
Xa é sabido que o próximo seis de novembro ven Benedicto XVI a Santiago de Compostela. Ven como peregrino da fe e testemuña de Cristo resucitado. Ese é o obxectivo da súa viaxe, non é outro. Por moito que se diga que vai ser rendable economicamente, que vai ser un pulo para a promoción turística de Santiago, que vai potenciar aínda máis o Camiño, etc., non é o que el pretende nin a Igrexa que o invitou a vir.
O Papa ven como peregrino a Santiago como tantos outros que viñeron e están vido neste Ano Santo. El ven á tumba do Apóstolo como sucesor de Pedro; ven reavivar coa súa presenza a tradición secular que arrinca dos primeiros evanxelizadores que implantaron o cristianismo entre nós, entre os que destaca, segundo a tradición, Santiago.
Creo que nos vai facer ben esta presenza de Benedicto XVI. A pesar das complicacións da viaxe, todo o tema da organización e seguridade que conleva esta visita, breve por outra parte, ben vale a pena acoller e escoitar a este humilde traballador da viña do Señor (así se presentou na inauguración do seu pontificado). Efectivamente, o seu estilo sinxelo e propositivo (non impositivo), a firmeza e a convicción do seu discurso, o feito de virnos ver
ten que ser para nós, os crentes, un momento especial para fortalecer a nosa fe e sentirnos gozosamente membros da Igrexa.
Hoxe semella que os cristiáns vivimos, non sei se acomplexados o con certo sentido de culpabilidade, a nosa identidade. Nin tan triunfalistas como antaño, cando a Igrexa tiña máis presenza e influenza, nin tan apoucados coma hoxe, que tememos molestar coa nosa presenza pública aos que non pensan coma nós.
Como cristiáns, se de verdade valoramos esta condición e opción na vida, deberíamos sentirnos satisfeitos e alegres por selo. Fáltanos decisión e quizais convicción. Necesitamos que a nosa fe teña máis arraigo nas nosas vidas, sexa máis adulta e confesante, máis viva e atraente, máis leda e testemuñal. Só así poderemos dicir, con palabras de Benedicto XVI, que os cristiáns seguen crendo, a pesar de todas as incomprensións e confusións do mundo que os rodea, na bondade de Deus e do seu amor ao home (DCE, 16).
A mensaxe de quen ven e nos fala no nome do Señor, é unha mensaxe positiva. O que non quere dicir que nos veña a dar a razón a todo o que pensamos e facemos. Mais ben pode resultar a súa palabra distinta e interpelante. Falaranos dun Deus que vale a pena crer e confiar nel, dunha maneira de entender a vida que a fai apaixonante, dunha concepción do ser humano que o dignifica como imaxe do seu Creador. Falaranos tamén dunha mensaxe que é boa nova para todo home ou muller que o queira escoitar: a mensaxe do evanxeo de Xesús, pode que coñecido, pero escasamente vivido e testemuñado.
Para isto ven o Papa en persoa. Para animarnos e confirmarnos na fe, como noutro tempo o fixeron Santiago e os demais apóstolos de Xesús. É un servizo impagable que nos ven facer Benedicto XVI. Ben vale a pena acollelo, mesmo a pesar das posibles incomodidades polas que teñamos que pasar. E, por suposto, tamén temos que orar. O froito desta visita apostólica non depende de nós, nin tan sequera del. Depende daquel -o Espírito de Deus- que pode mover e cambiar os corazóns das persoas para que a Igrexa sexa máis fiel ao evanxeo e, deste xeito, se faga cada día máis presente e patente o Reino de Deus nesta sociedade, que tanto o necesita.
Benvido, Benedicto. Esperámoste.