Campos de futbol
Editorial - miércoles, 22 de septiembre de 2010
En tempos non lonxanos que procuramos arredar da memoria, o fútbol viña ser considerado pola progresía como o opio das masas, que o rexime imperante subministraba abondosamente para adormecer sentementos que puidesen ser contrarios á normalidade vixente.
Houbo transición á democracia, e democracia mesma, e leva asentada moitos anos pero o fenómeno do fútbol non deixou de aumentar en cantidade e cualidade. E os clubes investiron nos mellores xogadores do mundo, o espectáculo fíxose universal, os medios de comunicación de masas entenderon o influxo e o negocio, e na actualidade o fútbol é o noso pan informativo e anímico de cada día, colmador das maiores apetencias, posible adormecedor de moitas outras querencia.
A linguaxe de cotío está influída polo fútbol ata extremos inimaxinables hai poucos anos. E este mesmo verán, para mencionar os danos causados nun incendio forestal resumíase para os non entendidos a indicar a equivalencia con campos de fútbol. Se se mencionaban os metros cadrados, traducidos cada dez mil a unha hectárea, a hectárea deixaba de ter personalidade para convertirse nun campo de futbol.
Os danos dun incendio viñan representar como se se queimasen X campos de fútbol, o cal ven reducir as posibilidades intelectuais teóricas dos destinatarios da información a unha cifra ben por debaixo dunha media tamén teórica. Sabemos todos que a superficie dun campo de fútbol, é de preto de dez mil metros cadrados, que casualmente é unha hectárea, pero a comparación é, como mínimo, como a tradición quere, certamente odiosa.
Claro que este simil xa se viña utilizando con anterioridade á vaga de incendios galegos, e tamén Greenpeace no seu informe Destrucción a toda costa 2010 menciona que cada día se destrúen en España o equivalente a 7,7 hectáreas de costa, equivalentes a oito campos de fútbol.
Certo que así o entendemos todos con meridiana claridade, pero é unha tristura que alguén poida pensar que só de futbol vivimos os humanos, e só o idioma do fútbol é quen de ser entendido por todos nós.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora