Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Compás Social: ¿É posible o regreso á aldea?

martes, 24 de agosto de 2010
O verán sempre é un tempo de bonanza para case todos. E as lecturas estivais son unha forma de cósecha anual, especialmente para os que temos adicción os libros. Este ano, ao volver a aldea natal, recibín un fermoso agasallo: “Do corazón da Terra”, libriño de poemas de luz Campello, editado pola Fundación Manuel María da Terra Chá. Aínda que non coñezo a poetisa, o feito de ser nativa de Labrada, lindeira co meu Buríz de orixe (ambas parroquias do Concello de Guitiriz - Lugo), serviume de primeiro aguillón para ensimesmarme na nota biográfica, no limiar e no corpo poemático.

Ao perderme na lectura repousada dos poemas, encontrei as experiencias da miña propia infancia descritas nunha linguaxe familiar para min, pero esta vez contadas dun modo fermoso por alguén que ten o don lírico para a definición esencial da natureza, das relacións infantís indelebles, dos feitos aparentemente insignificantes: a aldea, o ciclo estacional das catro aldeas, os campos serodios, as argalladas e secretos dos cativos e cativas; os cornos das vacas, a esfolla do maínzo, a matanza dos cochos, a sega e malla veciñal, o cor do mediodía tempo da sesta, do río para clarear, momento dos cativos para buscar nas silveiras os niños dos paxaros, e dos adolescentes para namorarse. E así centos de miudezas que cada ano volvían nun eterno retorno previsible e rutineiro.

As reflexións que seguen non teñen mais valor e garantía que a dun lector afeccionado a poesía. O limiar de Pilar Pallarés sérvenos de sinxelo guieiro pedagóxico. O poemario de Luz Campello ten catro seccións.

“A teta que me aleita”
A parte inicial ábrese co preámbulo de “A teta que me aleita”, e debuxa a unidade e fusión do suxeito lírico infantil co obxecto de atributos femininos que é a natureza, a terra que é aldea, paraíso perdido. Desenvolve ese espazo poético con algunhas cavilacións e medos descritos en tempo presente, como se esa aldea pasada estivera aí agora. ¿Será aínda posíbel o regreso a esa “aldea de cendal, de cintura preta, de uzal, de campos serodios, aldea nidia de calostro mineral”? Dinos a poetisa que...“Se o retorno fose doado, voltaría,/ voltaría contigo / e agarrada da túa man pasearíamos, / pasearíamos xuntas alindando anceios / polos cómbaros da vida./... A nena poeta segue recitando: ...”Hoxe abrín unha porta e sentei nas túas costas. / Que doado e rir cando te abrazo, cando me colgo / do teu pescozo, / cando me anego no teu recendo, / Labrada”. Esa aldea, paraíso perdido, socioloxicamente xa se foi, só quedan anacos. No seu corpo entrou a présa, na súa alma aniñou a dúbida de quedarse ou de emigrar. Cambiou de pel, asfaltou os camiños, motorizouse con fumes e ruídos, especializouse en vacas e prados, busca traballo na contorna, quedan poucos cativos para brincar e argallar. Neste trasfego tanto adelgazou que entroulle un medo indefinido. Non obstante, Luz Campello, que tamén é socióloga e sabe de todo iso, logra recriar e recrear aquela aldea que regresa e perpetúase na inmensa forza das palabras. Nun realismo antropolóxico quizabes esa aldea non era nin é o inocente paraíso soñado, mais a unidade e comuñón coa natureza fértil e a sinxela veciñanza humana tiñan, seguen tendo, certos trazos paradisíacos.

“Dende o esófago das árbores”
O segundo apartado, extenso duns corenta poemas, anúnciase “Dende o esófago das árbores”. A aldea debuxase con mil matices e humildes eventos aldeáns no transcorrer das catro estacións. A ollada lírica da espelida cativa retén os feitos, os cambios e rutinas da natureza e das labores labregas:a esfolla do maínzo, a matanza dos cochos, a sega, a malla. Os ollos inocentes fitan e memorizan o roular dos ciclos naturais cos seus visibles trazos estacionais, que retornan cada ano. No Outono ...”Anda canso o sol e mira de esguello / morneando as mañás cos seus xeonllos”, e chega o tempo dos “contos das meigas e da Santa Compaña / a esfolla do maínzo que tece o outono”. Na fase mais dura do clima a nena poeta “Gústame velos, os ollos oblicuos do inverno / nun sol de granito denso”... E volve o “Tempo da matanza”, ... /...“Aquel berro desbocado aferrándose á vida / atravesaba toda a casa, tódalas estancias”. Na primavera “a luz verdescente respírase nos ollos / e éncheo todo” ..../, volven os ...“Campos brancos de maceiras, amendoeiras, /camelios de floración tardía”. E logo estala o verán cheo de luz: “Os homes beben o sol pola copa do sombreiro / e polo envés da pel”... / ...”O corno de tódalas vacas era o sinal / da hora de xantar”... / ...”A hora da sesta recóllese a xente”. Tamén é a “hora do clareo”, ...a “hora do río”, ...“a hora dos amores adolescentes”. Así mesmo pode ser tempo de incendios cando “os dedos dos pés están queimados”.... Pilar Pallarés sinala no limiar a aparente inxenuidade de quen evita as abstraccións e busca a enumeración das humildes cousas materiais que case podémolas ver, tocar e ulir. O mundo que nos rodea xa é en si mesmo una marabilla.

“As catro aldeas de Vivaldi”
Na terceira parte do poemario o suxeito lírico recolle as lembranzas dunha muller adulta e, baixo o título de “As catro aldeas de Vivaldi”, volve a matinar coa harmonía musical que funde o ciclo temporal coa aldea que se converte nun ser vivo e mutante: hai unha “Aldea núa, aldea que te ispes / entre queirogas e toxos en flor”... / ...”dóesme de raíz, / dende o rente da terra, / dóesme, / e só desexo que prevalezas”. Séguelle unha “Aldea trémula de osos de choiva / de nabais floridos na pel / e de néboas impertérritas”, / ....”Podrecerei para ti / e acabarei sendo materia orgánica / que te alimente, / por fin, serei en ti”. Logo ven unha “Aldea núbil de terra ávrega / aldea que menstrúas unha floración de estames / na miña vulva, / que me cantas e me posúes / aniñando en min os teus fillos / que tanto esperas”. E remata coa eclosión estival da “Aldea preñada filla do sol e da luz / levo marcado a lume o teu estigma imborrable / en cada músculo que me sustenta / e aínda hoxe bebo do néctar caudaloso / das túas veas, / que me alimenta”. As metáforas contundentes recalcan esa identificación biolóxica da muller poeta coa natureza criadora e creadora que converte a aldea nun ser vivente, natural e cultural.

“Aboa madriña, madriña María”
Remata o libriño cunha cuarta e breve sección con tres poemas dedicados á “Aboa madriña, madriña María”, para quen “agora pesan os anos, pesan as noites e os días / pesan as saias e as alegrías / ...para unha viaxe debida”. Aboa Madriña, “No pano da cabeza anoas un loito sempiterno / para mitigar a dor das perdas / prematuras, / do home, dos fillos, da forza motriz, / de feridas de guerra e de tempo de ausencia”. Madriña María, “ Preparas a roupa con moito esmero / para estar guapa / no teu día mais vello, / fasme xurar que te hei de vestir / para esa viaxe / que estás esperando con tanto tempo”,... Nos tres poemas dedicados á aboa-madriña-María e noutros instantes do percorrido lírico, Luz Campello García, muller adulta e poeta, atópase coa porta das limitacións, da decadencia e da morte; pero non chama, no empuxa nin golpea esa porta, non pregunta, non arrisca. O seu retraemento contrasta con aquela pléiade de mozos atrevidos que, xeración tras xeración, petaron con insistencia nos poxigos aldeáns en busca dun arriscado amor que podía acabar en transcendencia intrahumán ou en cabazas a xeada. A poetisa, como nos indica no limiar Pilar Pallarés, quere fuxir da transcendencia, mais non totalmente, pois o legado intanxible da aboa-madriña-María “permea o mundo no que vivo, / e corre nos meus fillos e nos fillos / de tódolos teus. / Aboa madriña, madriña María / dou fe de vida”. Dun xeito ou doutro, hai que soñar con algo.

Despois de ler e repasar o poemario de coiro a coiro, esporeado polo espírito preguntón dos nosos tempos e pola lectura doutros poetas da Terra Chá, especialmente de Xosé María Díaz Castro, veciño noso, busquei no texto algunhas respostas mais:¿que hai do cambio da paisaxe rural, da economía agraria tecnolóxica e mercantil, da evolución acelerada das costumes e valores culturais das aldeas? Se cadra estas preguntas non veñen a conto neste contexto. Os poetas chairegos, no curto entender deste lector, resaltaron a profunda comuñón coa natureza, cos tempos fortes das labores agrarias, coa pacífica veciñanza aldeán, interior e exterior; mais o enorme cambio social sobrevido, fora dalgunhas excepcións, só está insinuado, non despregado en tódalas súas dimensións e consecuencias, aínda hoxe en transición. Coma sempre, farase camiño ó andar.

Grazas, Luz, grazas por este espléndido obsequio para todos nós.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES