Os nosos avós
Cardalda, Theo - martes, 10 de agosto de 2010
Desde o preguntoiro: Os nosos avós
Hai uns días paseando a beira do mar preto do lusco-fusco, atopeime cunha persoa moi entrada en anos. Un home que estivo na Guerra Civil que estivo a contarme os seus anos mozos, de épocas de moita escaseza de medios e dureza nos traballos, de sacrificio e rigor, fronte á abondosa e demasía que nos toca vivir na actualidade. Ante isto, alporízome o ver a moitos mozalbetes que nin sequera escoitan aos seus maiores e por desgraza non respectan a súa persoa, nin a súa sabedoría desa universidade que é a vida chamándolles personaxes cuartenarios e carrozas babeantes.
Se os escoitaran de cando en vez, para saber de crise, de falta de traballo, de pasar fame de vivir unha guerra e saíron adiante co froito do traballo das súas mans. Se escoitaran os seus consellos que son un aprendizaxe das grandes bazas para unha sociedade máis xusta. Por iso, nestas últimas xeracións incrementouse o pensamento individualista e egoísta como dogma, onde este neoliberalismo salvaxe que estamos padecendo ocasionou a separación das xeracións unhas de outras, acadando unha enaxenación do intelecto, grazas en gran parte á terxiversación e as mentiras dos grandes medios, xunto cunha educación do consumismo e o materialismo, onde tratan de guindar a unha esterqueira a todos os nosos maiores.
Non lles convén a eses grandes poderes que estes mozalbetes escoiten aos anciáns a súas historias de valores éticos e morais, para así apoderarse do seu maxín e preparalo para o consumismo.
Trátase dos nosos avós, si, esa xente con moitos anos, con moita sabedoría, con moito camiño andado, con moito esforzo e coa mente posta nos demais en labores altruístas, só así intentaron construír un mundo mellor, pero danse conta que todo que construíron comeza a derrubarse por parte destas xeracións que non lograron escoitar a tempo un pequeno consello dos seus avós.

Cardalda, Theo
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora