Vieiros
Editorial - lunes, 26 de julio de 2010
Con fonda dor recibimos esta fin de semana a nova da desaparición de Vieiros, un portal histórico da Internet en Galicia.
A morte dun medio informativo é sempre unha pequena traxedia para a comunidade a que serve, máis se se trata da nosa, tan necesitada de todas as aportacións para o seu progreso cultural e social.
Todos os que estamos inmersos no sempre proceloso mar da Rede en Galicia, sentimos como propios os seus problemas e doémonos da súa desaparición, que produce un importante baleiro no abano dos medios na nosa Internet.
As plataformas e portais en Internet xa con certa perspectiva histórica nós cumprimos xa dez anos; Vieiros quince- temos vivido numerosas dificultades, entre as que hai que subliñar a gran crise de comezos de século cando as punto.com correron perigo importante e moitas desapareceron do mapa intanxible de Internet. E cando demos superado con traballo e permanente esforzo aquela crise de existencia e identidade apareceu a crise brutal que se empezou polo ladrillo e as actividades financeiras foi repercutindo en todos os ámbitos sendo este da Rede un sector sensible a todos os avatares por estar en permanente contacto co conxunto da sociedade.
E sen embargo, todos confiamos en superar esta crise, e as que veñan despois, e así loitamos a brazo partido hora a hora, día a día, ano a ano.
Na loita diaria pola supervivencia, anotamos esta importante baixa nas filas dos medios que aspiran a representar a Galicia, cada un na súa especificidade; cada quen ó seu xeito. Como colectivo decididamente alineado a prol de Galicia, laiámonos da desaparición de Vieiros e agardamos que esta ausencia sexa temporal e nalgún momento poidamos contar de novo na Rede con este senlleiro Portal galego.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora