Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Parque Xosé Chao Rego

miércoles, 27 de octubre de 2010
Hai datas ben ledas para toda unha parroquia. Santa Mariña do Vilar, Ferrol e bisbarra, as letras e cultura galegas están de festa. O Pleno do noso Concello aprobou hai días, por unanimidade, o nome deste polígrafo para o noso rueiro oficial. Parabéns!

No monólito, como se di en correcto galego, dedicado a Pepe Chao, estará, como di el, “todo un estilo de sermos comunidade, e estaremos todos e cada un dos que con el traballamos, loitamos, sufrimos e esperamos”.

Hoxe a nosa memoria é fiel e fai xustiza a un dos bos e xenerosos. A nosa boca énchese de canción e poesía. O noso corazón reborda de agradecementos e nos nosos ollos xorden bagoas de emoción.. O seu eco resoa forte e fondo. O pobo é quen máis ordena.
As palabras fican pequenas para expresarmos axeitadamente o sentido profundo desta decisión.

Coidaremos deste monólito, como cousa e causa nosa. Non podemos permitir que se destrúa a obra deste eminente fillo adoptivo de Santa Mariña que tanto esforzo e estudo lle consagrou para dotar á parroquia de nome e honra universal e de verdadeiras obras arte. Abonda con abrir Google para comprobalo. Aí están ese mosaico de González Collado do ano 1960. O Pantocrátor de Segura Torrella na ábsida do templo. A talla da Virxe, dun verdadeiro artista, que polo seu vivir un tanto bohemio perdeuse no anonimato e do que debemos recuperar o seu nome. A fachada absolutamente orixinal, á que non lle damos o seu auténtico valor.

A nosa Igrexa Vella coas arquivoltas da porta principal cheas de signos de historia antiga. E tan antiga! O documento escrito de máis antigüidade de Ferrol é xustamente o que fai referencia a esta capeliña. Igrexa da que fala o Padre Sarmiento nos relatos das súas viaxes pola Galiza. Igrexa que foi queimada do 1936 e que Pepe Chao restaurou logo, seguindo planos do Arquitecto Rodolfo Ucha Donate, para dedicala a servizos sociais da parroquia, porque na escola nacional nacía a auga onde os nosos nenos de daquela puñan os pés todos os días. Posteriormente serviu para introducir nas letras aos nenos xitanos que acaban de asentarse para deixar a transhumancia secular.

Hoxe, devolta de novo ao culto, o seu destino orixinario, onde algúns que aínda vivides viñestes prometer nos anos vinte o voso amor. Preguntádello a Maruja Purriños.

Mas por riba de todo está o traballo humano de D. Xosé. A súa entrega polas persoas, a súa dedicación sen límites a todos nós, o seu testemuño de fe cristiá e a loita pola xustiza que lle custou, xunto con Vicente Couce e moitos outros, persecucións varias naqueles tempos da longa noite de pedra. Pepe Chao, o noso benquerido D. Xosé, ficará así sempre connosco e para a posteridade co seu nome imperecedoiro.

Hai que mostrar agradecementos a D. Amable Dopico pola súa axuda silenciosa, eminentemente eficaz. A cantos nos ofreceron a súa incondicional sinatura para acompañar o expediente preceptivo nestes casos. Á Corporación Municipal, que unanimemente aceptou esta proposta. A D. Vicente Irisarri, o noso Sr. Alcalde que con toda honra para todos nós os veciños, presidirá, sen dúbida, o acto de inauguración
Non teño palabras suficientes para Dona Mercedes Carbajales. Acollida, desvelos, preocupación, visitas a ese lugar, consellos, facilidades, orientacións, corrixir erros, fallos ou defectos, interés pola tramitación seria e rigorosa no proceder, sen pausas no tempo. Mercedes, para ti o noso inmenso recoñecemento.

A D. Javier, o Párroco actual, e a toda a parroquia de Santa Mariña que se vos pode dicir. Tendes o corazón a flor da pel pola sorte de vivir este intre co noso Pepe Chao Rego e poder dicirlle con grito forte e sincero: GRACIÑAS, PEPE, POR TODO. AD MULTOS ANNOS VIVAS, DOMINE JOSEPH!
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania