
Velaquí un obituario xeral ás almas galegas anónimas. A todas as persoas galegas, das que non se escribe unha liña polo seu tránsito. A todas as persoas galegas das que só se sabe que existiron, que viviron, que loitaron, que respiraron, que tusiron, que laiaron; que porfiaron, por nun despacho do rexistro civil, ou nos asentos de nacementos, bautismos e mortos dos libros das parroquias. Almas galegas, das que só se sabe do seu pasamento dentro dunha área reducida: na súa parroquia, nas estremas; na aldea, no seu barrio ou, ó peor, nos almacéns dos esquecidos: arrumbados, sen voz, sen casa, sen unha palabra familiar, sen un bico na noite. Sós, en compañía. Coma nun faiado. Sen nada.
Ás almas galegas, que só tiveron ou teñen un solitario recordo cravado nun poste do sostén eléctrico, sobre a porta dun alpendre, ou nos carballos á ourela dos camiños.
Para este obituario xeral tomo como razón, como motivo, o pasamento de Xesús Villamor Cabado, fillo de Vicente Villamor, o cesteiro de Piñeiro. Xesús faleceu entre os seus, na Casa de Cabado, da aldea de Vilares, parroquia de Paradela, Concello de Toques, provincia de A Coruña. Marchouse o 26 de abril, deste ano no que estamos, cando o finado contaba 89. O funeral e enterro, dous días en adiante, o 28, mércores, na igrexa parroquial e no cemiterio da freguesía de Paradela.
Réquien de Vilares
Onda o Camiño da Golfa,
na fonte que mana claro,
oín ós muíños do Estreito
a ladaíñas e salmos.
Arados na tua pel, fondas de profundidade,
labrados do teu vivir, amores e honestidade:
Á terra na que viviches, ós regos de augas colgadas,
ás veigas que traballaches, ós montes das pedras anchas;
ás corredoiras que andaches; ós olvidos das distancias.
Ó alcacén sementado, ó millo, ó trigo, ás patacas;
ó carro que ía cantando polas restrebas de Brañas.
A Toques do teu nacer, ás terras dos teus asentos.
ás vacas da dualidade rastrelándo sen folganza,
que deron leite bendito e crias para a crianza.
Lealtade, lealtade; aos dicires e ás palabras,
á lingua que ti falaches, entre medos e entre chanzas.
Ó espantoso pavor; ós impostos e ás cobranzas;
ós pánicos dun fusil, en noctámbulas quebradas,
aos paseos, sen regreso; ao retumbar das chamadas,
á corda movida ao vento, sen os sons das badaladas.
Ó premer da dictadura, sen conciencia e desalmada,
á covardía valente de catro pichocas albas.
Vela, Xesús Villamor, no teu illar da Eirexe.
Vela polo neno pobre e pola neniña orfa.
Vela intenso, vela denso; vela, se podes, e canta,
que a tua alma, ó cantar, pon a Galicia máis rexa.
Onda a Fonte das Mentiras
sonou un réquiem cantado,
velarizouse na auga
doutro réquiem máis amargo.
Réquiem de Mangüeiro
Ás almas sen nome e sen destino,
ás que se foron sen consolo,
sen un abrigo propio, almacenadas;
ás que se van nun rego de miseria
extraídas de sangue e de suores;
ás que fican, sóas de amor, aniquiladas;
ás que morren proídas en dolores
ausentes, de ausencias, e esquecidas.
Ás que deron o que puideron dár,
todo o que da súa mismidade souberon:
Un cantar na noite, un bico e un alivio.
O Réquiem de Mangüeiro
nin é rezo nin é pranto,
son dous chantos cincelados,
entre o arrepío e o espanto.
réquiem ás almas pequenas, encollidas entre medos,
ás soedades, que en cedo, aprenden a ser galegas.
Réquiem ás urbanizadas, no cemento do desprezo,
ás almas que non lles deron nin na costura, un remendo.
réquiem polas que viviron en secretismo patético,
ás almas do fiminino, doces, en duro lamento.
réquiem ás que labouraron con infinita paciencia,
ás almas da ancianidade nas últimas resistencias.
réquiem ás novas, que morren nos arrós das madrugadas,
sobre autos de forzas sobras, nun desenfreno sen taxa.
Réquiem polas que cantaron, co rouco das súas gargantas,
o galaico amencedor do mecerer dunha Patria.
réquiem polas que non teñen nin un recordo, que garde
extraviados informes mollados na sabia árbore.
O Réquiem de Mangüeiro
será posto nun carballo,
cravado a puntas ferruxas
á beira dun pino manso.
O Réquiem de Mangüeiro
naceu do Illar de Xesús,
cantado a voces de dous
cunha cara e cunha crus.
O Réquien de Mangüeiro
brotou na Casa Cabado.
Cantar ás almas anónimas
pingando sobre mollado.
O Réquiem de Mangüeiro,
é coma un río fuxido,
que escribe en auga incolora
sen atopar seu domingo.
E queda nunha represa
en revoltas de chicoria,
xirando en ondas dispersas
perdidos leito e memoria.
Reproducción literal da necrolóxica, que estaba no taboleiro da Taberna de Carreira, da parroquia veciña, de Brañas.
Pregade a Deus na caridade pola alma do señor Don Xesús Villamor Cabado. Faleceu en Vilares-Toques, o día 26 de abril de 2010 ós 89 anos de idade, confortado cos Santos Sacramentos e a bendición da S.S. Descanse na Paz.
A súa dona: María Álvarez Varela; fillos: Anselmo e Vicente Villamor Álvarez; filla política: María Cruz López Corral; neto: Xoán Vicente Villamor López; neta política: Sonia Varela; irmáns: Amador, Xosé e Celia Villamor Cabado; irmáns políticos: Alfredo Castro López e Concha Ferreiro; sobriños, primos e demais familia pregan unha oración pola súa alma.
Nota: Gracias a Tonecho Villamor Corral (sobriño do finado) por terme levado a Vilares, na de Paradela, de Toques. Gracias a Xosé Luis Rúa, da Funeraria El Mueble, de Melide, por ise dato que me deu, a deshora e en domingo.