Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Prostitución e política en España (I)

viernes, 15 de octubre de 2010
Compás social: Prostitución e política en España (I)

Por que interesarse neste intre pola prostitución? No seu Plan Integral de loita contra a prostitución para 2009-2012, o Goberno de España propuxo celebrar cada 18 de outono o “día internacional contra a trata de persoas”. Estas reflexións pretenden ser un pequeno tributo a ese tarefa. A prostitución é un problema cada vez máis complexo. Os datos dispoñibles son estimacións imprecisas, segue avanzando un pluralismo de ideas confusas e a realidade da prostitución visible é cada vez máis ampla, diversificada e escorregadiza. Cando intento escribir algo sobre dela, sempre acabo case perdido neste bosque. E no intre presente non se trata de engadir mais enredos, senón de fitar é avaliar os tenteos políticos, acertados ou erráticos, deste problema na España democrática actual.

Nos meus anos de estudos e traballos en varias cidades europeas estiven en contacto con asociacións e persoas, xenerosas ata o heroísmo, que coidaban das prostitutas xa “non aptas para o servizo”. Ao retornar a España e residir na gran urbe rompeolas das Españas, o traballo no sector inmobiliario levoume a coñecer as interioridades dalgúns inmobles onde se exercía a prostitución baixo múltiples formas. Estas experiencias, mesmo tanxenciais e limitadas, cicelaron en min algunhas conviccións que cada vez máis confírmanse na realidade concreta. No momento actual segue diversificándose a prostitución, o que engade mais complexidade a calquera intento de análise e visión global. Non obstante, a pesar dos atrancos expostos, determinadas noticias da prensa empuxáronme a ensaiar estas consideracións sobre a prostitución na lexislación e na realidade concreta da España actual.

Escollo estas noticias dos xornais: nalgunhas vilas de Cataluña (Jonquera e Mataró) están construíndose macroprostíbulos; a ministra Bibiana Aído está negociando cos editores dos grandes xornais a retirada dos anuncios de contactos eróticos; o Presidente, Sr. Rodríguez Zapatero, ameaza con prohibilos, mais os responsables da prensa, fora de honrosas excepcións, non parecen dispostos a renunciar o negocio. Algunhas grandes cidades españolas (Bilbao, Barcelona, Granada, Sevilla, Málaga, Lugo, Alacante, etc...) estableceron, ou están a piques de facelo, Ordenanzas Municipais regulamentando determinados espazos e aspectos de prostitución.

Esa regulación administrativa, aínda que dubitativa e parcial, legaliza de feito os locais do sexo, as traballadoras do sexo, os empresarios do alterne sexual e tódolos autónomos/autónomas do ramo que, supostamente, exercen con plena liberdade, autonomía e independencia. Obviamente, os regulamentadores municipais non asumen estas afirmacións, mais este é o resultado final. Nesta escura lagoa, neste labirinto de contradicións, os Parlamentos, o Goberno Central e os Autonómicos, agás Cataluña, inhíbense de lexislar. Os tribunais de xustiza ditan sentencias, a veces contraditorias, para determinadas circunstancias laborais das prostitutas/prostitutos. A prostitución en España, na lexislación estatal, está no limbo da confusa alegalidade: non é legal nin ilegal, depende da perspectiva e matiz que se analice. Está prohibido o tráfico de persoas e o lucro de intermediarios, pero non o intercambio directo de servizos sexuais por cartos, nun troco presuntamente libre.

Unhas pinceladas de historia da prostitución en España
Para comprende-la situación actual, temos que dar algún paso atrás para saber de onde vimos, onde nos atopamos e a onde nos diriximos tanto de palabra como de feito. Da España do século XIX (1) herdamos dúas tendencias contraditorias: as regulamentacións, por exemplo, dos gobernadores de Zaragoza, Madrid e Barcelona para previr as enfermidades de transmisión sexual; e, por outra banda, a ratificación dalgúns convenios ou tratados internacionais tendentes a prohibir ou abolir a prostitución. No intre da II República afloraron as mesmas orientacións: regulamentar ou prohibir/abolir. Así naceu O Padroado de Protección da Muller que funcionou de 1931 a 1935 e pretendía “reeducar” as prostitutas. Os comunistas esperaban a sociedade socialista para prohibir a prostitución, como xa se facía na URSS. A organización anarquista “Mujeres Libres” creou os “Liberatorios de Prostitución”, unha especie de fogares colectivos onde as meretrices podían recibir axuda e formación para “liberarse”. Aínda que os anarquistas propugnaban a liberdade sexual e o amor libre, non obstante, consideraban a prostitución como a fase final dun desaxuste social, amoroso e biolóxico.

En 1949 asinouse o Tratado de Lake Sucess acordado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, que entrou en vigor en 1951 e insiste no castigo de toda persoa que prostitúa a outra persoa, mesmo co consentimento desta. Para cumprir parte dese compromiso, o goberno franquista decretou en 1956 o peche das mancebías, e logo en 1963 reformou o Código Penal para castigar as “conductas participativas” na prostitución allea, tal como “o rufianismo” e “o proxenetismo locativo”. O Réxime franquista, ademais dos axustes indicados, seguiu co Padroado Nacional de Protección a Muller inspirado, polo menos teoricamente, na educación católica abolicionista que se plasmou na institución “Villa Teresita”, unha especie de fogar que acollía as meretrices que desexasen rexenerarse, con casas abertas en varias cidades españolas.

Normas e realidades concretas de prostitución en España
Con estes precedentes herdados da dictadura, chegamos a democracia de 1975 ou, se queremos, de 1978. Os primeiros vinte anos poucos cambios houbo no eido da prostitución, só algúns remendos, ata que en 1995 naceu o novo Código Penal que, aínda que recolleu como delicto inducir e lucrarse da prostitución, despenalizou totalmente a chamada prostitución voluntaria, libre e autónoma. A idea dunha prostitución totalmente voluntaria é un ficticio suposto teórico, político-legalista, pois na realidade o 95% da prostitución é forzada e traficada, concedendo algunhas enquisas un 5% dunha aparente prostitución libre movida polas oportunidades de diñeiro fácil e outros refinados motivos da prostitución de alto nivel. Algo mais tarde, en 2003, reformouse o mesmo Código Penal recalcando que será delicto promover e lucrarse da prostitución, incluso cando as persoas prostituídas sexan maiores de idade e dean o seu consentimento. No mesmo ano 2003 modificouse a Lei de Estranxeiría, establecendo duras penas para os traficantes de inmigrantes e concedendo beneficios de estancia en España os estranxeiros que denuncien as redes organizadas de explotación sexual. A pesar destas reformas, nos últimos quince anos seguiu crecendo tanto a práctica da prostitución como o debate ideolóxico sobre ela. A continuación, xa no amencer do século XXI, encomezaron a multiplicarse os plans estratéxicos e ordenanzas municipais das grandes cidades que, con diversos matices, balancéanse entre a regulación parcial da prostitución e a persecución selectiva nalgúns determinados casos.

Mais nesta cuestión o gran salto simbólico cara o futuro deuno, no ano 2002, o goberno catalán do honorable Sr. Pujol ó decantarse pola “solución regulamentista” da prostitución. O Decreto Lei 217/2002 regulamentou unha parte da prostitución, a que se desenvolve en “locais de pública concorrencia”. No preámbulo expón as razóns lexitimadoras: preservar a orde pública, seguridade e hixiene nos prostíbulos, dereitos e seguridade dos cidadáns, molestias veciñais e protección dos menores. O obxectivo central é regula-la “prestación de natureza sexual”, actividade exercida libre e independente por prestador/a con contraprestación económica, sen subordinación, en reservados de locais de pública concorrencia. Aquí aparece de novo a ficción dunha prostitución libre, voluntaria e totalmente autónoma, cando sabemos que polo menos o 95% da prostitución é forzada por miserias e subordinacións diversas. Quedou fora dese Decreto Lei a prostitución nas rúas, nos parques e polígonos industriais, nos pisos, nos clubs de estradas e noutros clubs urbanos disfrazados baixo múltiples eufemismos.

O paso dado en Cataluña, parcial pero significativo, levantou un gran alboroto mediático e encomezou un maratón de plans e ordenanzas municipais con diversos matices para regulamentar a prostitución nas grandes cidades do resto de España, ao tempo que se pedía unha lexislación estatal. Neste contexto o Pleno do Congreso dos Deputados aprobou unha moción urxindo un Dictame Informativo que, elaborado pola Comisión Mixta dos Dereitos da Muller e da Igualdade de Oportunidades, fixera un diagnóstico sobre a situación actual da prostitución no noso país, concretando orientacións e propostas transversais a desenvolver en tódolos ámbitos. Formouse o chamado “Relatorio da Comisión Mixta” composto de trece parlamentarios, once mulleres e dous homes. Así mesmo compareceron uns 80 expertos nacionais en internacionais, que eran asesores políticos, representantes de asociacións e profesionais de diversas especialidades científicas. O traballo de todas estas persoas quedou resumido no Informe final sobre a prostitución no noso país aprobado en sesión do Relatorio da Comisión Mixta, o trece de Marzo do ano 2007.

Unha radiografía da conciencia democrática ante a prostitución
Ese Informe, sintetizado nunhas 60 páxinas, aborda múltiples aspectos da prostitución: antecedentes históricos, lexislación estatal, autonómica e local; normativa europea e internacional; estudos sociolóxicos, ético-morais, económicos e xurídicos, nacionais e internacionais. Nese documento quedaron recollidos algúns datos concretos: a prostitución é, tras o tráfico de armas, o segundo negocio mundial mais lucrativo que mobiliza uns catro millóns de persoas e acada unhas ganancias de cinco a sete billóns de dólares. As mafias gañan uns 7.000 millóns de dólares ó ano, e cada proxeneta de Europa obtén un beneficio estimado en 100.000 euros anuais. En España, as cifras do mercado do sexo pagado son tamén elocuentes: unhas 400.000 prostitutas (90% estranxeiras e un 10% nacionais) para uns 15 millóns de potenciais clientes que gastan 50 millóns de euros diarios. Este negocio move en España uns 18.000 millóns de euros ó ano (uns 3 billóns de pesetas), e cada prostituta produce para “os empresarios do sector” uns 45.000 euros anuais. Os principais xornais do país, sen contar os rexionais, recadan uns 5 millóns anuais de euros por publicidade de anuncios de contactos eróticos.

O equipo de expertos e relatores fixo un diagnóstico descritivo e realista dende varias perspectivas da situación actual da prostitución en España. Nos aspectos éticos e xurídicos avogan polos dereitos humanos e a dignidade de tódalas persoas. Nos aspectos económicos constatan que a prostitución contenporanea pasou dun negocio local a outro de escala transnacional que ademais, paradoxalmente, converteuse en estratexia de desenvolvemento económico (turismo sexual) dalgúns países pobres. Nos aspectos psicosociais propoñen que se analice todo o “sistema prostitucional” desde a perspectiva de xénero e dos dereitos humanos. E para iso deben ser estudiadas as víctimas, os clientes, os proxenetas, a sociedade en xeral e os mecanismos do Estado de Dereito para abordar este problema.

Toda esta diagnose desembocou nunhas conclusións e recomendacións ó Goberno Español. A lexislación española sobre a prostitución, dinnos, debe ser coherente co Convenio das Nacións Unidas de 1948, co Convenio do Consello de Europa de 2005 e coa Resolución do Parlamento Europeo de 2006. Consideran suficiente a lexislación española existente sobre tráfico e trata de persoas, pero hai que levala á práctica. O Goberno estatal debe elaborar un Plan Integral contra explotación sexual, con medidas nos ámbitos xudicial, social, educativo, policial e de inmigración. Debe reforzar a cooperación internacional entre países de orixe, de tránsito e destino. Debe solicitar ós medios de comunicación que consideren a renuncia á publicidade relacionada con comercio sexual para impedir o negocio das organizacións mafiosas. Debe potenciar a formación especializada das Forzas e Corpos de Seguridade, dos funcionarios e profesionais das Administracións e Institucións, tanto públicas como privadas. E, sobre todo, o Estado debe establecer un amplo e variado abano de atención integral ás víctimas, con suficiente dotación económica para a súa subsistencia durante un tempo de reflexión, garantindo a asistencia sanitaria e a inserción laboral noutro traballo.

Nunha primeira lectura o texto deixa un impresión case convincente; pero despois dunha pausada relectura e comparación con outros documentos e contextos, as propostas e recomendacións aparecen como simples consellos, suxeitos só a boa vontade dos diversos axentes e actores sociais. Sorprende a aparente inxenua suxestión da Comisión Parlamentaria de pedir ós medios de comunicación que deixen de publicar anuncios de contactos eróticos, sabendo de antemán que esa información mediática é un dos piares fundamentais para crear e consolidar a rede nacional de prostitución a gran escala. Bótase de menos algo decisivo: en consonancia co abano de argumentos despregados en nome dos dereitos humanos, era de esperar unha proposta de Lei Integral de abolición da prostitución que dera fundamento, coherencia e cohesión ó acertado diagnóstico, ós compromisos internacionais e ás conclusións e suxestións finais do Informe. Esta carencia deixa na indefinición o complexo dilema de regulamentar ou abolir a prostitución. Os expertos e relatores da Comisión Mixta deixáronnos, querendo ou sen querer, unha radiografía propia e dunha boa parte da mentalidade colectiva das elites de occidente ante o colosal problema da prostitución, esa forma cada vez mais diversificada e sofisticada de escravitude contemporánea.

Como do dito ao feito hai un treito, dinos a sabedoría popular, teremos que volver a falar dos plans e ordenanzas Municipais, do perfil teórico-práctico de cada posicionamento ideolóxico ante a prostitución (prohibir, regulamentar ou abolir) e dun complexo camiño máis coherente cos dereitos humanos e máis eficaz para cortar, a curto prazo, o paso as macroredes de prostitución; e no longo percorrido, eficiente para abolila. Pero iso será outro día.


NOTA: 1. Estas breves notas históricas siguen o fío do libro de GUEREÑA, Jean-Luis, (2003): “La prostitución en la España Contemporánea”; Edit. Marcial Pons, Madrid.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES