Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os menciñeiros de Cunqueiro

miércoles, 15 de septiembre de 2010
Álvaro Cunqueiro é unha das grandes figuras da nosa literatura. Achegouse á medicina popular desde a súa óptica de escritor e deixou unha obra espléndida "Escola de Menciñeiros", na que retrata un feixe de personaxes únicos que se dedican ás artes da curación: Perrón de Braña, Borrallo de Lagoa, Xil da Ribeira, Lamas Vello, o Coxo de Entrebo, Pardo das Pontes, Silva da Posta, o señor Cordal, Cabo de Lonxe e o Licho de Vilamor. O menciñeiro (ou curandeiro) vén ser o equivalente da figura antigua do chamán: un personaxe recoñecido pola comunidade como posuidor de poderes para axudar os demáis. Esta figura está a desaparecer da nosa xeografía, desprazada pola medicina moderna e por prácticas paramédicas importadas doutras culturas e que nada teñen que ver coas nosas raíces. Pero a mediados do século pasado, o recurso á axuda do curandeiro era habitual cando a doenza entraba nunha casa, afectando a un membro da familia ou a un animal doméstico.

Moitos dos menciñeiros que Cunqueiro retrata coñeceunos na farmacia de Mondoñedo rexentada polo seu pai, don Joaquín, quen lle ensinou tamén o amor pola natureza, o coñecemento das plantas e o manexo das substancias utilizadas na botica. El mesmo di na cabeceira do libro: "xente é esta da que eu falo que coñecín, e algunha de moi perto".
O humor de Cunqueiro impregna cada unha das páxinas deste fermoso libro. Cando describe a Pardo das Pontes, por exemplo, di: "Era moi lido, e por darlle solemnidade ás súas receitas, acostumaba meter entre o nome da menciña e a dosis un ´verbigracia`.
De propina admitía unha tortilla de chourizo ou de xamón, e un vaso de viño. Iba a Romariz visitar dez enfermos, poño por caso, e dez eran as tortillas que papaba".

Os menciñeiros de Cunqueiro préstanlle moita atención aos seus doentes. Perrón da Braña "estaba unha hora cumprida cabo do doente, fumando, falando de cousas de ir e vir, do tempo que corría e máis de xente allea". Lamas Vello "tiña, como todos os curadores que eu coñecín, unha postura de amigable escoitar, de garimoso confesor".
Borrallo de Lagoa "levaba a Listeiro -un doente-, tódalas tardes a pasear; paseos de dúas ou tres leguas, e como quizaves se faría de noite na volta, quedaban a durmir nunha pousada ou nun palleiro". Velaquí unha forma de entender e coñecer o que lle pasa a unha persoa enferma: pasear e falar.

Algo debemos aprender os actuais sanadores agora que a figura do menciñeiro está a piques de desaparecer. Debemos asumir que a persoa enferma é algo máis que unha maquinaria coas pezas desaxustadas, que precisa de nós unha actitude de escoita respectuosa e empática. Cómpre, en fin, recuperar o uso da palabra como instrumento de gran valor terapéutico.
Vaamonde, Pablo
Vaamonde, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES