Dora, exploradora
Editorial - lunes, 27 de septiembre de 2010
Andan os rapaces máis novos alucinando nos medios audiovisuais con series infantís de animación, entre as que destacan as que teñen por protagonistas a Bob Esponja, e Dora exploradora, sendo esta última unha nena a protagonista que aparte de expresarse en dous idiomas para que os nenos vaian contactando coas expresións en castelán e inglés, proporciona unha posibilidade de participación con preguntas que se agarda os nenos contesten animando ós personaxes da serie no decurso das súas aventuras.
Velaquí que se nos foi estes días a nosa Dora exploradora do galego e da infancia. Todos a coñeciamos como Dora Vázquez, e xunto coa súa irmá Pura desaparecida con anterioridade- formaron un dúo ourensán de primeirísima fila entre as exploradoras do idioma e da poesía, abrindo canles de cultura e de feminidade, sendo protagonistas dunha longa aventura cultural e galeguista, fomentando a participación de todos na súa comuñón co idioma galego, e facendo que todos os galegos respostásemos con entusiasmo ás chamadas clamorosas que desde a Auria gloriosa resoaban por todo o noso mundo galego europeo e americano.
Con pesar dicímoslle adeus á nosa Dora, exploradora de mundos garimosos, de mundos infantís para os máis grandes, de mundos rotundos para os máis novos. Adeus, Dora, a nosa grande exploradora de mundos desde Ourense, sempre nos nosos corazóns.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora