Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cultura festeira e infraestruturas culturais

jueves, 23 de septiembre de 2010
O verán e un excelente compás social para medi-la dinámica dos grupos e das comunidades locais, sexan estas rurais ou urbanas. O tempo estival deste ano está a piques de esvaecerse, mais deixounos unha longa mostra de festas patronais, festivais de música especializada e festexos laicos recen inventados nos que os produtos da terra ou do mar son rito de admiración e consumo masivo. Así mesmo, as labores fortes da economía tradicional son recreadas, reproducidas e retratadas ata o infinito. Reconstrúese o pasado recente, memoria viva das xeracións maiores, para exorcizar o presente e o futuro.

Durante o estío deste ano puiden participar nas festas populares dalgunhas parroquias e vilas de Galicia. Seguidamente, enrolado na motorizada transhumancia festexeira, estiven en varios pobos rurais de Castela-León, que tamén ofrecían as súas peculiaridades recreativas. Ao mesmo tempo, para completar estas celebracións, lin en cada caso os programas e crónicas festeiras dos xornais locais, provinciais ou rexionais. Dous mundos rurais semellantes e diferentes a vez, que de modo natural conducían a reflexión sobre o presente e futuro do mundo rural, dos mundos rurais. E fitando en dirección inversa, tamén era obrigado cavilar sobre a cultura urbana transplantada e en proceso de asimilación no medio rural, nesas vilas galegas e pobos casteláns de 1.500 a 5.000 habitantes, cabeceiras de bisbarra, que son o eixe dos transvasamentos entre a cultura rural e urbana.

En Galicia contabilízanse mais de 8.000 festas populares nas que se gastan mais de 300 millóns de euros para amenizalas con grandes orquestras, bandas e grupos diversos de música tradicional ou moderna. Detrás dese rexurdir están as comisións parroquiais, as asociacións culturais, os mecenas, os grupos políticos e as concellarías municipais. En Castela-León hai festas populares en proporción o menor número de pobos, e transmiten ó visitante a impresión de ser menos rumbosas en orquestras pero mais participativas en “Peñas” con propostas e actividades diversas.

¿Como interpretar esta novo rexurdir da cultura festeira, especialmente no medio rural? Podemos aventurar que neste intre dáse, polo menos, a confluencia de tres factores sociais que empuxan nesa dirección: os emigrantes nativos de vacacións ou retornados, os campesiños e comerciantes xubilados dispoñibles para a oferta recreativa; a xuventude que, cansa de ser esquilmada en locais de ocio de gran sona, intenta agora artellar o seu divertimento de forma máis activa; e os políticos municipais que se esforzan en programar unha cultura festeira, sostida e mediática para consumo dos cidadáns locais e posibles visitantes foráneos. A dinámica e presenza destes actores sociais é parecida nos dous espazos rexionais observados: en tódolos pobos rurais ou semiurbanos hai cantidade de emigrantes nativos de vacacións, xubilados festexeiros dispoñibles, xuventude e adolescentes a procura de novas experiencias, familias con ganas de xantar en tribo extensa e políticos locais ávidos de relevancia social e sona mediática. En definitiva, hai xente e cartos dispoñibles para cultivar esta cultura festeira que, por un breve intre, devolve a ilusión de ser un pobo recomposto.

Esta eclosión de divertimento popular ten grandes aspectos positivos que deben ser promovidos: produce novos encontros e xorden novas identidades, reconstrúese o pasado para transmitilo as novas xeracións e, paradoxalmente, para levantar ánimos e proxectar o futuro. Ao mesmo tempo que se senten as propias limitacións, créanse novas formas de organizarse en moitos eidos. Todo isto que parece intanxible e irrelevante, convértese nun antídoto necesario para superar esa mentalidade de fuxida que se apoderou de moitos mozos do mundo rural, dos mundos rurais.

Non obstante, este incremento exponencial dos festexos, especialmente na Galicia rural dispersa, sorprende e provoca interrogantes nalgúns opinantes que escriben sobre determinados aspectos novidosos deste fenómeno. En primeiro lugar, faise un uso abusivo da palabra “cultura popular” que se adxudica a calquera cousa, tomando a parte polo todo, o continente polo contido. Calquera ocorrencia, mesmo ruda e de mal gusto, pode transmutarse en cultura popular. Outros pensan que este rexurdimento recreativo desexable en si, pode, non obstante, contribuír a perpetuar a diglosia lingüística e social de Galicia. Pero iso depende en cada caso da orientación elixida polos responsables da festa.

Pero hai cuestións e preguntas de aínda maior calado: ¿cómo se explica que unha sociedade galega, tradicionalmente habituada a unha austeridade sensata e honrosa, malgaste agora alegremente os diñeiros familiares, os cartos dos produtos dos montes veciñais, os magros fondos municipais e as subvencións culturais? Non sei que dose de verdade hai nesta pregunta, mais algúns actores sociais dana por suposta e explícana como un dispendio de diñeiros fáciles e pouco controlados. Propoñen que as comunidades locais deberían estudar una xerarquía de necesidades reais e un reparto de recursos económicos proporcional a ese diagnóstico. As festas tradicionais e os festexos recentemente inventados son bos e necesarios, aínda que empecen e acaben en si mesmos como simple “cultura consumible”; mais sen esquecer a creación, a institucionalización e acumulación de infraestruturas culturais permanentes que permitan o desenvolvemento tanto da cultura popular como de tódalas belas artes e valores colectivos. Puiden ollar, por exemplo, bastantes polideportivos (algo necesario e positivo para as pequenas vilas e pobos), pero poucos auditorios polivalentes. Realmente, ¿estase a modernizar a cultura rural ou é só unha simple fotocopia de determinadas manifestacións da cultura urbana?

Outro interrogante de grosso trasfondo é este: podemos constatar facilmente que moitos próceres locais, de pequenas vilas e pobos epicentro de comarca, soñan con que o seu territorio acade unha atracción turística que se converta nun dos piares da economía local. As fontes da economía produtiva tradicional secáronse ou reducíronse ata languidecer, e hai que buscar novos horizontes. Sacado algunhas comarcas rurais de natureza singular, historia intensa e clima privilexiado, a economía do turismo rural pode ser un aliciente engadido, pero non o eixe central dunha economía local, integral e sostible. De calquera xeito, ademais das festas consumidas cada verán, a infraestrutura turística debe encomezar por inventariar, documentar e sinalar o patrimonio natural e histórico-artístico de cada comarca, seguindo pola modernización da hospedaría e restauración, traballo que está sen facer a fondo en moitas bisbarras galegas. As asociacións comarcais do sector turístico deben ollar o bosque enteiro para ben coidar dos árbores propios, creando rutas turísticas que se complementen entre si, formando un todo interesante e atractivo non só para visitas esporádicas, senón para estancias duradeiras.

En definitiva, que neste intre de crise e de precariedades acumuladas, parece necesario cavilar mais que nunca sobre uso e destino dos fondos económicos comunitarios dispoñibles. Non tirar a casa pola ventá , senón construír unha casa mais confortable para o futuro. Estas precaucións son necesarias, tanto no eido da cultura como noutros campos.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES