Os apuros de Feijoo
Editorial - martes, 27 de julio de 2010
É habitual a referencia á fin de mes para representar os apuros dunha familia media con ingresos determinados para -en tempos de crise- conseguir afrontar os seus gastos habituais durante un determinado período.
Neste caso quen ten eses problemas é o Presidente Feijoo, o que quere dicir que os temos todos nós.
Feijoo abordou recentemente o problema de devolver ó Goberno central as cantidades recibidas en máis por anticipos mal calculados nos anos 2008 e 2009. Podería terse referido á herdanza recibida, que a el directamente só lle afecta unha parte do 2009, pero non o fixo porque é o Presidente do goberno de Galicia, e Galicia é quen ten o problema independentemente da cor dos seus gobernantes.
A cuestión é que a crise ten neste campo efectos retroactivos, e cantidades recibidas calculando determinados ingresos terán que ser reintegradas ó goberno central porque as expectativas distaron moito de cumprirse.
O problema plantéase no peor momento xa que resulta unha crise repercutida sobre a crise actual, e á merma dos ingresos nos orzamentos dos próximos anos hai que sumar os reintegros a efectuar que poderían colapsar a economía galega se se esixen nos tempos que se prevén. Feijoo pide aprazamentos ata o momento en que a economía volva repuntar, e se en principio non atopou eco favorable no goberno nin no PSOE galego, imponse o diálogo para tratar de conseguir un consenso que sería bo para todos.
Xa se fala de que o próximo orzamento terá un recorte de máis do oito por cento en relación co actual, de que todas as políticas de gasto van ser revisadas, e a mesma Conselleira de Facenda anunciou que o imos pasar un pouco mal, aínda que existe a promesa firme de que se garantizan os servizos esenciais.
O goberno galego teno difícil para afrontar os próximos tempos, por diminución de ingresos, por pagos pendentes, e pola necesidade de impulsar Galicia cara á superación de crise. Pero a dificultade non é maior que a coñecemos todos nós para sobrevivir a estes anos que se nos atemos ás realidades económicas haberá que considerar horríbilis.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora