Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Varela de Begonte

viernes, 06 de agosto de 2010
Varela de Begonte No funeral de José Rodríguez Varela (Joselín), creador do Belén Electrónico de Begonte, lin esta oración que quero compartir cos internautas de Galicia Digital.

Señor:

De novo estamos aquí reunidos os amigos do Belén e de Begonte, para decirlle adiós a un dos nosos, e encomendarche a súa alma.
Hai uns días, unha amiga do Belén, sabendo que Varela se debatía entre a vida e a morte comentaba: ¡Coas veces que ten tido na man o Neno Xesús, seguro que o Neno o ten moi presente nestes momentos difíciles!.

E neso confiamos, que Varela está agora con quen ten que estar; con quen merece estar. E en momentos coma este de tristura temos que pensar que hai por riba de nós forzas e misterios que marcan o noso tempo e os nosos destinos. O de Varela foi dedicarse toda a vida a todos nós, e irse moi cedo.
Dos innumerables amigos do Belén, temos despedido aquí xa a tres, contando a Varela, chorando a súa ausencia, enorgullecéndonos da súa amizade, desexándolles a gloria no seu novo destino: O primeiro foi Don José, o vello fundador, hai xa case un cuarto de século. Logo, Teté, a rapaciña que medrara co Belén, nesta nosa familia. E agora Varela, o creador, o indispensable, o servidor e amigo de todos, que nos deixa na forza do verán, despois de ternos proporcionado tantos gloriosos invernos do Belén, luminosos polo seu traballo, e pola súa ilusión.

Ninguén descoñecía cales eran os fortísimos amores que gobernaban a vida de Varela... En primeirísimo lugar, estaban Pilar, a compañeira de toda a vida, á que hai xa ben tempo nomeamos "Señora do Belén", e Pilarita e Josiño, e Adolfo o seu irmán e toda a súa familia, e os irmáns de Pilar e as súas familias... Eran os Varela, en conxunto. Se algunha familia fai honra ó que o sentido da palabra significa, eran os Varela de Begonte.

Varela amaba Begonte por riba de todos os lugares máis fermosos do mundo. E cando podía, deixaba Lugo e viña a Begonte a cuidar a facenda, a casa, as colleitas, a traballar as terras, a vivir coa familia, a falar coa xente.

Estes dous son os amores naturais de calquera persoa de ben: a súa familia, a súa terra. Pero había en Varela outro amor, intensísimo, que chegara hai agora trinta e sete anos, cando acompañou ó vello Don José –Don José cando morreu era un mozo de 61 anos- á Coruña, ver un Belén eléctrico que se instalara no Centro de Formación Profesional Acelerada, e deron por facer en Begonte algo semellante, superándoo xa aquel primeiro ano.

Todo era obra de Varela: as figuras e os relés electrónicos, as conexións e os movementos, as figuras do Belén transformando bonecos Mádelman; do pelo de Pilar estaban feitas as cabeleiras das figuras; o caldo de Pilar fervía no pote que recendía en todos os ámbitos do Belén. O Belén merecía chamarse "Belén Electrónico de Begonte e de Varela".

E os que daquela aínda non coñeciamos a Varela fomos intimando con el e os seus, ano tras ano, e fomos integrándonos na súa familia, e fomos formando unha unidade de convivencia cada vez máis ampla, cada vez con máis amigos, ata facela universal en canto a crenzas e sentimentos; ata facela multitudinaria polos milleiros de persoas que chegaban a Begonte ver o Belén; ata convertir a obra dun home na representación máis xenuina do seu pobo; ata convertir a Begonte na capital do Nadal en Galicia.

Hoxe, non podemos evitalo, choramos por Varela. E o máis seguro é que choremos por nós mesmos –un pouco egoístamente- porque quedamos sen Varela, que era imprescindible no Belén e nas nosas vidas. Porque non abundan persoas como Varela, tan necesarias sempre.

Tiña todas as virtudes que as persoas deberamos ter: Era traballador, infatigable, persistente, como nos demostrou nos trinta e sete anos que foi a alma do Belén. Era desinteresado no material, que nunca nada material recibiu por tan inxente traballo. Era silencioso: non se sabía que o había, se atendemos ós "signos externos", pero estaba sempre onde facía falla. Era modesto: Sempre fuxíu do personalismo, dicindo que o seu traballo non tiña mérito, que era cousa de todos, que o facía calquera. Era garimoso, espléndido, atento, dedicado, sensato, sinxelo...

Como dixo don Antonio Machado, era Varela "en el buen sentido de la palabra, bueno". Era bo. Por riba de todo.

A familia quería darlle sepultura en silencio, no mesmo silencio que el sempre viviu, pero non lles deixamos, porque entendemos que un home como Varela non pode ser despedido en silencio despois de haber enchido os nosos ollos de tanta luz, despois de habernos dado tanto do del, de todos os seus –os Varela – e de procurar tanta gloria para a súa terra de Begonte.

Pero esto, Señor, que pode parecer unha divagación sobre un gran home, é a fin de contas unha oración, por un dos teus, dos máis sinalados, dos máis devotos, dos que están máis preto de ti.
Dentro do ceo que tés disposto para a xente de boa fé, humildemente pídoche que esteas atento a Varela, que agora anda por aí tomando terra – tomando ceo – e seguro que con Teté, con todos os do Belén que xa andan por aí, e sobre todo con don José, algo han de armar que te vas enterar, e cando te deas conta armarán un belén, o Belén, como durante tantos anos o armaron aquí, en Begonte, na terra.

Gracias, Señor, por darnos a Varela. Mágoa, Señor, que nolo levaras tan axiña. Ogallá que o seu exemplo faiga xurdir entre nós moitos Varela, que sexan semente de bondade, de amor, de exemplaridade dun mundo no que os Varela fan tanta falla.

Amén.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES