Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A norma ou a castración do artista

viernes, 20 de agosto de 2010
Veño de ler o relato de verán que Ana Uhía publicou na Voz de Galicia. E fico asombrada. Di o xornal que a rapaza en cuestión non ten máis de 14 anos pero é dona dunha prosa extraordinariamente lúcida a pesar da súa idade ou, precisamente, grazas a ela. Son eses primeiros anos da andaina literaria, cando non hai reparos en escribir sobre historias decimonónicas, en imaxinar outros mundos sen pudor e sen temor a descubrir que non existen ou en adornar as palabras cunha morea de adxectivos inverosímiles que van dende o fervor onírico á realidade máis mundana e carnal. Os chanzos iniciais, humildes pero un chisco ambiciosos, que proxectan unha creatividade mesmo insultante cando non hai regras.
Pero logo vén a consciencia sobre a propia escrita, intervén o raciocinio que non entende de fantasías puerís pero si de cómo debe ser a colocación de suxeito, verbo e predicado e a propia vida cargada de esas experiencias que van deslindado o territorio creativo que cada vez o será en menor medida. E, entón, só aqueles que son quen de deixarse sorprender, de seguir mergullándose no mundo cos ollos curiosos dun neno grande mentres observan a realidade coa sabia arma do xa vivido, conseguen perfilar as historias verdadeiras, a personalidade deses personaxes cos que diariamente cruzamos un saúdo na escaleira do edificio ou na porta do traballo. Son os que unen coma ninguén esa sensibilidade primixenia co tempo percorrido no traxecto. Os que lle poñen corpo, rostro e voz ós nosos anhelos e ós nosos medos nas liñas que decorren sobre o papel. Ou sobre o lenzo. Ou sobre o escenario.
Os que sucumben ás normas alleas quedan polo camiño, escribindo para si mesmos e crendo que o fan para os demais. Nunha sorte de onanismo autocomplacente e, en calquera caso, estéril. Porque sen espontaneidade, sen candidez e mesmo sen descaro, non hai froitos, non hai lucidez. Non hai arte.
Parabéns a Ana e a todos eses pequenos artistas que son capaces de observar as cousas que non se ven, facultade que define a un verdadeiro escritor. E, por suposto, moito ánimo e moita sorte para continuar un sendeiro ás veces tortuoso pero sempre apaixonante. Que a vosa mirada siga sendo única. E incorruptible.
Pallares Vilar, Nerea
Pallares Vilar, Nerea


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES