O coche eléctrico
Editorial - lunes, 19 de julio de 2010
Está aí, á volta da esquina. Por fin parece que imos poder dispor de coches que consuman enerxía eléctrica, rompendo o monopolio dos combustibles de orixe orgánico, de oneroso custo e forte contaminación.
Parecía unha misión imposible, pero as crises enerxéticas -que xa houbo unhas cantas- fixeron agudizar inxenios e seguir a investigar nas posibles solucións para lanzar ó mercado un vehículo eléctrico competitivo diante de calquera outro actualmente no mercado.
Lonxe aquelas fantasías do coche alimentado por auga, con enerxía obtida por electrolise; dos complicados sistemas a base de gases licuados ou en bombona, o coche eléctrico manifestase unha iniciativa destinada a triunfar máis tarde ou máis axiña.
Nas nosas festas, os coches eléctricos levan arredor de sesenta anos sendo unha atracción de éxito garantido, pero pasar do xogo á utilidade práctica requiriu un ben longo camiño, itinerario que parece estar chegando a bo termo cando a factoría de Citroen en Vigo pode comezar moi axiña a fabricar un vehículo eléctrico, se as condicións do contorno político son favorables, e se do mesmo xeito que se ten axudado ó sector na venda de vehículos tradicionais as diversas administracións se pronuncian decididamente por un vehículo para o futuro.
Está aínda recente o apoio oficial ás vendas de vehículos para a renovación do parque e animación do sector, vehículos que suponen aforro na emisión de gases, maior garantía de seguridade e impulso para un sector básico da economía.
O coche eléctrico parece ser o seguinte paso. E se se retrasa será por problemas alléos ó sector, ou que ó sector lle sobreveñen. Pero a súa aparición e lento pero progresivo afianzamento marcará un antes e un despois na historia do automóbil. E na nosa propia historia.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora