Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pan e circo

lunes, 19 de julio de 2010
Estamos nos últimos latidos da euforia do mundial de fútbol. Nunca tantas bandeiras de España se viron polas rúas e nos balcóns das casas desde a restauración da democracia no noso país. Quen nos ía dicir aos da xeración de maio do ’68, tan críticos e iconoclastas, que as novas xeracións vibrarían de entusiasmo e emoción coa enseña nacional como vimos nestes días!

O certo é que cada xeración pon a súa propia impronta, á marxe do que recibiron dos seus pais e avós. É unha maneira de afirmarse e demostrar que os xoves queren rachar con determinados convencionalismos do pasado e dicir que efectivamente eles son diferentes e orixinais. Nada novo, pois. Nós fomos así e tamén sempre foi así. Por algo os máis escépticos e resentidos, ante os excesos e innovacións dos xoves, sentenciaron: “a xuventude é unha enfermidade que se cura cos anos”.

Pero volvamos ao tema que nos ocupa. Isto do fútbol está sendo como unha válvula de escape para esta sociedade sumerxida nunha crise económica e moral, de consecuencias difíciles de predicir a curto e medio prazo. É aquilo da Roma antiga, cando os emperadores, para despistar a atención dos cidadáns sobre os problemas reais e deste xeito consolidarse no poder, regalaban ou abarataban o pan e organizaban o espectáculo do circo. É o clásico eslogan do “panem et circenses”, “pan e circo”, que se pode aplicar en gran parte ao momento que estamos vivindo.

Non estou en contra do fútbol, nin do gran papel da selección española neste mundial, e moito menos dos seus xogadores e o equipo técnico, concretamente, do seleccionador Vicente del Bosque, home discreto, responsable e sabio onde os haxa. O que si hai que dicir é que o espectáculo é pasaxeiro e que os problemas seguen aí. Por exemplo as vítimas da crise económica: traballadores que pasaron ao paro, pequenos empresarios e autónomos obrigados a pechar, familias sen recursos, emigrantes que teñen que retornar, etc. Cáritas, tanto no ámbito nacional e diocesano como parroquial, sabe ben que isto é así cando discretamente reparte alimentos e roupa, axuda a pagar medicamentos e recibos de luz, acolle a persoas sen teito e trata de achegarse a quen sofre e precisa calquera axuda.

Hai tamén outro tema, menos mediático pero de non menos importancia, porque afecta a un dereito fundamental da persoa: o dereito a nacer e a vivir. Refírome a entrada en vigor da nova lei do aborto que amplía os prazos e facilita a súa realización, mesmo ás menores de idade, convertendo este acto inhumano nun dereito social, politicamente recoñecido.

En cambio un cristián, e mesmo tamén calquera persoa cun mínimo sentido común, ten que estar a favor de quen sendo xa persoa, non só “un ser vivo”, ten dereito a nacer e ser acollido con amor por uns pais; a favor das nais necesitadas de apoio familiar e social para ser e exercer o que, por outra banda, é tan natural e fundamental: a maternidade; a favor, en definitiva, da cultura da vida, hoxe lamentablemente ameazada.

Oxalá que, unha vez celebrado este triunfo histórico da selección española, volvamos á normalidade da vida cotiá, afrontemos este momento desde o esforzo e austeridade, avancemos en solidariedade e humanidade para dicir “si á vida” e á “calidade de vida” para todos, acolléndoa, coidándoa e potenciándoa como o mellor agasallo que recibimos da natureza e, en definitiva, de Deus mesmo.
Rodríguez Basanta, Antonio
Rodríguez Basanta, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES