Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Tempo de Sega

martes, 03 de agosto de 2010
Se xullo era o mes da sega, agosto viña resultar o mes da malla en tempos non tan lonxanos.

O que para os novos é un espectáculo folclórico –sega e malla- nos anos sesenta e comezos dos setenta era en Galicia duro traballo para toda a familia, pois todos se implicaban no traballo de recollida do cereal que garantía pan para todo o ano.

Nenos, maiores e vellos xuntaban os seus esforzos ós do resto das xentes de toda a parroquia e se a sega era traballo individual de cada familia, a malla era traballo multitudinario, o mellor exemplo de colaboración que uraba todo o que duraban as mallas dun ben amplo contorno.

Logo todo foi esmorecendo, na mesma medida que a economía familiar se diversificaba, ocupábanse os postos de traballo na industria, no comercio ou nos servizos, despoboábanse as aldeas, e fortalecíase unha industria panadeira que nunca soñou alcanzar unha tan universal clientela.

Deixouse de sementar cereal, garantido o subministro pola industria, e toda unha escala de traballo campesino caeu no esquecemento, de xeito que na actualidade só os maiores de cincuenta anos coñecen ese importante aspecto do noso pasado.

E na actualidade a festa substitúe ó traballo, e polas patronais de moitos pobos galegos móntase o espectáculo dunha malla que, de novo, cobra actualidade e vida.

Hai loxicamente un traballo previo de preparación da terra, sementado, cuidado da colleita, e segado. Pero o verdadeiro espectáculo está na malla, utilizando a maquinaria que hai medio século era tan moderna e hoxe está transformada en arqueoloxía industrial.

Para os máis novos, é unha imaxe inédita da Galicia rural que nunca volverá (ou quen sabe?). Para os maiores, unha loita contra o tempo, unha nostalxia, que por un momento – só por un momento- permitirá considerar se algún tempo pasado foi mellor. Ou alomenos, non tan malo.
Editorial
Editorial


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES