Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A miña experiencia no cárcere

martes, 20 de julio de 2010
Na miña familia, cando nós eramos nenos, rezabamos polos presos do cárcere. O meu avó e o meu pai sempre nos falaron desta realidade con verbas de agarimo, de comprensión e de misericordia. Tamén se acollía na casa aos toliños e vagabundos.
Xa de adulto, admirei a Eliseo Ruíz de Cortázar, “Cuco”, porque el ía ver aos presos. Mas eu tiña medo de dar este paso e non sabía como facelo. A cousa ficou aí.

Hai coma oito anos, nunha conversa privada, oínlle falar a Víctor, un crego novo de Santiago, con verdadeiro amor e tenrura das persoas que el encontraba alí cotío. Era capelán en Teixeiro. Pedín que nos fixera un relato para o grupo que aquel día estabamos naquela reunión. Impresionounos. Mas, que lonxe estamos desa realidade na que todos estamos implicados!

Por xullo do 2009, o cárcere petou por segunda volta nas portas da miña conciencia dunha forma moi directa. Non debía darlle máis largas. Xesús estábame a dicir: ...estiven no cárcere e non me fuches ver. (Mt 25, 43). Despois de varias voltas non acertadas, conseguín o que eu buscaba.

Tiven a sorte de encontrarme cun home de Deus, sacerdote exemplar, de poucas palabras e de moitos feitos, de gran paz e eminentemente pacificador. Admiro del como é capaz de tratar a cada persoa con auténtica empatía evanxélica. Sabe escoitar. Coa súa bonhomía, el abre posibilidades e inspira confianza. Ten moi claros os obxectivos e vive nunha grande entrega aos demais. Nel cúmprese: Nin o ruído fai ben nin o ben fai ruído. Felices os limpos de corazón, porque onde poñan os ollos verán a Deus. (Mt 5, 8). Manolo, Don Manuel García Souto, é un deses de corazón limpo.

Foi da man del, a quen non coñecía anteriormente, como fixen esa primeira visita. Ía con verdadeiro medo de non saber situarme axeitadamente e penso que se me notaba dunha forma moi notoria. Cando despois de tres horas estiven de novo na rúa, algo moi fondo se removeu en min, porque me interpelaba na miña totalidade.

D. Manuel, Párroco de Teixeiro e Capelán do Centro Penitenciario de Paradela, prudente como el sabe ser, deixoume caer unha invitación: E logo ti non poderías colaborar nun voluntariado de atención aos presos? Os cárceres son de todos. Da sociedade, das diversas institucións. E dos crentes, seguidores de Xesús, o Cristo, por suposto que tamén. Necesítase axuda. Pénsao. E dixen, xa daquela, que si.

Este home ten o don de non apurar os procesos de maduración das persoas. Sabe respectar os ritmos. Cando ía xa para seis meses, un saúdo agarimoso cunha chamadiña axeitada. E ao final: Por certo, segues a estar na idea de colaborar no voluntariado do que che falei? Pois, entón, mándame por mail os datos precisos que che especifico.
A cousa está aínda nos seus inicios. Van aló case dous meses. Mas quero desde agora dar as grazas:
1º.- Ás persoas coas que estou a traballar e me reúno semanalmente. Algún día expresarei polo miúdo as moitas razóns para estar agradecido.
2º.- A Manolo, persoa boa e de quen recibo atencións que eu non merezo.
3º.- A Deus, porque me enviou un revulsivo fondo para a miña existencia que me está a axudar a encontrar na miña terceira idade un verdadeiro sentido para compartir de forma proveitosa outro cachiño da miña vida.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES