Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Lei de Arizona e a inmigración ilegal nos Estados Unidos

IGADI - lunes, 23 de agosto de 2010
Parcialmente en vigor dende o pasado 29 de
xullo no estado de Arizona, a polémica Lei SB1070,
oficialmente denominada “Apoie as nosas forzas da
orde pública e vecindarios seguros” (Support our
Law Enforcement and Safe Neighborhoods Act),
impulsada pola gobernadora republicana Jan Brewer,
está provocando unha forte batalla política sobre
o tratamento da inmigración ilegal dentro e fóra de
EEUU, incrementando as perspectivas de converterse
nun “tema estrela” de cara ás eleccións lexislativas de
novembro próximo nese país.

Un día antes da súa oficial entrada en vigor, a xuíz
Susan Bolton “suavizou” a aplicación desta normativa
ao bloquear parcialmente os seus artigos máis
restritivos orientados a “criminalizar” a inmigración
ilegal. A gobernadora Brewer apelou inmediatamente
ante instancias xudiciais este fallo de Bolton, a fin de
retomar a esencia desta lei.

Paralelamente, milleiros de inmigrantes,
principalmente hispanos de orixe mexicana,
mobilizábanse na capital Phoenix e noutras cidades
de Arizona, protestando enerxicamente contra a súa
aplicación. Igualmente, dende México e diversos
organismos rexionais como a OEA e MERCOSUR se
condenaba a súa aplicación.

Pola súa banda, o presidente Barack Obama, quen
criticou anteriormente esta lei caracterizándoa como
“pobremente concibida” e “irresponsable”, afronta
agora un duro debate político a nivel nacional sobre a
aplicación e validez desta lei. Outros estados amosaron
o seu apoio á lei SB1070, argumentando a posibilidade
de aplicala.

Paralelamente, esta norma está fortalecendo aos
sectores máis duros dentro do Partido Republicano
en materia de inmigración, e facilitando o ascenso de
novas formacións políticas de extrema dereita, como
o polémico Tea Party, escenarios que poden presentar
serios problemas para Obama e o gobernante Partido
Demócrata de cara a manter a súa maioría lexislativa
en novembro próximo.

A polémica lei SB1070

A Lei SB1070 pode converterse nunha polémica
referencia en materia de inmigración ilegal dentro e
fóra de EEUU. Tras ser aprobada legalmente en abril
pasado pola gobernadora de Arizona Jan Brewer
(Partido Republicano) entrando en vigor o pasado 29
de xullo, a pesar do bloqueo dalgúns dos seus artigos
por decisión da xuíz de Phoenix, Susan Bolton, esta
lei deberá agora ser debatida nos tribunais de xustiza,
á espera de que o presidente Barack Obama manifeste
unha resposta oficial á mesma, moi probablemente en
contra.

Tralo bloqueo realizado pola xuíz Bolton, a
gobernadora Brewer impugnou este fallo ante o IX
Tribunal de Apelacións de San Francisco (California),
a fin de revocalo. O contido principal deste lei asenta
nos seguintes argumentos:

a) Será considerado un “delicto menor estatal”
que un estranxeiro circule por Arizona sen levar
consigo os documentos de rexistro requiridos pola lei
federal.
b) As forzas de seguridade de Arizona terán
a potestade de esixir a calquera persoa na rúa os
documentos que proben a súa estancia legal. Caso
contrario, poden ser encarcerados ata seis meses,
multados con US$2.500 ou eventualmente ser
expulsados do país.
c) Se tomarán “duras medidas” contra aquelas
persoas que acollan, contraten e transporten a
inmigrantes ilegais.
d) Se permitirán demandas contra axencias
gobernamentais que obstaculicen a aplicación das leis
de inmigración

En EEUU, ningún organismo policial ou de
seguridade ten a potestade legal de pedir documentos
de identidade a calquera persoa, salvo no caso de
tratarse dun sospeitoso de cometer algún delicto.
Igualmente, ningún documento de identidade é
obrigatorio, polo que os inmigrantes dese país proban
a súa legalidade portando o selo de entrada impreso no
seu pasaporte ou ben un permiso de circulación.

Polo tanto, e trala súa parcial entrada en vigor, a
batalla política e xudicial está servida, colocando no
centro de atención a situación de entre 15 e 20 millóns
de inmigrantes indocumentados en EEUU. Esta
situación pode ter efectos políticos de gran alcance de
cara a futuros procesos electorais, como as eleccións
lexislativas para renovar ao Congreso e unha parte do
Senado estadounidense o próximo mes de novembro.

O presidente Obama cualificou esta lei de
“irresponsable” mentres diversas ONGs, organizacións
de inmigrantes, a Igrexa católica, sindicatos e grupos
cívicos manifestan a súa frontal repulsa por considerar
que “criminaliza” a inmigración ilegal e salienta
argumentos de carácter racista, debido a que permite
que a policía de Arizona deteña para interrogar a
inmigrantes de orixe hispana.

O propio presidente mexicano Felipe Calderón,
así como organismos hemisféricos como a OEA,
MERCOSUR, UNASUR e a ALBA, manifestaron
oficialmente a súa contrariedade. Igualmente, diversos
empresarios estadounidenses en estados fronteirizos
como Arizona, Texas, California e Novo México,
vense agora afectados ao ter que prescindir de man de
obra barata.

Pola súa banda, a gobernadora Brewer lexitima esta
lei argumentando “a incapacidade do goberno federal
para asegurar as nosas fronteiras”. Esta lei foi aprobada
polo 70% do electorado de Arizona, mentres diversas
enquisas, principalmente manexadas polo Partido
Republicano, acreditan a súa popularidade. O espectro
de marxinalidade social, o aumento da criminalidade
e do contrabando de armas, persoas e drogas son os
factores máis identificables de apoio a esta medida.

Precisamente, no condado de Maricopa (Arizona)
causa polémica a actuación do seu sheriff Joe
Arpaio, acusado de violar os dereitos humanos das
familias inmigrantes con métodos intimidatorios, así
como de recluír a inmigrantes ilegais en campos de
internamento, sometidos a condicións degradantes.

Segundo datos oficiais, se calcula que en Arizona
existen aproximadamente 460.000 inmigrantes
ilegais, a maioría deles mexicanos. A principios de
agosto enviáronse 1.200 soldados da garda nacional
para labores de vixilancia fronteiriza.

Arizona: unha referencia antiinmigración?

Paralelamente, o senador republicano por Arizona
e ex candidato presidencial John McCain, así
como a maioría dos voceiros e dirixentes do Partido
Republicano, apoian decididamente esta lei. Ao igual
que a senadora republicana Sarah Palin, McCain
estase convertendo nun duro defensor desta norma e da
necesidade de aumentar a seguridade fronteiriza. Deste
modo, a lei de Arizona estase impoñendo como un
símbolo e un modelo político clave para os republicanos
e os sectores conservadores en EEUU.

McCain, quen perdeu as eleccións presidenciais ante
Obama en 2008 e que se xoga o seu posto de senador
nas eleccións primarias de Arizona do 4 de agosto,
chegou a comparar a violencia do narcotráfico nas
fronteiras sur de EEUU como “unha violencia similar á
de Bagdad”. O mesmo día en que entraba parcialmente
en vigor a lei SB1070, McCain presentou xunto ao
senador republicano por Arizona Jon Kyl, unha medida
destinada a desembolsar máis de US$ 700 millóns
adicionais para aumentar a vixilancia fronteiriza.

Ademais do Partido Republicano, estas medidas
contan co apoio do polémico movemento patriótico
de extrema dereita Tea Party (creado en 2009) e do
denominado “Proxecto Minutemen”, con referencias
míticas á “pureza racial e ética” dos habitantes das Trece
Colonias que crearon os EEUU. Desde 2005, e co apoio
de diversos liderados políticos e sociais principalmente
nos estados fronteirizos, os “Minutemen” veñen
conformando unha especie de “milicias de vixilancia
fronteiriza”, sendo acusados de prácticas racistas contra
os hispanos de orixe mexicana.

Desde esta perspectiva, e segundo a Conferencia
Nacional de Lexislaturas Estatais, outros estados como
Virxinia, Pensylvania, Minnesota, Rhode Island,
Michigan, Tennessee e Carolina do Sur especulan coa
posibilidade de ampliar a Lei SB1070 ás súas respectivas
xuridiscións.

O ministro de Xustiza de Virxinia, Ken Cuccinelli
(Partido Republicano) emitiu recentemente unha
opinión legal argumentando que os policías dese
estado poden requirir na rúa o estado legal e migratorio
das persoas que crean conveniente. Pola súa banda,
lexisladores de Tennessee, encabezados polo senador
republicano estatal Bill Ketron, prevén reunirse cos
lexisladores estatais de Arizona para entregarlles unha
resolución de apoio á Lei SB1070.

A batalla política e electoral

Ninguén dubida que a parcial aplicación da Lei
SB1070 en Arizona constituirá unha das claves políticas
máis agudas de cara ao inminente pulso electoral, os
comicios de novembro próximo, así como a batalla
lexislativa sobre a aprobación dunha nova Lei de
Inmigración.

O Partido Republicano espera rendabilizar
politicamente esta lei reforzando a perspectiva política da
gobernadora Jan Brewer, en particular ante a necesidade
de concretar apoios electorais de movementos como o
Tea Party. Deste modo, Brewer pode aumentar a súa
influencia política dentro da dereita estadounidense de
cara aos comicios lexislativos de novembro. Tras coñecer
a decisión da xuíz Bolton de bloquear aspectos sensibles
da Lei SB1070, Brewer non dubidou en declarar que
“esta guerra non fixo máis que comezar”.

Por contra, o presidente Obama e o Partido Demócrata
tamén tentarán sacar proveito desta norma. O fallo
da xuíz Bolton pode afianzar moralmente a Obama
e aos demócratas para impulsar no Congreso unha
necesaria Lei de Inmigración, con claras perspectivas
electorais principalmente de cara ao cada vez máis
influente voto hispano en EEUU. Recentemente, o
senador demócrata Harry Reid, quen se xoga o seu
escano ante o voto hispano en Nevada, prometeu que
será aprobada unha Lei de Inmigración este ano no
Congreso estadounidense.

Pero a lei de Arizona tamén pode facilitar
o incremento dos grupos de extrema dereita e dos
denominados “cazainmigrantes” en EEUU. Segundo
o Centro Sureño de Estudos Legais para a Pobreza,
nos estados de Texas e Arizona, ambos fronteirizos con
México, está aumentando a popularidade de grupos de
extrema dereita e odio racial, como o Ku Klux Klan
(KKK), neonazis, os Minutemen e os Gardiáns da
Fronteira. Cada ano aumentan nun 20% os ataques
contra inmigrantes en EEUU.

Este estudo sinala que existen en todo EEUU un
total de 602 grupos racistas ou “cazainmigrantes” e que
en Arizona se concentra o maior índice de atentados
contra inmigrantes mexicanos e centroamericanos,
moitos deles cometidos por rancheiros pertencentes aos
Minutemen e os Gardiáns das Fronteiras. Un activista
de dereitos humanos de orixe mexicanoa Enrique
Morones Careaga, cualificou a situación en Arizona
de “odio e tensión”.
IGADI
IGADI


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES