Á Beira do Camiño: Festa do Apóstolo
Mato, Xesús - lunes, 26 de julio de 2010
Para os cristiáns. Día de Galicia e/ou Patria Galega para os galegos. Tamén patrón de España e moi celebrado en América Central e do Sur. Na actualidade, de moda no mundo, desde o case milagroso renacer das vellas peregrinacións dos Anos Santos e os inventos do Xacobeo. Esperamos sexa para ben, para mellorar esta sociedade desnortada
Festa/Día para analizar e revisar, como crentes cristiáns, a vivencia da catolicidade (universalidade) da Igrexa e o xeito de vivir e transmitir a mensaxe evanxélica que nos legou Santiago. Tamén de imitar a súa vida de amor e de entrega/servizo aos demais. O que queira ser grande no Reino de Deus debe ser servidor de todos nos deixou dito Xesús a todos os seus discípulos e seguidores. Aos seus coetáneos (Santiago) e aos de todos os tempos.
Santiago é modelo do crente: fiel a Deus e entregado aos demais. O seu martirio mostra a súa coherencia de vida. Por enriba de tradicións e lendas, a chamada e esixencia de Xesús a Santiago segue viva e actual. Tamén nosoutros somos discípulos e seguidores do Señor. Temos de mostralo na nosa vida e nas nosas obras. Todos e todas. E sobre todo os constituídos en autoridade (de servizo). Chamada aos nosos dirixentes relixiosos e políticos. E a todos nós. Todos somos e formamos o Pobo de Deus na Terra..
Hoxe, na Ofrenda oficial, vanlle pedir ao Señor Santiago, cousas curiosas e imposibles. Vanlle traspasar as necesidades e problemas que teñen a obriga de solucionar eles mesmos. Van tentar de responsabilizar a Santiago mesmo da crise económica. Vanlle pedir unidade mentres eles seguen divididos. Mesmo nas maneiras de honralo. Celebran tres eventos festivos distintos. Romaría dos populares en Poio (co Misa incluída o sábado), coroas en Rianxo dos socialistas e manifestación dos do BNG na cidade.
Pola nosa banda, preferimos pedirlle pola nosa Igrexa galega (pobo e pastores) para que teñamos coraxe de encarnarnos na realidade da Terra; tamén polos gobernantes para que actúen con espírito de confianza, gratuidade e servizo por enriba dos seus intereses de partido; que teñan en conta especialmente aos nosos labregos, mariñeiros, inmigrantes, obreiros... os máis afectados pola crise. Que deamos exemplo aos milleiros de turistas e peregrinos que nos visitan. Así seremos coherentes á hora de presumir de termos como patrón ao Apóstolo Santiago. Felices Festas para todos!!

Mato, Xesús
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora