Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Na busca da excelencia

jueves, 15 de julio de 2010
O pasado domingo foi un día de gloria. A selección de fútbol gañou a final do campionato do mundo por primeira vez na súa historia, fronte a unha Holanda que fixo un xogo rudo e violento que non lle abondou para frear aos nosos. Todos agardabamos que gañase este equipo, ainda que o feito de chegar á final era xa un éxito incuestionable. Xogaron once mozos, procedentes dos distintos pobos de España, que perseguían un obxectivo común, o triunfo, pero toda unha multitude sentíase representada nesta confrontación. A nosa autoestima colectiva vese alimentada por este resultado. Somos capaces de estar entre os mellores e de gañar de xeito brillante.

Estes enfrontamentos non deben deixar rancores nin contas pendentes. Os afeccionados poden ver o partido xuntos no mesmo bar, e os xogadores de ambos os equipos abrázanse ao final. Tamén é certo que o fervor colectivo destes días ten efectos colaterais pouco desexables: a exacerbación do patriotismo, a proliferación das bandeiras ("Detrás das bandeiras sempre veñen os exércitos", dicía Borges), as actitudes gregarias e os excesos na celebración.

O fútbol provoca sentimentos de identificación e todos participamos das peripecias e da incerteza do xogo. Porque nun partido, como na propia vida, existe sempre unha marxe para o azar, para o erro arbitral, para o fallo inesperado, para o penalti inxusto, que condiciona o resultado de xeito definitivo. Cando España perdeu o primeiro partido contra Suíza houbo dúbidas e críticas. Os expertos anunciaban a catástrofe. Os entendidos afirmaban que non era o momento do xogo bonito senon de gañar a calquera prezo. Mesmo Maradona, ese bufón histriónico e demenciado, inchado de vaidade, pensou que era o momento da mofa: "La tocan, la tocan, pero ¿cuando piensan meterla? Habrá que ponerle las porterías en los costados".

Algunhas seleccións chegaron a Suráfrica coa convicción de que estaban condenadas ao éxito. Arxentina, Brasil e Italia están a analizar as causas da súa derrota. Francia converteu o seu fracaso nun asunto de estado. Pola contra a selección española abordou a competición desde a humildade e o traballo colectivo. Fixeron un formulamento de rigor táctico e buscaron novos paradigmas. Deixaron atrás a "furia española" e buscaron a calidade e a precisión. Na vez de destacar o heroe individual fan unha proposta de xogo colectivo. No sitio da filigrana e o adorno procuran o toque, o apoio mutuo e a solidaridade na posesión do balón.

Este equipo fixo unha aposta pola excelencia. É un grupo que tenta sacar o maior partido do talento de cada un e aproveitar ao máximo as calidades persoais para o beneficio colectivo. Á fronte está Del Bosque, un home tranquilo e sobrio, que afrontou os momentos difíciles con grande elegancia e corrección. Haberá que seguir o exemplo, haberá que perseguir a excelencia noutros ámbitos da nosa vida colectiva. Grazas, rapaces.
Vaamonde, Pablo
Vaamonde, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES