Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A festa dos emigrantes

martes, 24 de agosto de 2010
Durante os últimos días deste caloroso mes de agosto, en varios concellos e parroquias da Galiza interior, rendéuselles unha agarimosa homenaxe aos emigrantes da Terra. Por exemplo, en Mosteiro (Pol), en Ferreiros (Sarria) na Fonsagrada, en Guitiriz, en Becerreá, en Busnullán (na Festa da Auga) por terras de Pedrafita do Cebreiro. E noutras zonas, con máis ou menos solemnidade.

Unha homenaxe aos nosos. Aos que aínda están entre nós e emigraron nas décadas dos anos 50/60. Daquela, a maioría, ao estranxeiro. Esta remesa á Europa da posguerra. Moitos deles, de revolta, con parada e residencia fixa e definitiva en Cataluña e no País Vasco. Agora, xa xubilados. Estiveron aquí cos seus fillos e netos. Andaron visitando ás súas familias, amigos e veciños.

A emigración foi xeral e xeneralizada, sobre todo, na Galicia interior. Moi abondosa na Montaña. Somos Terra e berce de emigrantes. E falo en presente, xa que estamos (aínda que pareza que non se nota moito) encetando a 4ª fuga xa masiva. Como nas outras máis grandes, por necesidade. As outras, como lembrarán, foron ao final do século XIX e nos anos 20 ( a Cuba e á Arxentina) e nos 50/60 do XX , a Venezuela e a Europa. Agora, como alá tampouco hai traballo, quédanse máis preto de nos. Por A Coruña e Vigo ou nas provincias veciñas.

Compre sermos conscientes de que se emigrou (e se segue a emigrar) por necesidade. Para poder comer. E vivir, aínda que, ás veces, se quede no subsistir. As súas divisas, xunto coas dos turistas, en tempos difíciles como agora, foron unha gran fonte de riqueza. Tamén axudaron notablemente ás persoas que se quedaron na Terra atendendo aos pais e sostendo a casa. Grazas a iso deron estudos aos seus fillos. Con penalidades e traballos a eito.

Agora regresan, pero non para se quedar. Non abondan fillos de emigrantes no campo. Por que será!? Non ven futuro na súa propia casa. Veñen descansar, visitar as familias, celebrar festas (tamén relixiosas) recorrer as poucas feiras e festas populares que quedan. Sempre...a comer o polbo á feira! O sangue tira. Agora, quizás, sen demasiada morriña. O percorrer mundo e traballar forte foi unha boa escola para madurar na vida...

A Galicia rural esmorece.Está na UCI. Na súa agonía. Quédanlle poucos anos de vida, se o sistema non muda o seu xeito de actuar. Dóeme moito pensar así pero é racional e forzoso facelo dada a realidade dos políticos actuais -de todos os signos e cores– porque xa están incapacitados –eles mesmos se incapacitaron- para lle dar solución ao problema. Moitas promesas de asentar a poboación, e imos a peor, cada día. Nin o apóstolo Santiago o pode remediar. O malo é que coa morte do rural tamén vai desaparecer a despensa dos grandes valores da sinxeleza, do esforzo e o traballo (que tanto dignificou aos nosos emigrantes), da acollida que sempre exerceron coa que souberon facer felices a tantas xeracións de galegos. Desde aquí, unímonos tamén a estas sinxelas e sentidas homenaxes de agradecemento. Téñeno ben merecido. Grazas!.
Mato, Xesús
Mato, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES