A república das letras no meu rueiro en Ourense
Mourille Feijoo, Enrique - viernes, 27 de agosto de 2010
Cando escribín o Venres Santo dun crente anticlerical aló polo abril deste mesmo ano, xa fixen dende a lexanía cercana de Lugo unha breve alusión ao rueiro literario que rodea a que ía ser a miña casa andando o tempo.
Hoxe fagoo dende aquí mesmo, cando por razóns que eu nin moito menos podía sospeitar, me atopo vivindo na cidade de Ourense que cordialmente evocaba entón dende a das Murallas, e tamén cando estou a gozar coma un enano desta Itaca dos meus recordos infantís e do topos a que sempre se debe volver dun xeito ou otro no meu caso foi una torcedura - para recobra- la orixinalidade que nunca debíamos ter perdido.
Cando pola mañá cedo ou polas noitiñas saio a andar por este veciñal rueiro sempre me encontro con eses nomes que para sempre ficaron dentro da taboa rasa que así nos bautizara Aristóteles e as pegadas dos persoerios nominados xermolan de novo e máis novos outra vez, poblando o meu imaxinario de verbas encantadas, a manchea máxicas, de personaxes que turraron do meu afán xuvenil cara a vida que foi despois, dando pulo e azos ao que o destino me chamaba a facer na tarea incomparable de modelar, arranxar e artellar a mesma taboa aristotélica de tantos rapaces, mozos e mozas como tiven logo nas miñas aulas de Literatura Española e de Cultura Clásica imprescindible.
E a de Castelao de Rianxo pero de todos.
Ali están , cada vez que paso a andar, mirándome, chiscándo o ollo, acenando, sinalándome co dedo, fachendosos por enriba do paso do tempo, na sucesión atemporal dos seus días e as súas horas mesturadas xa coas do paseante de hoxe e de mañá, mesturados eles mesmos nas meniñas e na mente do lector, que tamén os olla, que tamén os garda, que tamén pasa a formar parte dos que agora son os voceiros lapides clamabaunt da liberdade que van labrando en nós, lectura a lectura, folla a folla, idea a idea, sentimento a sentimento, catarse a catarse.
Rúa Curros Enriquez, á esquerda da miña casa ; Rúa Valle-Inclán á dereita; Ramón Cabanillas, paralela e más á dereita cas outras dúas ; Rúa Celso Emilio Ferreiro, interseccionando as tres. Máis alá, a de Noriega Varela , o mindoniense das Irmandades; logo a de Eduardo Blanco Amor, o da Auria mítica e posible; a de José Angel Valente, señor de Augasquentes, casi cabo do Pai Miño, marxe esquerda. E abrindo os brazos ás Terras de Trives e á Ribeira Sacra, baixo e fóra da Ponte de Ferro sete pontes hai en Ourense que non as hai na Galicia enteira -, a do xeógrafo do pincel vivo, o Patriarca das nosas letras, o señor de Trasalba, grande coma unha Avenida grande e merecida, a de Don Ramón Otero Pedrayo.
¡Que lles vou dicir que me sucede cando os miro a todos estes honorados, todos xuntos na mesma mañanciña, no mesmo solpor, na mesma noitiña, sempre que por alí paso! ¡ Sempre que por alí pasamos todos! ¡ Sempre que por alí vai, dende unha estrema e outra da cidade, a mocidade ourensana e de outras partes ás aulas do Campus das Lagoas!
Moitas cousas. A máis tal, tentar, coma Deus, un soplo de vento para que os ósos mortos cobren vida unha vez máis. Soplar sobre o polvo das follas do libro esquecido, quizabes,co desexo compulsivo de que tódolos personaxes e utopías que foran deles sexan tamén nosos, e o rueiro íntimo meu e de cada quen se convirta na ágora chea de soños e seres reais dunha Galicia que eles quixeron que fora.
Por isto entre outras cousas, encóntrome moi bien hallado nesta nova miña casa que é Ourense, e bendito sexa Deus. Dende ela, ate outra.

Mourille Feijoo, Enrique