Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O ano no que se estremeceu a Educación en Galicia

miércoles, 25 de agosto de 2010
Desde a entrada do goberno do PP, os que estamos no mundo educativo estivemos sufrindo, semana tras semana, procesos alucinatorios. E non é que nos administrasen substancias dopantes, senón que nos vimos abraiados por todo o cúmulo de medidas que foi tomando con respecto ao sistema, e que non teñen parangón en ningún outro lugar do noso país nin dos seus contornos.

Primeiro foi o decreto do plurilingüismo, que todo o mundo entendeu, e así llo puxo de manifesto, que máis que o plurilingüismo, o que pretendía era acabar coa paridade entre galego e castelán. A cousa quedou nun pseudoplurilingüismo que agora nos vai custar a todos un ollo da cara para obter unha pírrica recompensa socioeducativa. Pero tiña que saír coa súa, e incluso ameazou con convertelo en lei.

Despois veu o apoio aos colexios que segregan os alumnos por sexo, como en pleno franquismo, en lugar de proporcionarlles a todos a mesma educación. Apuntouse outro tanto (negativo, claro) eliminando a gratuidade dos libros de texto, e coutando de tal maneira as subvencións, que os seus beneficiarios foron un número escaso dos que realmente o necesitaban. Iso si, puxéronse firmes na avaliación do gasto (houbo un 2% de infractores), non fora que se lles fose aí moito diñeiro que logo non puidesen empregar para outros desatinos.

O das escolas infantís das galiñas azuis aínda que non lle toca ao departamento educativo -porque eles o impediron- reflicte outra vez a súa escasa visión de futuro: só estiveron a desfacer o xa feito.

E a todo isto hai que lle engadir: a supresión das aulas de educación infantil nas que se impartían, co beneplácito dos seus pais -como eles dixeron que debería ser o normal-, as clases en galego aos nenos; a situación de precariedade ou abandono en que deixaron as escolas unitarias rurais, ou a pretensión de cobrarlles os comedores aos pais por anticipado, ou o descenso do número do profesorado pola falla de cobertura dalgunhas das vacantes actuais.

Parafraseando a John Reed, este foi un ano no que se estremeceu a Educación en Galicia. Vaia, que non deron unha a dereitas. Ou si? Quizais esta sexa a Educación que lles convén ás dereitas, pero non a Galicia; unha educación na que a calidade e a sensibilidade coas posibilidades dos nosos nenos e mozos está ausente.
Suárez Sandomingo, José Manuel
Suárez Sandomingo, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania