Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cando se perde a memoria

miércoles, 29 de septiembre de 2010
O día 21 de setembro celebrouse o Día Mundial do Alzheimer. A demencia é un problema sanitario, social e mesmo económico de primeira magnitude. Moitos expertos sinalan esta doenza como a auténtica epidemia do século XXI. En España hai na actualidade arredor de 600.000 persoas afectadas. O incremento da lonxevidade fai prever que, no ano 2025, o número de doentes pode duplicarse.

Cando esta doenza entra nunha casa todo cambia darredor. Os familiares empezan por decatarse da presenza de esquecementos, das preguntas reiteradas sobre o mesmo asunto, das olladas de auxilio do enfermo dirixidas aos seus acompañantes. A evolución da enfermidade é moi lenta: poden pasar máis de quince anos desde os primeiros síntomas ata o falecemento que, en moitos casos, prodúcese por outras causas e non pola demencia.O enfermo, co transcurso dos anos vai precisando cada vez máis axuda para as actividades propias da vida diaria ata os momentos finais, en que é totalmente dependente dos seus coidadores.

O impacto emocional deste proceso é moi intenso. Non só se ve afectado o doente senon todo o seu contorno. É necesario apoiar o coidador/-a principal, xa que o desgaste psicolóxico e físico é importante. Os doentes chegan a esquecerse da súa propia identidade e do nome dos seus seres queridos, pero manteñen a memoria afectiva. Perciben e agradecen moito as expresións de afecto, o cariño e a tenrura.

Pasqual Maragall anunciou publicamente que padecía esta doenza. Durante os últimos dous anos deixouse gravar na súa vida cotiá. Acábase de presentar o documental no Festival de Donosti. É un testemuño emocionante e valente, que reflicte o lento pero inexorable avance do proceso. "Teño sordeira cerebral. ¿Non me poden quitar esta cortiza do cerebro?", di o ex presidente catalán. "Bicicleta, culler, mazá", dille o terapeuta. Ó cabo duns minutos pregúntalle: "¿Acórdaste das palabras". "Non", respóndelle el.

Non se coñecen as causas da doenza, polo que non existe, no momento actual, posibilidades preventivas nin de curación. Estase a avanzar neste terreo, e pódese prever que nunha ou dúas décadas as posibilidades terapéuticas serán moito mellores. Pero a día de hoxe non hai cura eficaz contra este mal. A industria farmacéutica e certos grupos profesionais están a xenerar falsas esperanzas; propoñen a realización de probas xenéticas e outros test diagnósticos co fin de detectar a enfermidade nos seus inicios. Pero é moi cuestionable eticamente a realización masiva de probas de detección precoz. O primeiro requisito para realizar un test de screening á poboación é poder dispor dun tratamento eficaz contra a doenza. Do contrario só conseguiremos aumentar a ansiedade e o tempo de convivencia co proceso, pero non poderemos modificar o curso natural da enfermidade.
Vaamonde, Pablo
Vaamonde, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES