Cartas a Antón
GarcÃa Cendán, Bernardo - martes, 05 de octubre de 2010
Meu querido Antón:
Non son quen de me afacer a terte tan lonxe. Poida que sexa este o motivo de que tente volver a cartearme contigo. Desque te fuches para Santiago, hai moita xente que non fai máis que preguntarme por ti, mesmo sen saber que es ti o destinatario das miñas cartas. Porque, iso si, segues a ser, coma sempre, igual de celoso da túa intimidade. E iso que agora non perdes nada, aÃnda que os teus amigos do PP se decaten de que nunca lles deches o teu voto nin contas con dárllelo, por máis que te mimaron ao longo de longos anos con moitos privilexios que non lles deron aos teus veciños sospeitosos de non seren adictos ao réxime imperante no noso concello. Asà que non entendo ese empeño en seguires no anonimato, pero, xaora, respectarei o teu desexo de te manteres asà de oculto.
Unha nova interesante: melloraches as técnicas de comunicación. Se cadra, para os nosos oÃntes non sexa unha sorpresa saber que agora xa utilizas un teléfono móbil, que xa era hora; pero si o é para min que non son quen de te imaxinar agarrado a ese trebello, sobre todo cando souben por un dos teus netos que case sempre o colles do revés, malia ser do máis grandes. Empérraste en falar polo sitio de oÃr, fai falla andar aparvado, pero, claro, os anos non perdoan. Terei que me afacer a imaxinarte tapando a orella con el.
Â
O caso é que, cando te chamei para comunicarche que Ãa recomezar estas misivas na radio que nos acolle, a túa pregunta inmediata foi a de saber se poderÃas dar con esta emisora en Santiago, ou se quizais algún amigo te chamase no momento da emisión poñendo un teléfono diante da radio para que puideras escoitar polo teu móbil. Paréceme que o mellor é que convenzas ao teu fillo para que che explique pacientemente como a poderÃas localizar estas ondas por Internet. Claro que tampouco saberás o que é iso de Internet, pero xa o irás aprendendo, que, por moi vello que sexas, neste tempo xa non se pode vivir sen algúns deses aparellos.
Â
Meu Antón, eu non quero entrar hoxe en comentarios do que ti me pedÃas onte intensamente, e insistentemente. Non quero, non teño azos para falarche dos amigos que se nos foron para sempre, de xeito inesperado, en tan pouco tempo e nos deixaron consumidos por tanta tristura. O Vérez, o Quintela, o Raúl Villarino, o Lorenzo Somoza e moitos outros, ademais, por suposto, do meu cuñado MartÃn. Comprenderás que cada un deles serÃa merecente dunha carta para el só, pero agora mesmo non teño espÃrito esperto para facelo. Teremos ocasión de dedicarlles unha lembranza ao longo do curso. Ou iso espero.
Â
Tamén querÃas que che falase das festas de San Ramón. Por certo que te puxeches moi pesado con esta teima. Pero xa che dixen que pouco che podo comentar, pois vivinas moi de costas. Sei que houbo moita xente e que os da comisión - que eu non coñezo – andaban, polo visto, moi fachendosos polo bos resultados da súa xestión. E, de ser asÃ, non me queda máis que os felicitar e fágoo con gusto. E ti tamén, seguro. En todo caso, debo engadir que, ao parecer, este ano de crise o presuposto festeiro case se multiplicou por dous e que, grazas a iso, houbo multitude de actividades e espectáculos que encheron a vila de mocidade. Supoño que tamén foi debido á xestión dos comisionados, e, xa que logo, debemos felicitalos dobremente. E aproveitando, non estará de máis que, ao publicar as contas, non deixen de explicar as estratexias que puxeron en práctica para se faceren con moito máis diñeiro do que puideron conseguir comisións anteriores. Cal foi o segredo? Eu non o sei e os meus amigos tampouco, pero, se no-lo explican, farÃan unha contribución excelente e necesaria para que en vindeiros anos aÃnda se puidese mellorar. Sobre todo se, como moitos demandan, son organizadas polo Concello que logo poderá defender a súa xestión e facela tan transparente como cómpre.
Â
Tamén che debÃa contar hoxe algo da pasada xornada de folga. Por certo que xa me informaron de que lle propuxeches á túa muller facer folga nesa labor que tedes agora de coidar dos vosos netos. Ela chamouche tolo, claro está, pero, xa ves, só a tentativa quere dicir que algo está cambiando en ti desque andas por Santiago neste ano santo.
Â
Hoxe non teño tempo para máis, pero xa che contarei na vindeira carta, se aló chegamos. Por hoxe xa vai carta dabondo. Dálle saúdos á túa familia e que teñan paciencia contigo que boa falla lles ha facer.
Xa sabes do aprecio que che ten o teu amigo
Bernardo

GarcÃa Cendán, Bernardo