Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As nosas Festas: Mimetismo ou tolemia colectiva?

miércoles, 01 de septiembre de 2010
Escribo desde a evidencia, a claridade e, sobre todo, desde a forza dos feitos. Dos feitos consumados, públicos, comprobables e contrastados. Acontecementos que estamos a vivir, maiormente durante o verán, nesta nosa fermosa, ampla, querida e tamén, outra vez, maltratada Galiza. A Interior e a Costeira. Á vista está a enorme cantidade de festas ( patronais, populares, gastronómicas, creadas e inventadas) que se están a organizar neste noso desconcertante País xunto coa barbaridade de cartos que se dilapidan, sen medida e sen xeito, en gastos absurdos e evitables tanto nas parroquias e concellos pobres coma nos ricos e desenvolvidos.

Cheira a mimetismo, a sen razón e a tolemia colectiva. Deben andar ceibes as meigas e os meigallos das malas mañas e trampas. Por iso, con seriedade e agarimo, invítoos a repensar nesta grave e colectiva inconsciencia, que xa semella pandemia. Cómpre analizar a posibilidade de que ande circulando entre nosoutros outra perigosa e descarada explotación, manipulación económica e espiritual das nosas crenzas, vivencias e sentimentos profundos que veñen de séculos de vida.

Non hai explicación racional a estes feitos. Menos aínda que sexan tan abondosos na nosa Terra en tempos de forte crise económica, de fame, paro e dunha acelerada baixada de ingresos no rural, na industria e no mar. Lémbrolles que, segundo estatísticas recentes, son máis de 171.000 persoas (xustamente 171, 252, mozos e mozas do rural) que se tiveron que marchar a outras provincias e comunidades veciñas, durante os oito últimos anos. Temos de reaccionar. Todos. Gobernantes, que se concentran no Estado, Xunta e Concellos.. e os gobernados (Pobo) que somos maioría. Todos implicados.

Lembren este verán que non rematou. (Quedan as festas do oito de setembro dedicadas á Virxe -na súa Natividade e/ou baixo a advocación dos Remedios - nos tamén famosos santuarios das Montañas galegas -O Faro, O Cebreiro, As Cadeiras, Alto do Cesar, Acibeiro-e as do Ecce Homo, as Dores e as do San Miguel). Por outra banda, a inflación de actos culturais e festas/feiras que sobre abondaron neste País. De Ribadeo á Garda e de Fisterra ao Cebreiro. No rural, nas vilas e nas cidades. Grandes papatorias, afamadas orquestras, foguetes a eito e, baixo a cara da cultura popular, lévanse queimado millóns de euros por todo Galiza. A maioría delas, á conta dos pobos ( moitos, con necesidades urxentes) e mesmo coa colaboración da Xunta (Xacobeo) Deputacións e Concellos. Institucións públicas, hoxe en día, a maioría delas, afogadas polas débedas .

Coido que é un serio problema. A ter en conta. A escala individual e comunitaria. Unha das nosas graves contradicións. Fagamos un doado e sinxelo exercicio. Deámoslle un repaso, de memoria ou facendo números (como din os nosos paisanos ) aos gastos das festas da súa/nosa parroquia. Sobre todo, nas vilas e grandes cidades. Que tristura e que mágoa observar os escandalosos presupostos. Na aldea, cos cartos das canteiras ou dos pinos. (Ou cos propios, que doen máis). Non lles soa a barbaridade, a desperdicio!?

Preguntémonos: Non seremos quen de atopar outra maneira máis xusta, barata e mellor para pasalo ben? De tal xeito que as nosas festas sexan de participación dos veciños? Que os protagonistas sexan os que as pagan e non se reconvertan en miróns ollando os espectáculos que veñen de fóra a vender fume? “Sentidiño”, amigos, é o que fai falla. De nosoutros depende saír desta, canto antes, absurda e evitable tolemia colectiva.
Mato, Xesús
Mato, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES