Sempre, a Guerra Civil
Editorial - jueves, 21 de octubre de 2010
Tres cuartos de século despois, non damos arrumbado ás páxinas de historia o que aconteceu neste país cando unha guerra fratricida asolou o territorio español.
Que aquí non houbo batallas nas que loitar conquistando cada val ou cada montaña, pero houbo unha guerra silenciosa, na que morreu moita xente que non tiña máis culpa que a de pensar de xeito diferente.
Estanse a abrir foxas innominadas nas que durmen o eterno descanso de xeito innoble persoas que daquela non mereceron ser enterrados en sagrado, e que pouco a pouco van vendo a luz conseguindo alomenos o dereito a descansar -de acordo coa nosa cultura- nunha terra noble e non nunha cuneta como poéticamente, doridamente, se ten lamentado Luis Pimentel.
No Parlamento vense de discutir de novo a posibilidade de crear un censo de persoas desaparecidas nese tempo difícil e un banco de Adn para a identificación de desaparecidos en base ás mostras que se vaian recollendo dos posibles familiares.
Non hai acordo, e a vida segue sen que o problema se solucione. E o paso do tempo vai facendo desaparecer os que puideron ser protagonistas dalgúns destes feitos, vai mantendo abertas as feridas, e os descendentes dos desaparecidos seguen a clamar por xustiza, que non vinganza.
A guerra civil e as súas secuelas deben desaparecer da nosa actualidade, da nosa vida, pero para que deixen de estar presentes primeiro hai que saber, e logo aprender a esquecer.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora