Nun artigo publicado o 25 de xuño de 1926 no número sexto da Revista de Comércio e Contabilidade, de Lisboa, Fernando Pessoa analizaba o informe elaborado pola chamada Comisión Especial de Enquisa e Reforma do Calendario, establecida pola Sociedade das Nacións dous anos antes, en 1924, e presidida polo egrexio profesor van Eysinga, da Universidade de Leyden. Segundo relataba o poeta portugués, esta comisión constituíuse co gallo de estudar o carácter irregular e defectuoso do calendario gregoriano e as súas inevitabeis e perniciosas consecuencias a nivel, non só pragmático, senón tamén, e sobre todo, comercial tentando así ires na procura dunha alternativa que puidese chegar a ser, se cadra, un pouco máis equilibrada.
Como a estas alturas ninguén ignora, o noso calendario consta de doce meses cuxo número de días, nada regular, oscila dos vinte e oito aos trinta e un, provocando iso, xa que logo, que a duración dos catro trimestres que o integran tamén estea desequilibrada, pois sitúase entre 90 (91 en ano bisesto), 91, 92 e 92 días. Inda por riba, non existe unha coincidencia fixa entre días de semana e días do mes, polo que só se repite exactamente a mesma secuencia de calendario completo cada vinte e oito anos.
Para as previsións de negocio ou os cálculos que debían realizar as firmas comerciais e financeiras a comezos do século XX, esta irregularidade supuña, cos rudimentarios métodos de cálculo daquel entón -nunha era anterior á informática-, un esforzo tal que moitas empresas remataban optando por facelas en base a un ano artificial, composto por doce meses de trinta días e admitindo de entrada unha marxe de erro de cinco ou seis para acadar os 365 ou 366 do ano bisesto.
Como conclusión, pois, do seu informe, a Comisión da Sociedade de Nacións destacaba, por riba das outras moitas propostas realizadas, só tres por consideralas de sumo interese a pesar da súa maior ou menor radicalidade e admitindo sen dúbida a dificultade que suporía levalas a bo termo.
A primeira delas era a máis sinxela porque alteraría dun xeito menor o calendario actual. Consistiría en igualar os tres primeiros trimestres do ano en tres meses de 30, 30 e 31 días, e o cuarto en tres meses de 30, 31 e 31 días. A segunda, ou parcial, propuña dividir o ano en catro trimestres iguais de 91 días (30 + 30 + 31). Con ámbalas dúas, a marxe de erro para os cálculos citada máis arriba seguiría existindo, mais quedaría case diluída entre os catro trimestres.
A terceira das propostas que destacaban era a máis radical, pois suxería a posibilidade de levar a cabo unha reorganización total e absoluta do ano que ficaría agora dividido, velaí a proeza, en 52 semanas repartidas en 13 meses de vinte e oito días exactos cada un. O maior atrevemento desta proposta non estaba só no feito de engadir un mes máis, senón tamén no de suxerir un calendario con valor perpetuo, no que os días da semana e os días do mes coincidirían sempre. O día primeiro de cada mes sería luns durante todos os anos seguintes desde a súa posta en funcionamento até a eternidade.
Con todo, o máis rechamante das dúas últimas opcións citadas por Pessoa, a parcial e a radical, é aquilo do que, se cadra, algún dos lectores xa se pode ter decatado. Se botamos contas, deseguido se percibe que nelas a suma dos catro trimestres de 91 días ou dos 13 meses de vinte e oito supón un número total de 364 días e non os 365 esperables. A solución incluída en ambalas dúas propostas consistiría en incluír nalgún momento do ano o que alí os seus autores denominaban un día en branco que, como suxire Pessoa, podería moi ben incluírse entre o 31 de decembro e o 1 de xaneiro.
Logo de ler as tres propostas, confeso que non sinto unha simpatía especial por ningunha delas. Inda así, coido que o máis interesante de todo elo sería recuperar a idea de incluír no calendario actual ese día en branco obrigatorio que se podería colocar nalgún lugar do ano quitándolle un día, por exemplo, a algún dos meses de trinta e un. Imaxinen as tensións que aliviaría na poboación mundial ter un día semellante: tensións políticas, laborais, conxugais... Sería un xeito de garantir que cada un de nós puidese contar cun tempo para si mesmo e empregalo naquilo que lle pete, para facer aquilo que sempre soñou, para plantar unha árbore, escribir un libro ou ter un fillo. Sería un día para ir de folga, ou a misa, ou para saír a berrar e despotricar contra todo polos parques como un street preacher calquera. Un día para soñar, para durmir, para folgar, para chamar a eses amigos dos que hai tempo que non sabemos ou sería un día, simplemente, para vivir.
Parece lóxico pensar que todo aquilo do que fala Pessoa no seu texto se teña botado nos tempos que corren, case noventa anos despois, no máis completo dos esquecementos, pasando a ser, como moito, unha mera nota ao pé de páxina na Historia da Humanidade. Organizacións racionais aparte, talvez o contido daquelas propostas poida semellarnos hoxe, non só anacrónico, senón tamén totalmente disparatado. Con todo, houbo outras épocas menos globalizadas nas que foi posible facer cambios tan radicais como aqueles, ou máis aínda, baseándose en argumentos non tan diferentes. O 10 de xaneiro do ano 45 a. C. Xulio César impuxo o chamado calendario Xuliano, que é practicamente o actual, e que en 1582 o Papa Gregorio XIII reaxustou, sen apenas modificalo, para corrixir os dez días de desfasamento que arrastraba.
Parece, sen dúbida, que a Historia do Home ben podería resumirse analizando á súa vez a Historia do Tempo, da súa sempre longa, ardua e afastada relación co Tempo.