Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Foliada de Melide

lunes, 26 de julio de 2010
A Foliada de Melide Que ben estaría eu se puidera ter ido á Foliada de Melide tocando a requinta da Ulla en clave de fa. Sería extraordinario, si. Portentoso; prodixioso máis ben. Porque, claro, nin en clave de fa nin en clave de sol, propia do norte de Lugo, son eu quen de soplar debidamente unha requinta. Xa me gustaría, pero non teño as mañas. Eu non sei, logo, porque escribo esta ánsia inútil e non paso, directamente, a relatar o meu parecer da “VI Foliada de Melide” polo que toca ao domingo, día vintecinco de abril.
Porque, se me achegase, o sábado, vintecatro, houbera podido facer coros no concurso de Cantos de Taberna, que seica estiveron históricos. Pero como eu non os disfrutei sintome amoladísimo e permítome o ensoño de imaxinalos:

Arriba laranxa,
abaixo limón,
Os mozos de agora
nin un patacón.
Nin un patacón,
nin un patacón.
Arriba laranxa,
abaixo limón.

Predispóñome con esta parte da cantiga popular escoitada na Praza do Convento, na dozura das cantareiras do grupo “Brisas do Quenllo” de Numide, Concello de Tordoia.
Coincidiron o domingo, vintecinco, a prologación da “VI Foliada de Melide” e o tradicional mercado que se celebra na Praza das Coles. Imaxínense a manifestación popular, cantidade incontable de persoal de moi diferentes idades, chegado de todos os lugares imaxinables. Tanto persoal, que nin a Policía Local, nin a Garda Civil, que son os que contestan a estas preguntas, tendo eu as súas apreciacións por firmes e de misa maior. Pois, nin eles foron quenes de facilitarme o dato. Eu creo que eran milleiros longuísimos os que alí estabamos para disfrutar do mercado, da festa e de Melide.
Os froitos do campo na Praza das Coles. Ben chamada, porque xamais ollei tantas coles xuntas: coles vizosas, coles verdes, coles coas raicíñas ó aire; coles que estaban convidando a ser mercadas para prantar un horto precioso, coles de raza; coles das Terras de Melide. Queixos, mel, cárnicas; leitugas apretadas e de follas rizadas. Tamén repolos e repolas de Carbia (Vila de Cruces), que sendo da mesma familia, teñen distinta condición e as sús diferencias. As repolas de Carbia, coñecidas como “cabeza de boi” son dun gusto especialísimo. ¡Por algo son repolas!
O paseo pola Praza das Coles foi unha mostra dos exquisitos produtos de Galicia. Parecía que o máis escollido estaba alí, ofrecido, a prezos imposibles de rexeitar.
Por alí vagaba eu, cando oín unhas cantigas, que me levaron á Praza do Convento. Quedeime nun abraio coas actuacións de “Airiños Galegos Doce Albor” de Santurtzi, do Centro Galego de Santurce (Euskadi), e despois, con “Brisas do Quenllo” de Numide:

Arriba laranxa,
abaixo limón.
Os mozos de agora
nin un patacón...

Mostra de canto e de baile tradicional. Do raizado. Do nóso. A excelencia do domingo na “VI Foliada de Melide” agás os Cantos de Taberna, que como contei, perdín.
Artesáns tecendo na praza, sen faltar a tecelán de Triacastela, provincia de Lugo, que a sitio que vou, alí nos vemos. Artesáns da música, do barro; un museo aberto de vida de Galicia e das Terras de Melide, para admirar por xunto e quedarse pasmado do inconcebible, diverso e extendido polas vinteseis parroquias do concello, sumando as da vila e capitalidade, Santa María e San Roque. Lembro e conto: O Meire, Moldes, Orois, O Barreiro, Baltar, Os Ánxeles, Abeancos, Pedrouzos, Campos, Castro, Zas do Rei, Xubial, Folladela, Maceda, Vitiriz, Santalla de Agrón, San Cosme de Abeancos, O Leboreiro, Grobas, San Cibrao, Furelos, Gondollín, Golán e San Martiño dos Varelas. Se me esquecín dalgunha, ainda que de devoto ando baleiro, prégolle perdón ó Cruceiro de Melide, ou mellor, canto a carón da Capela do San Roque, que está ao par:

AÍ VÉN O FURELOS

Do Careón baixa o río,
co seu natural fermoso
e cando chega a Melide
queda nun total repouso.
Aberto coma unha palma
inmaculado e máis mozo.

O Río Furelos sabe,
que é vea fundamental.
Bica nas terras que ama
brinca na prai fluvial.
Salta de gozo e alegría,
construe fervenzas brancas,
rizos de auga enrizada
en remansos de cristal.
Algo triste ponse o río
cando pensa, nun pensar,
nas augas que se arremuiñan
en Portodiz; Portochao.
.....................................
Refeito deses momentos,
o Río Furelos sabe
que é o zume alicerzal.
Por iso baixa de Toques,
fino como un alfinete,
arando a terra despacio;
soñando, amando, querendo;
por algúns pousos tremando;
máis que ferir, abrazándo,
en paixón de adolescente.

Coma un doncel, rumorando
disposto a galantear.
En palabriñas, fiando,
polo baixo, e en segredo,
aí vén o Río Furelos
a Melide, a namorar.

Así cantei na Praia Fluvial de Furelos. Eu creo que cantei polo meu adentro. Non sei. Estou en que cantei ao baixo, pero algún alto me debeu saír, porque uns rapaces, que andaban por alí, fóronse de contado como pedindo socorro. Non sei. Polo momento, non me chegou reconvención nin multa algunha asinada por Socorro Cea Vázquez, alcaldesa de Melide.
Bueno, polo momento.

Datos de Melide e das actuacións na VI Foliada: Milieriata en Terras de Abeancos: Melide, así citada nun documento do 1189, nun Tumbo do Mosteiro de Sobrado dos Monxes. En fin, Melide foi sempre Melide ata que lles deu por castelanizala, para, afortunadamente, voltar ó seu nome orixinal. A etimoloxía de Melide non está clarificada dun xeito axustado: ¿Melide de miliario?, ¿de Milite? Poñamos que Melide foi, é, Melide desde o seu nacer. Deixoo así, que con esto enredaríamos moito. E agora quero pór os nomes dos grupos que interviron na “VI Foliada de Melide”. E resumir que esta foliada hai que ir vela e disfrutala, integramente, para o vindeiro ano. E ollar Melide, ao concello por completo, gozalo en cantas ocasións se poida. Vinteseis veces, polo menos. E centos de veces máis. E aínda así, centos e centos de admiracións quedaran fóra de nós e haberá que voltar para recrearse.
Que a estrada de Santiago a Lugo parte á vila de Melide en dúas metades sabeo todo o mundo. E todo o mundo sabe que o concello de Melide é un museo aberto de historia, de arte e de vida. Escribir que pertence á provincia de A Coruña e o Partido Xudicial de Arzúa, case é unha redundancia. Que é Camiño de Santiago, é o abecé.
Sabendo todo isto, sabendo que é un pracer inexplicable, sabendo que en pousada e en gastronomía é unha flor, sabendo como se move a movida en Melide; imposible pasar sen ir.
En canto a “VI Foliada de Melide” organizada pola Asociación Cultural Castelo abreuse o pasado vintecatro de abril, sábado, ás once da mañá con relevantes actos como o concurso de Cantos de Taberna, no que participaron o grupo Axóuxere de Melide; o grupo Visantoña de Santiso; Bingo Birón de Toques, Rondalla Moraima de Arzúa, Fiadeira de Antas de Ulla, O Trasno de Santiago, Reviravolta do Pino, Sobreiras do Ulla de Touro, Alén do Mar de Bergondo, A Jaita do Avó de Marín, A Requinta da Laxeira de Vedra e Airiños Galegos Doce Albor, de Santurtzi, do centro galego de Santurtzi (Santurce, Euskadi).
A “VI Foliada de Melide” rematou o domingo coa actuación na Praza das Coles dos grupos Herba Grilleira, Froito Novo, Axóuxere, Vaiderela e Abeancos, do Concello de Melide, e os de Fol da Chousa, de Visantoña; Bingo Birón, de Toques; A Maristela, de Sobrado; Fiadeira, de Antas de Ulla; Falcatrueiros, de Monterroso; Pandereiteiras, de Sarria; Bico da Balouta, de Agolada; Xirandola, de Bandeira; Pao de Buxo, de Silleda; D. Outesón, de Serra de Outes; Maghúa, de A Coruña, e Airiños Galegos Doce Albor, do Centro Galego de Santurtzi.

Documentación facilitada polo grupo Airiños Galegos Doce Albor:
CENSO DE GALEGOS, POR PROVINCIAS, RESIDENTES EN EUSKADI
A Foliada de Melide

A “VI Foliada de Melide” completouse con seminarios, conferencias, marchas gaiteiras, obradoiros abertos; teatro, títeres, exposicións de artesanía e mercado. E no mercado, coles. Coles das mellores que se poden atopar para envexa das hortas máis fértiles; máis vizosas

Do Careón baixa o río,
co seu natural fermoso
....................................
Aberto coma unha palma,
inmaculado e máis mozo,
disposto a galantear,
aí vén o Río Furelos
a Melide a namorar.
Gzlez.Vigo, Marcial
Gzlez.Vigo, Marcial


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES