose
ó son das carricantas axexantes do outono
e dos grilos agochados nas grileiras,
e das mulleres malladas que  caladiñas senten
os golpes da incomprensión e da loucura
duns homes que din ter querencia
e son abaneadas e vilipendiadas
polo aire do poder vestido de autoridade
e de negróns vermellos e malvas,
en silencios envoltos en grisallos
de labazadas en meixelas percutidas,
e tanxen as campás azoutadas dos ventos,
mortes sen respostas en palabras de vento,
en zunidos de carraxe,
en xenreira de rabia,
en furor dos demanchiños do inferno.


Pero non esquezamos que o abano de voces que o vento outonal nos ofrece, prisma dodecagonal que o transfigura e multiplica, é un ser vivo, protagonista esencial deste libro e da vida que ó fin ven ser:

Coma unha xostra de vento refoleado
esbandallando as vergas dos garelos
vestidos de verde albanel
nas alturas cimbreadas
anasando as hebras e pandeando o trigo.


E teñamos presente tamén que nesta Fuga o vento non esquece a súa raiz, a terra que señorea, a terra que disfruta e que lle doe, soñando quizais coa postreira sonata da emigración outonal.

Galicia das sete cidades vestidas
cun sete nas rachadelas da xente,
feito nas silveiras dos abandonos,
rasgando as amoras da emigración
na emerxencia dun vento que toca campás
de abandono,
na noite murchada
co vento dos silencios.


Suite

Nas Suites, primitivas sonatas, brevísimos movementos musicais proporcionan imaxes rítmicas variadas.
Esta suite das paisaxes de outono, presentada por Otero como apuntes para sonetos cos sonetos que os redondean, é un heptámero que nos fala de follas e de árbores, de casas “de carne e pedra”, de salitres e liques, de cabalos da néboa e casas de “muros borrallentos”, nas que:

Está o picaporte igual que o outono,
de cor ocre enferruxado,
osmando un porvir amacelado
da Galiza de verdes prados,
de lingua aurilucente que perde os costumes,
o léxico e o fado.


Todo é presencia (nostalxia) outonal, de follaxe cansada, de “mudez dos corpos” e de “nudez da nada”, de árbores que “verten sangue en regueiros de follas”... preparándose para a sonata final.
Trátase dun “sono melancólico profundo” que “asolaga conciencias no sosego da atardecida”, na que:

Choran os poucos toxos que se escaparon á mantenza dos prados
en orballos líquidos espiñando costumes
de fornos sen roxar, de cortes sen estrar,
de cabalos sen toxo picado
e non entenden o porqué do seu perseguir,
do seu vivir esgrevio e enfastiado.



Sonata (da emigración outonal)

Fuga e Suite preparaban a Sonata. Otero busca a culminación poética coa Sonata dedicada á emigración outonal. Emigración que é morrer un pouco, vivisección social, infame fendedura entre dous mundos lonxanos:

Silencio, non hai ninguén nas agras;
 marcharon todos á cidade entolecida.
......
E nós aquí, en silencio,
E eles tremelando de medo
sen un rego onde plantar unhas fabas engurradas.
E os eidos abandonados
e as casas esborrallándose no azul do ceo.
ata cando?
Tempo e río.


Sonata da transición do outono ó inverno, pero tamén anuncio dunha segura primavera. Que pode chegar demasiado tarde. Ou pode representar un final lonxano e feliz.

- - - - -


Este poemario de Xosé Otero Canto ven de ver a luz en forma de libro, pola afortunada decisión do Concello vilalbés de editar os traballos premiados no seu Certame, para contribuir á difusión do premio e ó coñecemento das obras premiadas.
E o primeiro ano na xa longa traxectoria deste prestixioso Certame que as obras que o Xurado distingue reciben o espaldarazo definitivo da súa posta ó dispor do público gorentoso de poesía, nunha acción que resulta xeitosa para o Certame, para o concello convocante, e naturalmente para os premiados que obteñen así constancia plena do seu galardón e da calidade  da súa creación.
Como quere Otero Canto, gloria sexa dada ó outono (mancebo céfiro) que nos proporciona (ese libro é a proba)
Praceres de pombas, de panos, de cabelos,
 presentindo na simboloxía do vento
a fala do noroeste coma un alento
de galegos en arroulos de sons sinxelos.

Amén.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES