Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Anónimos egrexios

martes, 17 de agosto de 2010
A escola da vida: Anónimos egrexios

Todos sabemos da emigración galega como unha grande impulsora de realizacións culturais e políticas tanto dentro coma fóra de Galicia. Nese éxodo obrigado encontramos innumerables nomes de adaís en todos os ámbitos do saber, sobre todo daqueles que conectaron o mundo emigrante coa súa terra. Porén, hai outros homes e mulleres que deixaron a súa pegada nos países de acollida, e aínda cando o seu corazón e o seu pensamento, e incluso a súa obra, seguiron tendo as súas raíces en Galicia, non conseguiron perpetuar o seu nome entre nós.

Un caso pouco frecuente é o de Benigno Teijeiro Martínez, un ortigueirés que emigrou a Arxentina, e que foi recoñecido como un precursor e investigador en moitos campos. Exerceu a docencia; elaborou manuais para as máis diversas materias que logo se converteron en libros de texto para os alumnos arxentinos e uruguaios; investigou a Historia e a Civilización do norte arxentino e do Uruguai, converténdose en pioneiro da súa historiografía, e deixando unha obra tan densa e completa que segue a ser consultada na actualidade. Escribiu nos mellores xornais do Cono Sur; foi presidente da Loxa George Wáshintong, membro da Academia Nacional da Historia, a Academia Americana da Historia de Buenos Aires, a Xunta de Historia e Numismática Americana, o Instituto Xeográfico Arxentino, a Sociedade de Estudos Científicos de Paraná e a Sociedade Académica de Historia Internacional de París, entre outros cargos.

Pero, como dixemos, non se apartou por iso dos problemas da súa terra xa que tamén lle dedicou interesantes artigos e libros sobre Historia e Xornalismo, principalmente, ademais de ser integrante da Real Academia Galega da Coruña. Neste contexto, pódense destacar a reconstrución novelada da morte da condesa Isabel Sarmiento e Zúñiga, condesa de Ortigueira e Rivadavia, a mans dos Irmandiños, ou un traballo sobre o xornalismo dos españois en terras arxentinas.

A cidade uruguaia de Concepción, onde descansan os seus restos desde agosto de 1925, dedicoulle unha escola, co fin de manter viva a memoria dunha vida entregada á educación e á cultura. A este lado do Atlántico aínda está agardando unha lembranza que rememore a súa egrexia e prolífica personalidade e poña en valor o seu legado.
Suárez Sandomingo, José Manuel
Suárez Sandomingo, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES