Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sigüeiro, festa da troita

jueves, 19 de agosto de 2010
Sigeiro, festa da troita “Louro e galo, troita e barbo, todo en maio”. Así o dí o refrán. É certo, que a sabeduría popular non se trabuca case nunca. Estabamos en maio. Primeiro, troitas de Sigüeiro, que o galo viría despois en Vila de Cruces.
Chovía sen arrepentirse e sen parada ese sábado, oito de maio, segundo día da XIV Festa da Troita. Fun a Sigüeiro co desexo non só de vivir a festa senón de ver, outra vez máis, as parroquias do Concello de Oroso.
Ir á de Marzoa para ollar o hórreo de Somoza, os de Gadamil, de Vilarromariz; ir ao Castro do Couto do Lobo, no Recouso, pescudar sobre o famoso Tesouro e sobre cantos castros existan ou de cantos queda só a toponímia.
Pero o día presentouse como xa dixen: desfeito.
Sen embargo e a pesares da choiva e do frío, que chegaba coma se fora xeadeiro, eramos moitos os que por Sigüeiro andabamos. Iso sí, buscando un lugar onde abrigarse e onde tornar o mediodía destemplado.
De cando en vez, moi de vez en cando, a choiva amainaba, pero o frío continuaba apretando sen facer caso do calendario. Nin da festa, que xa era moita desconsideración e bastante descortesía.
Probei as troitas no Café de Manuela. Unha desgustación de balde. Comín para probrar, que ainda sendo a Festa da Troita non era caso de abusar. E cateinas de casualidade porque o ateigo que había era superior. Estaban boísimas.
O asunto vivo residía na Alameda de Góis. Por alí andei e, entre escampe e escampe, puiden pararme na Feira de Artesanía e dos Oficios: canteiros, ferreiros, albardeiros e talabarteiros; cesteiros; tallistas. Todos alí, amosando como se traballan esas artes. A maior parte destes son xóvenes, algúns iniciados na Escola de Artes e Oficios de Santiago. Non houbo ocasión de departir longo, que o estorbo do frío e da choiva non daba lugar a elo.
No Bar da Praza a charanga (de non sei onde e non sei de que nome) zumbou a todo meter, entre outros sons, o de sempre. “O galo subee..,” etc. Con todo, Luisa máis eu merendamos un café, que nos entrou de prodixio.
Prodixio, sí. Un prodixio prodixioso é o Concello de Oroso que, coma dixo o alcalde, Manuel Mirás Franqueira: “Este de Oroso é o concello dos seis ríos; do Camiño Inglés e do Tesouro do Recouso”. O alcalde leva razón. Oroso ten once poderosímas razóns. Bueno, once e pico. Porque, o municipio, con capital administrativa e Casa do Concello en Sigüeiro, compónse de once parroquias e unha pequena parte da de A Barciela (A Foca e Sigüeiro) que a outra parte pentence ao Concello de Santiago de Compostela.
Singularidades xeográficas e da división civil aparte, estas son as parroquias: Parte da Barciela (A Foca e Sigüeiro), Marzoa, Calvente, Pasarelos, Os Ánxeles, Senra, Cardama, Vilarromariz, Deixebre, Gándara, Trasmonte e Oroso.
Coa constitución de 1812, abolido o réxime señorial, creáranse os municipios de Pasarelos e de Oroso. No 1923, o Fernando VII de mal recordo, suprimiu os municipios para recuperar o réxime señorial. A partires do 1835 constituiuse de novo o Concello de Oroso, quedando o de Pasarelos, incluido naquel como parroquia.
Canto me gustaría terlles podido describir a extraordinaria abundancia natural, artística, histórica e etnográfica deste Oroso dos seis ríos. Pero non lles poido contar o que non vin. O sentido non me aconsella rememorar recordos de anos moi atrás, porque supoño que haberá aspectos que mudaron, cambiaron e, supoño, melloraron. Así que, noutro viaxe será.
Polo de hoxe lembrarei ao crego da Barciela, don Severino, que fixo varias cousas importantes: levou á parroquia aos que dixo ser as reliquias de San Ramón Nonato e de Santa Eufemia, e polo tal organizouse desde aquela unha romaría relixiosa de moita devoción á santa.
Por outra parte, don Severino Ramos Sánchez, seica casaba pola vía rápida esixíndo menos trámites e papeis. Tal feito producíuse desde 1894 a 1941, o cal ten un mérito maior e dedúcese de todo o anterior que o bo de don Severino era un persoeiro interesantísimo, que sabía o que lle conviña á parroquia. Deste proceder vén o dito popular:
“Quen vai casar a Sigüeiro, nin sae casado, nin volve solteiro”.
En resumo, que a Festa da Troita de Sigüeiro, Oroso, durou tres días, 7, 8 e 9 de maio. Contei o que puiden e vin do día 8. En canto ao cómputo xeral, seica resultou de grande concorrencia e de moito éxito. Pois moi ben por Oroso e por Sigüeiro.
Na tardiña do sábado da Festa da Troita, lembrei aos mártires de Carral.
Un pouco antes dese recordo, que non sei porque me veu, aproveitando un escampe, fun ó Muíño do Rego Tellado, ou Muíño de Vigo. Alí, polo que alí se olla e se sente, entre os salgueiros do río, oín un cantar cheo de gozo:

Romance de Oroso

O amieiro do río,
no serán que se escapaba.
O amieiro, vencido,
na tarde balanceaba.

O Muíño Rego Tellado
cantou o cantar cantado,
moeu o trigo do aire
bastante desentrenado.

Pingou o verde salgueiro
a bagulliña chorada.
No fluir da auga tenra
a tarde mudou sentada.

Na primavera dos prados
os carballos soberanos,
nun tiritar, tiritaron,
co tremolar dos humanos.

Alí cantaron dous bardos,
xunto do río meigado,
nesa tarde que caía
no Muíño Rego Tellado.

¡Vin a poceira do río!
O salgueiro retorcido
lúbrico, lerdo e lascivo,
nun senvergoña perdido.

Posta de prata e lunares
fixo un círculo perfecto,
maxicamente concreto,
belido; pluscuamperfecto.

Na ondiña deliñada
diante de min rebentando.
Ela, xirou; eu, xirado.
Ela mirou; eu, mirando.

¡Ai, que vén!; ¡ai, que se foi!
Que se viña, que marchaba.
A súa danza bailando.
¡Conmigo coqueteaba!

Voluptuosa, segura;
a súa eira arrumbou.
Ela fitou, eu mireina,
a súa danza acabou

A tarde do Muíño foise;
vén a noite nas brazadas.
O meu soño concluía
índose para as cruzadas.

O Romanciño de Oroso
quedou no tear das hedras,
no Muíño Rego Tellado,
debaixo de doce pedras.


Algúns datos: Sigüeiro está a uns once quilómetros de Santiago de Compostela. Parece afectada por unha invasión urbanística desordenada. O densísimo tráfico provoca bastantes problemas. Excelentes comunicacións. Saída da AP-6; a estrada N-550 A Coruña-Tui cruza ao municipio do norte ao sur. Vía de ferro A Coruña-Santiago de Compostela. Noutrora, os trens pasaban e paraban en Trasmonte e Oroso. Na actualidade os trens seguen pasando, pero non sei se seguen parando. No Concello de Oroso prodúxose un notabilísimo incremento poblacional, máis do 46% en só dez anos, o máis elevado de todos os concellos galegos. O grande crecemento demográfico débese a que o Concello de Oroso, en especial a súa capitalidade, Sigüeiro, é a zona residencial escollida por persoas que traballan en Santigo e incluso na Coruña. Para todo hai explicacións: por aqueles pecados pagan a penitencia Sigüeiro e, en xeral, o resto do Concello de Oroso.
Sí, é o concello dos seis ríos e de outros regos pequenos. Os de maior caudal son por orde de importancia: o Tambre, o Tamara romano; Cabeceiro, Maruzo, Samo, Tellado e o Legüelle.
O Concello de Oroso está incluído na provincia de A Coruña e no Partido Xudicial de Ordes.
A parroquia de Oroso, que dá nome ao municipio, está ao ponente, por onde o sol cae, por onde o sol morre. Si, quedou ao ponente de case todo. Algún día terá seu remedio. Algún día. Posiblemente, algún día.
Gzlez.Vigo, Marcial
Gzlez.Vigo, Marcial


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES