Primum inter pares
Xiz, Xulio - lunes, 06 de septiembre de 2010
Temos o latín como excelente referencia nas nosas expresións. E máis ca unha pura mención ou cita literaria resulta que -a través dos séculos- sentimos determinadas frases que expresamos coa fluidez dunha necesidade vital. E decimos Primum inter pares para explicar sen máis palabras o papel do que sendo igual en categoría ou dereitos asume unha responsabilidade maior, un rol especial diante de si e diante dos demais, o primeiro entre os seus iguais.
Velaquí que A Milagrosa resulta, no conglomerado que conforma a capital lucense, un Primum Inter Pares.
Todas as demais parroquias, distritos ou circunscricións teñen o mesmo nivel administrativo, o mesmo papel social, os mesmos servizos, son pares, iguais, anacos que conforman un todo. E sen embargo a intuición popular, o coñecemento, as vivencias, perciben primeiro e chegan a saber despois que hai unha forza especial e conxunta que anima esta comunidade que naceu arredor dun histórico camiño, que veu nacer e medrar unha cidade no decurso do tempo, que acubillou pedras milenarias que se ergueron en son de paz para levar vida a auga, vida é ó centro capitalino.
Esa forza especial asoma no decurso do tempo e no conxunto vital que se chamou A Milagrosa con relixiosa intención pero logo sobredimensionouse para representar a vida colectiva de milleiros de ilusións e de traballos, para tomar carta de natureza e identidade.
E esa forza é a que entre os pares converte en primum a este distrito no que levo vivindo trinta e sete anos. Eu nótoa cada día ó meu arredor.
Todos somos conscientes desa forza. Que pode resultar inexplicable. Pero está aí, e móvese connosco. Impúlsanos. Lévanos. Imprime carácter. É unha forza que nos leva colectivamente, aínda que individualmente supoño que algo teremos que ver cada un dos milagrosistas; todos nós. Pero, de todos, o que verdadeiramente conta é o conxunto.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora