Lobos e homes
Editorial - viernes, 10 de septiembre de 2010
Tense dito que o home é un lobo para os homes, pero tamén que o lobo é un home para o lobo, o que ven deixar en bo lugar o que consideramos un animal feroz e poñer en total cuestión ó xénero humano que moitas veces se comporta, individual ou colectivamente, como un animal feroz.
O lobo ten unha negra lenda de perigoso depredador, e de pouco valen os exemplos de lobos humanizados como o que deu alimento a Rómulo e Remo, dos que indirectamente todos vimos, ou o lobo de San Froilán, ó que o santo fixo doméstico ó devorarlle o burriño que portaba os seus libros.
E pouco a pouco un franciscanismo sui xéneris, derivado da protección das especies animais, fai que defendamos os lobos como animais en extinción, e poñamos en tela de xuizo non só a súa maldade innata senón a mesma conveniencia de facerlle fronte.
Existe en marcha un proxecto europeo titulado Lobo, vida salvaxe e gandeiros, que comprende Galicia, Asturias e Castela-León en España e Portugal, Rumanía, Eslovaquia e Estonia, para estudiar os ataques dos lobos e tentar convencer ós gandeiros de que os lobos non son inimigos, e que pode existir unha simbiose entre o gando, os lobos e os gandeiros.
Parece unha misión imposible, pero quizáis o irmán lobo que dixo san Francisco merece unha oportunidade aínda que non saibamos se esa oportunidade vai vir polo camiño do amor ou polo de facilitarlle a subsistencia, que sería como cortarlle as ás ás aves rapaces. O home pode deixar de ser un lobo para o home, pero haberá que ver se o lobo pode deixar de ser un lobo para os da súa especie e para o resto das especies animais.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora